III Foro "Lugh Augusti"

miércoles, 12 de abril de 2017

Retorno e porvir dunha ilusión



M. A. Martínez


O filósofo Louis Althusser en Iniciación a la filosofía para los no filósofos (Siglo XXI, Madrid, 2016) explica como calquera ideoloxía non é arbitraria. Non xorde por casualidade, nin por azar. Sempre indica cuestións ou problemas reais, aínda que aparezan revestidos. Unha ideoloxía tamén apunta a unha forma de descoñecemento e, por esta razón, ilusoria. Así, calquera ideoloxía ten un duplo carácter: é un coñecemento con forma de descoñecemento e unha alusión con forma de ilusión.
A ilusión non é un erro. Quen erra equivócase, mais pode recoñecer o seu fallo, adherirse á verdade. Porén, a ilusión é dura, permanente. A súa función é perdurar. Agocha unha causa que non pode coñecerse e que necesariamente se descoñece. Esta causa está nalgo que supera aos individuos: o social. Está nos suxeitos sociais. Os intereses aos que serve son os de certas causas ou valores dos suxeitos sociais.
O funcionamento da ideoloxía pode ser descrito. Supoñamos que é necesario que todos os individuos dunha sociedade sexan dominadores ou dominados, e que acepten libremente algunhas evidencias (por exemplo, a moral relativista, a inutilidade da educación, a utilidade das novas tecnoloxías como solución aos problemas persoais, a banalización da violencia). Se este é o caso, e sen que ninguén sexa o seu autor declarado, xorde un sistema de representacións verdadeiro e falso simultaneamente. Verdadeiro na medida en que ten en conta realidades vividas polas persoas. Falso na medida en que impón a súa verdade a esas vivencias para conferirlles o "sentido verdadeiro" e configuralas segundo ese "único sentido" (coa prohibición engadida de contrastalo con outros posibles sentidos). Isto é a ideoloxía segundo Althusser: coñecemento e descoñecemento, alusión e ilusión. Un mecanismo de enunciación: ante a experiencia máis simple enuncia cal é a súa verdade pasada, presente e futura.
As sociedades actuais semellan recuperar algunhas ideoloxías desafiuzadas pola historia. Ideoloxías que arranxan a verdade de calquera acontecemento. Que prescriben de antemán a verdade co metaenunciado "non hai verdade". Estas ideoloxías interpelan os individuos no seu carácter de suxeitos (sociais) para, a través das súas vivencias (individuais), erguelos ao campo da subxectividade colectiva que lles doa sentido ás fendas que os quebran. Esta determinación particular é o mundo no que os individuos se recoñecen como suxeitos. É o suplemento que funciona como abstracción que agrega ao concreto unha relación (social, lingüística, emocional) que o constitúe e domina. É o propio dunha ilusión: un nada que se apropia do concreto até que chega a producilo.
"A responsabilidade social do filósofo", do filósofo Raymond Aron, conferencia recollida en Dimensiones de la conciencia histórica (Página Indómita, Barcelona, 2017), serve de complemento a Althusser. Aron distingue entre o técnico, o ideólogo, o filósofo. Filósofo é quen ten a responsabilidade de interrogarse polos límites, e nos límites, da obediencia e desobediencia, no limiar da responsabilidade social. Se Althusser convoca a destapar a ideoloxía, Aron advirte de que hoxe o poder demanda dos técnicos e ideólogos non só obedecer, senón xustificar a obediencia. O filósofo, pola contra, busca a verdade, resiste a coacción. Medite sobre o mundo ou se comprometa coa acción, ensine a obedecer as leis ou a respectar os valores verdadeiramente humanos, cumpre coa súa función dentro e fóra do estado, compartindo os riscos do seu rumbo. Entre o relativismo histórico dos técnicos (en realidade antihistórico) e a adhesión fanática dos ideólogos (a unha causa sempre sita no porvir), o filósofo mantense firme na reflexión crítica que alerta sobre o retorno histórico das ilusións e o porvir que nelas se acubilla.


Publicado no Progreso o 8-4-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario