III Foro "Lugh Augusti"

martes, 22 de mayo de 2018

Fascismo hoxe: Entre latente e patente


Gonzalo Pérez López


Observo con inquietude crecente o incremento de tendencias autoritarias, apenas cuestionadas pola cidadanía, a costa de enfraquecer o sistema democrático. Tras un verniz de formalidade democrática agóchase a reactivación dun fascismo  non necesariamente mimético co movemento e a estrutura política que se concretou nun país e nun goberno na primeira metade do século XX. Liberado da parafernalia deste, o que pulula libremente na nosa democracia e noutras das consideradas como consolidadas trátase dun fascismo antropolóxico e social, estruturado a base de múltiples microfascismos inseridos na vida cotiá e, polo tanto, difíciles de detectar e de asociar ó posible resultado final ó que poden conducir, ó fascismo sen máis.
Tomo  prestado o termo de Deleuze, pero sen o seu nesgo psicoanalítico, xa que só pretendo que me facilite unha aproximación ó que significan social e politicamente determinadas actitudes moi asentadas actualmente.
Trataríase de esbozar as características deses microfascismos que se manifestan no día a día en todos os ámbitos e que concordan co poder establecido na casa, na educación, no traballo, nas relacións interpersoais, no estado, etc. Non son casuais, nin necesitan dun estado totalitario para poñelos en marcha, senón que responden a unha estratexia promovida polo capitalismo actual para reforzarse como tal. Hai quen defende que non os necesita ó non existir ningún contrapoder capaz de frealo, pero o certo é que a potenciación dos microfascismos na vida cotiá coadxuva ó sometemento pleno que, doutro xeito, podería provocar resistencias gravosas para os seus intereses.
Unha coidadosa secuencia trazada polo poder establecido activa eses microfascismos que aniñan no suxeito sen decatarse que o son. Inoculan elevadas doses de individualismo, co seu corolario de competitividade, necesidade de triunfar e de ser único, renuncia ó comunitario, sobrevaloración do privado fronte o público, xenofobia e sociofobia, todo orientado a evitar o afianzamento das relacións solidarias. O fracaso obxectivo (paro, precariedade laboral, provisionalidade, diminución do benestar etc.) ou a percepción como fracaso pola distancia das expectativas creadas, provocan ansiedade, frustración, inseguridade e medos, caldo de cultivo idóneo para propiciar posicións dogmáticas de diversa índole, desarraigamentos varios,  identificación co poder e culto ó autoritarismo, conformismo e aceptación acrítica da desigualdade (entre fortes e débiles, homes e mulleres, países, culturas, …) como  algo natural.
Por fin, para sobrevivir á derrota, fannos  ceibar a nosa parte escura, renunciando aos valores morais, elevando a nosa autoestima a base de recorrer á dureza, ocultando a nosa vulnerabilidade, abandonando a empatía, anulando a discrepancia, abrazando prexuízos, deshumanizándonos e canalizando impotencias e frustracións a través da violencia, física ou psicolóxica, exercida sobre alguén máis débil.
Permanentemente sometidos a este modelo secuencial que destrúe a subxectividade e coarta a autonomía de pensamento, os microfascismos fan metástase por un tecido social sen defensas. 
Microfascismos e fascismo sen prefixo retroalimentanse. Exemplifiquemos. Colocar concertinas no norte de África ou disparar contra  inmigrantes indefensos para impedir que accedan a Europa sería fascismo; non reaccionar a isto ou mostrar aquiescencia sería un microfascismo. Poñer en dúbida que unha relación non consentida é unha violación porque a vítima  andaba a horas impropias  para unha muller ou por non opoñer suficiente resistencia sería un microfascismo; que un xuíz ditara sentencia absolutoria do violador baseándose nos motivos anteriores sería fascismo.
Polo tanto, os límites entre ambos son difíciles de trazar. Así, facerse eco e difundir chistes, chanzas, rumores e falacias que alimentan actitudes represivas, xenófobas, racistas, sexistas e machistas son microfascismos. Tamén o son as actitudes excluíntes, deshumanizadas, humillantes e as micro agresións físicas ou verbais. Pero poderían ser fascismo,  dada a súa potencialidade para dar ese salto cualitativo, dependendo tanto da súa acumulación nun protagonista como do nivel de consciencia e responsabilidade deste.
Ante a denuncia da perigosa situación que se está xestando, os gurús do rabaño, encargados de xestionar os desencantos, arremeten contra os denunciantes sen rebater os seus argumentos, confirmando así a quebradiza saúde da nosa sociedade.

Publicado no Progreso o 19-5-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario