III Foro "Lugh Augusti"

miércoles, 2 de mayo de 2018

Masculinidade e poder


Mar Carballo Cela

Na nosa tradición cultural, xa desde Grecia, a cidadanía foi sempre masculina, unha cidadanía caracterizada polos valores que o patriarcado lles asigna ós homes, marcando unha importante diferenza cos valores femininos. Eles, representantes da racionalidade, apropiáronse do público; e elas, puramente emocionais, quedaron relegadas ó ámbito privado, habitando estes espazos con maneiras de ser ben diferenciadas: as mulleres como coidadoras, submisas, doces, pacientes e comprensivas, tal e como corresponde a un reconfortante contorno familiar; os homes, valentes, dominantes, competitivos, arriscados e, a miúdo, solucionando violentamente os conflitos, tanto sociais como persoais. Estes últimos serán, polo tanto, os valores hexemónicos no espazo político, un espazo no que non teñen cabida as emocións -síntoma de debilidade-, coa triste consecuencia de que aínda hoxe nos pareza normal a guerra ou as atrocidades que seguen acontecendo, xustificadas pola necesidade dunha autoridade puramente racional, fría, e sen concesións, como é de esperar dun home. É o resultado  de continuar educando nun tipo de masculinidade afastada da sensibilidade, e que seguimos admitindo como natural. E se as mulleres se achegan ó espazo público, normalmente asumen este patrón de comportamento, confundindo a igualdade coa asimilación ó modelo dominante.
Cando se fala de xénero adóitase pensar nas mulleres, e poucas veces se centra o debate na maneira tradicional de ser home e na súa negativa influencia, tanto no eido persoal como no social e político. A necesidade de socializar en novas masculinidades é unha urxencia á que se lle presta pouca atención. A boa nova é que cada vez hai máis homes preocupados por este tema, que tomaron conciencia e queren poder ser homes sen a camisa de aceiro que os mantén atrapados impedíndolles ser eles mesmos, esa “mística da masculinidade”, como di Octavio Salazar, que os fixo escravos (“Maculinidades y ciudadanía” , Dykinson, Madrid, 2013); porque o rol masculino hexemónico ten aspectos prexudiciais non só para as mulleres, senón tamén para os propios homes e a sociedade no seu conxunto.
É necesario promover mediante a educación virtudes cívicas liberadas dos estereotipos patriarcais asignados ós varóns para exercer a actividade pública. Hai que desmontar a masculinidade dominante que impregna o poder e educar ós homes na cultura da sensibilidade, dos coidados, da paz; inculcarlles que se pode ser home sen ter que demostrar temeridade, agresividade ou competitividade. Hai que educar por igual a homes e mulleres en novas identidades que potencien o mellor da nosa humanidade, para convivir no público e no privado. Novos modelos, cos que poder identificarnos, para unha nova época.
Isto é o que propón o feminismo. O feminismo non é un asunto de mulleres, é a teoría explicativa dun sistema social que dominou a historia humana, e que nos axuda a comprender o que hoxe somos como individuos e como sociedade: o patriarcado. Un sistema incapaz de prescindir da violencia como instrumento inherente ó poder, e que continúa socializando ós nenos en xogos para competir, pelexar e destruír dun xeito tan natural, como se iso fose a esencia propiamente masculina: o que chaman virilidade. Non hai máis que botar unha ollada ó cine, ós videoxogos ou a moitos programas televisivos para decatarse de que os modelos patriarcais seguen de plena actualidade. E non esquezamos que o que se interioriza na infancia e na adolescencia marcará o futuro da nosa sociedade.
A democracia esixe inculcar valores que nos axuden a tomar decisións xustas, sensibles ante situacións precarias e discriminatorias de todo tipo. Sen cidadáns virtuosos a liberdade perde o seu sentido de ser. Debemos entender a liberdade que nos ofrece a democracia, como dicía Camus, como unha oportunidade para ser mellores. Non podemos avanzar cara a paz e a xustiza social co lastre de anacrónicos modelos de masculinidade asociados ó poder.

Publicado no Progreso o 28-4-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario