José Domingo de Prada
Parece estraño que sociedades tan complexas como as nosas que tecen
permanentemente intricados labirintos de relacións, significantes e
interpretacións potencien de forma tan convulsa o desexo nos individuos, pero
esta é a situación na que nos atopamos. As primeiras sociedades capitalistas
defínense a través do traballo e moven aos individuos pola necesidade, en
cambio, as actuais fano a través do desexo e móvense por sedución.
Que sociedades formais, regulamentadas e sometidas a cambios permanentes
semellen compatibles co desexo resulta aínda menos comprensible se se atende á
orixe do termo. O desexo é cuasi
subversivo, berce da libertinaxe, nace arroupado pola preguiza e a ociosidade
e, ademais, é instigador da libido ou do apetito sexual. Nun primeiro momento o
seu significado facía referencia á
vagancia, á inmobilidade, á quietude. Este é o sentido etimolóxico do termo que
procede do latín DESIDIUM –‘ociosidade’, ‘libidum’-, o cal, a súa vez provén do
étimo DESIDERE –‘permanecer sentado’, ‘deterse’-. Quen permanece sentado e non
fai nada anhela e bota de menos aquelo que non consegue -aí xorde o desexo- e
paradoxalmente cando nos poñemos en disposición de lograr o que pretendemos, o
desexo desaparece, arrasado pola actividade que permitirá, ou non, obter o que
nos propoñíamos.
Así, o desexo devén conciencia do propio fracaso, conciencia da
imposibilidade de acadar o desexado, por dicilo con palabras de Ortega y
Gasset. Ante este, opón o filósofo
madrileño o querer, a determinación da vontade para poñer os medios que fagan
real algo. Continúa deste modo a liña clásica que separa desexo e querer, e que
sitúa no querer a vinculación coa vontade e en cambio o desexo enlázao coa
insatisfacción.
Cando Jacques Lacan analiza o desexo observa como este se despraza
continuamente dun obxecto a outro para así preservar permanentemente algún
obxecto de desexo. Non pode darse un cumprimento do mesmo, pois neste proceso
de desprazamento queda aberta a propia imposibilidade de conseguir o que
desexamos.
Estes elementos poden permitirnos entender como estas sociedades
hiperactivas e da multitarefa acaban por este camiño sendo tamén sociedades
desexantes e só cabe explicalo dende os propios intereses internos das mesmas.
O continuo desprazamento, a necesidade de vender o producido, a imperiosidade
do consumo para a supervivencia do sistema fan que o desexo se converta no eixe
das nosas vidas. Non queremos, senón que desexamos aquelo que nos vén inducido
pola publicidade. Sabemos e temos plena conciencia de que non poderemos obter
todo o que nos seduce, e permanecemos impasibles ante moitos dos nosos desexos
-literalmente permanecemos ‘sentados’- entendendo aquí o desexo como ensoñación
irrealizable. En cambio, si conseguen que nos movamos e superemos o desexo para
convertelo en querer noutros casos, e así activámonos na procura dos obxectos
que os provocan. Velaí o extraordinario logro da publicidade.
Publicado no Progreso o 29-9-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario