III Foro "Lugh Augusti"

lunes, 19 de noviembre de 2018

Filosofía outra vez



Juan Carlos Fernández Naveiro


Cando hai seis anos iniciou a campaña “Quen teme á filosofía?”, que se difundiu por toda España impulsada pola Red Española de Filosofía ( REF) con múltiples grupos asociados entre os que figuraba o grupo Doxa de Lugo, en resposta ao drástico recorte das materias filosóficas promovido pola LOMCE baixo a batuta do infausto ministro Wert, ninguén podía imaxinar que a filosofía acabaría sendo, contra finais de 2018, o único motivo de consenso entre todas as forzas políticas.
O mérito hai que atribuírllo á propia REF, que impulsou e coordinou unha labor incansable en todas as frontes, con epicentro na histórica intervención do seu entón presidente, o catedrático de Murcia Antonio Campillo, na comisión de educación do Congreso o 17 de maio de 2017. Non vou reiterar o detalle dos argumentos daquela campaña a favor da filosofía, que á fin e ao cabo reproducían o que a filosofía pretendeu desde a súa orixe hai dous milenios e medio: un pouco de luz alí onde reinan o escurantismo, a ignorancia e as artimañas do poder, e ao mesmo tempo introducir a sombra da dúbida no que irreflexivamente damos por sentado, cuestionar as ideas dominantes.
Aínda que o acordo alcanzado e rubricado polo goberno pode atopar obstáculos que compliquen a súa tramitación parlamentaria no mercadeo das negociacións cruzadas en torno á reforma educativa, se finalmente esta se substancia os filósofos terán entonces a súa propia tarefa pendente, o reto de actualizar e revitalizar uns contidos e métodos moitas veces ancorados no pasado.
No recente Foro “Educar para el siglo XXI” o pasado 6 de novembro a ministra Celáa falou de “máis profundización e menos extensión” no que aprende o alumno nas aulas. Se os filósofos queremos facer honra á necesidade da filosofía e non espantar aos alumnos coa monserga da súa inutilidade, deberíamos ser pioneiros en deixar atrás modelos caducos e recuperar unha pedagoxía do esencial. Non hai mellor medio de botar raíz e facer que o pensamento se convirta en espazo público que o diálogo, a súa savia orixinal.
Tamén deberían cambiar moitos contidos que se imparten. Habería que achegar novas voces silenciadas pola tradición, mulleres que foron filósofas (algunas das máis importantes do século XX como Simone de Beauvoir ou Hanna Arendt) e tamén aportar unha perspectiva máis intercultural, pois a mellor filosofía bebe de todas as tradicións.
A campaña a favor da filosofía que agora puxo de acordo a todos os partidos políticos con representación parlamentaria propón como medida central un ciclo completo de educación filosófica de tres anos, desde 4º de ESO a 2º de Bacharelato, recollendo as recomendacións da UNESCO sobre o ensino da filosofía (Declaración de París, 1995), útil entre outras cousas para incrementar o rendemento nas demáis materias ás que enriquece.
O ciclo filosófico de tres anos que se reclama debera axustarse aos intereses duns alumnos en pleno proceso de aprendizaxe e avanzar co desenvolvemento da súa intelixencia, do máis concreto (Ética) ao máis xeral (Antropoloxía e Política) e finalmente o máis abstracto: Epistemoloxía e Metafísica, especialmente importantes para os estudantes de ciencias, Filosofía da cultura e da Historia para os de humanidades, e unha Estética da que non deberían prescindir os de artes. Eu creo que o último curso debera adaptarse aos intereses dos distintos bacharelatos, pero ese é un cambio da máis calibre que de momento non parece contemplarse. O certo é que sobre esto non hai acordo no gremio dos filósofos, pois podería ir en contra da unidade da historia da filosofía como asignatura que o groso das reivindicacións apunta precisamente a recuperar.
En todo caso o acordo pola filosofía debera quedar á marxe dos obstáculos que a reforma da LOMCE seguro que atopará en temas lingüísticos, relixiosos e pedagóxicos. O foro mencionado de Madrid servíu para presentar unha reforma a fondo da función docente e poñer sobre a mesa a avaliación da súa calidade, un tema que seguro que atopará resistencias e será obxecto de polémica. Haberá que ver ata onde chegan as intencións e as realidades, pero que en todo caso non sirvan para truncar o acordo alcanzado sobre a filosofía.  

Publicado no Progreso o 17-11-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario