III Foro "Lugh Augusti"

lunes, 5 de noviembre de 2018

Non estás só


Gonzalo Pérez López
 
Ante o pulo dos movementos sociais que foron xurdindo  coa toma de conciencia da vocación depredatoria do modelo socioeconómico dominante, o poder establecido acusou un pasaxeiro momento de desconcerto. Pouco acostumado á reacción social tralo sopor infundido nos cidadáns polo mal chamado estado de benestar, pareceu tomar estas reivindicacións sociais como un sarabullo adolescente tendente a desaparecer só pola propia dinámica do paso do tempo.
Pero a mobilización social non só non desaparecía  senón que medraba proporcionalmente á desigualdade social e intentaba aglutinarse arredor dunha fronte común de resistencia que permitira construír unha vía política alternativa que fora capaz de quebrar o reparto pactado entre a dereita extrema e voraz e os rescaldos dunha socialdemocracia claudicante e “líquida”.
Alarmada ante a evolución dos feitos, e antes de que a opción sedimentase,  a elite económica e política emprendeu unha feroz batalla, sen reparar en medios e sen ningún escrúpulo moral  que la modulara. Tratábase de cernar o xermolo de cambio que parecía agromar nese deserto no que a eficacia destrutora dos produtos tóxicos do capitalismo acabaron por converter todo o relacionado coa condición social: desde o intercambio comunicativo á solidariedade como principio reitor dun proxecto común universal.
A partir dos efectos do tsunami  individualista que asolou todo canto de social ou comunitario atopou ó seu paso, resultoulles fácil aplicar, con obstinada precisión, as consabidas receitas tendentes á alienación global.
Propiciaron, entón, un despregue inusitado desde os seus potentes medios de masas e desde esa ferramenta insuperable para celebrar a cerimonia da confusión que son as redes sociais. A manipulación e o uso espurio da linguaxe completou a artillería destrutora do débil tecido reivindicativo.  Retorceron a realidade  ata  que se  fixo irrecoñecible, erosionando, quizais por moito tempo, as relacións sociais. O que se pretendía era que as persoas se moveran entre o autoodio e o temor infundado, que desorientaran os seus intereses reais e que nin viran nin quixeran ver nada máis alá de si mesmos. Quixeron converternos en partícipes directos da nosa destrución como persoas.
Lograron que os máis afectados obxectivamente pola persistencia do modelo socioeconómico dominante iniciaran unha división absurda entre eles, confundindo totalmente o seu adversario real. Os  peores inimigos pasaron a ser os da “mesma madeira”. Así, os máis próximos aos que ocupan o últimos chanzos da escala social son os máis  duros con estes ó buscar na marea da insolidariedade que os arrastra alguén máis vulnerable sobre quen canalizar o seu fracaso.
Se aínda queda restos de resistencia a eses procesos de manipulación que sigan propoñendo algunha alternativa de cambio ó estado de cousas actuais, tratan de facerlles ver o obsoleto, irracional e inviable das súas propostas. Enlazando coa falacia da disolución actual das clases sociais transmitida en décadas anteriores, intentan xustificar as enormes asimetrías sociais de hoxe pretendendo que asuman a incompatibilidade entre liberdade e igualdade social.
Son múltiples os exemplos cotiás que me impactan do nivel de deterioro intelectual e moral ó que teñen chegado nesta campaña aniquiladora, pero citarei dous especialmente retorcidos e perversos. Un deles o dos estrategos da manipulación e da mentira  constantemente alertándonos do perigo de

“fake news” alleas,  outro, a defensa, sen rubor, nun recente premio de ensaio dunha editorial que presume de rigorosa, de que o poder é un “significante baleiro”, a modo de construto  sen significado empregado como mero recurso explicativo, o que viría a negar a evidencia de que o poder ten unha manifestación material, empírica e medible que afecta ineludiblemente a aqueles sobre os que se exerce. 
En calquera caso, a pretensión última é que rompamos os vínculos sociais e solidarios ata que nos sintamos sos nunha resistencia inútil e que a frustración á que, en certo sentido, tamén contribuíron algúns dos chamados a facilitar a forza aglutinadora citada, conduza á inacción ou a abrazar opcións que nos leven ó abismo social, político e moral.
Polo tanto, necesitamos exercer unha dobre resistencia: á dominación e á manipulación. Haberá que ter claro que obxectivamente non estamos sos e que, aínda que fose maioritaria, a alienación nunca deixaría de ser unha degradación. Pénsao,  resistencia ou abismo.

Publicado no Progreso o 3-11-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario