III Foro "Lugh Augusti"

lunes, 11 de febrero de 2019

O sádico concepto de feminazis



Carlos Mendaña Pardo

A intelixencia humana, di o filósofo inglés Francis Bacon, está cercada por ídolos: falsas imaxes ou representacións, supersticións, falsas crenzas ou prexuízos inculcados pola relixión, a filosofía, a educación ou a tradición que deforman e perturban o bo razoamento. Hoxe, época da postverdade, habería que incluír as trolas, no argot ideolóxico actual, as fake news. Ademais, advírtenos, non son fáciles de purgar, pois, o noso intelecto tende máis a afianzar as súas crenzas, cada vez que un evento as semella confirmar, que as rexeitar cando se produce unha instancia que as refuta.
Bacon, no Novum organum, describe catro tipos de ídolos, un deses confórmano os ídolos do Foro, é dicir, os prexuízos froito das relacións e controversias humanas no foro –lugar onde se tratan asuntos de interese colectivo-, que na conversa adoitan desvirtuar o significado das palabras.
É fácil concordar en que o foro da época contemporánea son os medios de comunicación de masas como os xornais, a radio, a televisión e as redes sociais. Novos foros nos que algúns deses ídolos son introducidos coma no Renacemento de xeito inconsciente, porén outros son introducidos intencionadamente para tratar de adoutrinar ou impoñer ou defender unha ideoloxía (precisamente un dos significados desta palabra é o de ídolo ou prexuízo).
Disque un presentador de radio estadounidense introduciu no foro aló polos anos noventa a palabra “feminazi”, escusa buscala no dicionario, ende ben, non existe. Tal vocábulo, neste caso un acrónimo, hoxe tristemente popularizado, é unha contradictio in adieto ou oxímoro, este consiste na utilización de dous conceptos de significado oposto nunha soa expresión. Pois ben, feminismo e nazismo é unha contradición nos termos. O nazismo é un movemento de masas totalitario, que nada máis chegar ao poder prohibiu os movementos feministas e estabeleceu una política natalicia que pretendía colocar a “cada sexo no seu sitio”, daquela o rol principal da muller alemá había ser o dunha sinxela “ama de casa”. Pola contra, o feminismo é un movemento de liberación da muller que, tras séculos de opresión, marxinación e segregación social, política e económica, pretende que a democracia non ten sentido se a muller non posúe os mesmos dereitos có home e non é tratada coma unha igual.
Por “feminazi” adoita entenderse “feminista radical” e pexorativamente, isto é, como insulto, “unha feminista comprometida ou de vontade forte”, mais o presentador radiofónico Rush Limbaugh di que con “feminazi” se quere referir “a feministas radicais que queren que haxa tantos abortos como sexa posíbel”.
A primeira definición procede do dicionario Oxford, e é intencionadamente ambigua, hai nela un claro intento ideolóxico de facer crer que o feminismo é un movemento antidemocrático e totalitario.
A segunda se corresponde cun ídolo do foro ou prexuízo, pois o seu uso é completamente irracional cando perante un discurso feminista fundamentado, coherente e con bos argumentos o único recurso que se encontra para aferrarse ás falsas crenzas ou á ideoloxía (machista) é o insulto. A declaración de odio cara a muller como ser máis débil, dixo Horkheimer, é a mesma cá do antisemitismo. Xusto, entón, o contrario.
A terceira, procede do seu autor, é a “auténtica” definición. Non obstante semella ser un concepto baleiro. Ningunha feminista nin ningún feminismo defenden “que haxa o maior número de abortos posíbeis”. A diferenza é tan enorme que evidentemente dicir “feminazi” é unha moeda falsa.
O concepto de “feminazi” pretende ser unha imaxe, unha metonimia ou, como di Roland Barthes, un fetiche social -un ídolo do foro, xa que logo- no que se xustapón a un mesmo sintagma fragmentos heteroxéneos que poden ser tan fortemente ofensivos coma unha transgresión moral, coma as que abondan nas novelas do marqués de Sade.
Segundo Barthes, os personaxes poderosos da obra sadiana, os amos, son os que falan, os que dispoñen da linguaxe na súa totalidade; mentres que o obxecto, a vítima, cala, é dicir, permanece marxinada de calquera acceso ao discurso. A práctica segue á palabra, o que se fai foi previamente anunciado, pois sen a palabra o crime (a perversión) non se podería inventar. E coma os desapiadados e apáticos personaxes dunha novela do sádico marqués, ese grupo que se autodenomina “A Manada” -toda unha imaxe metonímica- tamén eles anunciaron antes o que ían facer. E tamén coma na ficción sadiana, e grazas aos medios de comunicación, eles e o seu avogado puideron expoñer o seu discurso: una escabrosa figura máis dunha obscena obra sádica. Pero neste caso non é ficción, senón que é a pura realidade.
A vítima, entón, se non quere lembrar o oprobio sufrido debe gardar silencio… condenada pola memoria e esquecida para sempre na opinión pública. Se decidise falar, daquela sería sometida ao cruel e desapiadado escarnio público.
Por primeira vez una sentenza xudicial recibiu unha ampla contestación pública nas rúas mediante manifestacións en diferentes lugares do país. Non obstante, o tribunal non viu puntos descolocados, liñas tortas nin unha masa cerebral lesionada, a súa fría lóxica da razón ilustrada non puido ver unha conciencia desgarrada e rota para sempre. Dura lex, sed lex apática, nada de empatía. Asemade, nas redes sociais e por parte dalgún presentador de radio nomeouse a palabra “feminazis”, tan pornográfica coma inxusta, tan inmoral coma antidemocrática.

Publicado no Progreso o 9-2-2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario