III Foro "Lugh Augusti"

miércoles, 30 de enero de 2019

Certeza vs. verdade na construción da polis


Xosé Ramón Cando Vázquez

Na xuntanza da pasada fin de semana, José María Aznar arengou ao seu partido, o PP, a defender a unidade de España “custe o que custe”. Isto trae a memoria como, no ano 2003, este home, daquela presidente do goberno de España, tamén mostraba o seu talante belicoso cando tentou persuadir ao país da necesidade de invadir Iraq porque nos ameazaba coas armas de destrución masiva, mesmo apelando á sinceridade da ximnasia dos seus beizos por se non acreditabamos nas súas palabras. O seu partido si que acreditou e apoiou unanimemente aquel escandaloso episodio que tanto sufrimento ten causado e está a causar.
Vinteún anos antes, Felipe González Márquez, secretario xeral do PSOE, rexeitou de maneira entusiasta a entrada na OTAN, lémbrese o eslogan “OTAN, de entrada non” para, catro anos mais tarde, sendo presidente do goberno, convocar un referéndum no que defendeu, co mesmo entusiasmo, ficar nesa organización militar.  Nas eleccións xerais de 2008, outro presidente do goberno, tamén do PSOE, José Luís Rodríguez Zapatero, negou calquera posibilidade de crise económica, sendo consciente do contrario. Na campaña electoral de 2011, o candidato do PP, Mariano Rajoy Brey prometeu que, no caso de gañar as eleccións, baixaría os impostos indirectos pero, coa escusa da herdanza recibida, remataría por incrementalos, como parece que era a súa primeira intención.
Todos estes casos teñen en común o intento (interesado) de crear, na cidadanía, certezas que non correspondían coas intencións nin cos feitos dos que mais adiante seriamos testemuña, ou sexa certezas que non eran nin serían verdade. Ao longo da historia temos asistido á sucesión de certezas asumidas como verdades que conduciron á represión, á violencia, ao sufrimento e, sempre á dor. Esas certezas, na maior parte dos casos, tiñan unha etioloxía relacionada coa ambición e o poder que ían dacabalo do limiar do coñecemento da época e, aínda que semellaba que poderiamos aprender a lección e aceptar que a certeza non é mais que unha crenza, con mais ou menos fundamento, lexitimamente compartida ou non, constátase a dificultade para construír espazos destinados ao acordo racional, única posibilidade de convivir nun marco caracterizado polo plural.
Hoxe en día, hai persoas (agardo que moitas) que se laian do incremento do número de cidadáns e cidadás (menos) que apoian a VOX, esa formación política que tenta atraer o foco da atención pública ás súas propostas de retroceder na aplicación da Declaración Universal de Dereitos Humanos proclamada pola ONU en 1948 despois dese período histórico espantoso e vergoñento do que a humanidade tentaba saír (probablemente os seus principais apoios non teñen interese en que o foco se dirixa ás propostas económicas). Lémbrese que en dita Declaración se afirma que todos os seres humanos teñen os dereitos que alí se recollen, independentemente da súa raza, nacionalidade, sexo e calquera outra condición, consecuentemente, discriminar negativamente aos humanos mulleres e aos humanos migrantes vai contra a mencionada Declaración que o Reino de España se ten comprometido, formalmente, a defender e a aplicar.
Hai unha maioría de analistas que sosteñen que as propostas de VOX se fundamentan na terxiversación de datos ou, directamente, na falsificación dos mesmos, provocando, na cidadanía menos crítica ou mais sectaria, a asunción de certezas que pretenden (velaí a súa gravidade) mancar a  determinados grupos sociais, cuxa dignidade non merece, aos seus ollos, ser recoñecida. O trunfo, de momento parcial, de organizacións como a mencionada ten un forte alicerce na falla de ética política das formacións que, tradicionalmente, nos gobernan. Segundo Aristóteles, os animais son quen de transmitir aos conxéneres avisos e sensacións pero o animal humano dispón da linguaxe e a través dela pode transmitir contidos de carácter moral. Aparcando ao filósofo pero aproveitando o seu pulo pódese afirmar que o uso, deliberadamente enganoso, da linguaxe, incorre na categoría do inmoral e, polo tanto, no espazo do rexeitable, pero cando os líderes políticos “comme il faut” non son obxecto da censura moral e política correspondente, a falsidade  muda en moeda de curso legal e a cidadanía queda desprotexida fronte a mensaxes, ben adubadas, que agachan intereses, absolutamente contrarios ao conxunto da mesma, ou sexa, convértese en presa vulnerable para os depredadores, mestres da alienación.
Por desgraza, a alienación é tan vella coma a humanidade pero algúns coidamos que a mellora da calidade formativa da poboación debería supor, e agardamos que así sexa, unha barreira ante a mesma e unha coiraza que permita seguir desenvolvendo os dereitos de todas e todos, tamén os de quen tenta agredilos.

Publicado no Progreso o 26-1-2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario