III Foro "Lugh Augusti"

martes, 30 de abril de 2019

Casas deshabitadas



Mar Carballo Cela


“En la casa vacía han florecido rojos los rosales y hecho/ su nido las golondrinas de alas agudas…/ ¿Por qué dicen que está vacía?” Dulce María Loynaz describe nestes versos unha casa abandonada polos seus habitantes, pero chea de vida. É o poder da poesía, conseguir idealizar a realidade ante a visión descarnada do que nos resulta desagradable contemplar.
Sempre me produciu tristeza -supoño que a todos nos pasa- ver unha casa deshabitada invadida pola maleza. Inevitablemente, imaxínoa noutros tempos con xente trasfegando, entrando e saíndo, abrindo ventás e botando fume pola cheminea… Na nosa paisaxe, de vez en cando, atopábaste cunha casa así que te levaba a esa melancolía pasaxeira; pero o caso é que agora xa son parte habitual e constante do noso territorio a pouco que te achegues ó rural. Son pobos enteiros. E aquela melancolía pasaxeira transformouse en preocupación por ver desaparecer unha época, unha forma de vida.
O capitalismo máis voraz acabou impoñendo a vida urbana como única alternativa. O campo debe adaptarse á explotación a gran escala, non se permite convivir con el se non é mediante o modelo industrial; e de non ser así, só queda convertelo nun parque temático de visita turística ou de retirado descanso para quen poida pagalo. A nosa relación coa natureza cambiou; e con ela, as relacións humanas. Pouco queda xa daquel tecido social colaborativo entre os veciños das aldeas, que vivían coa tranquilidade de quen se sente protexido polos seus. A sociedade de mercado acabou illando a eses poucos habitantes que apenas esperan outra axuda que aquela que poden comprar. E ensináronlles outros nomes para ocultar o mundo que lles roubaron: chámanlle autosuficiencia e intimidade, pero en realidade trátase de soidade e incomunicación.
Co xardín e o horto urbano intentamos non perder ese contacto que tanto necesitamos co noso ambiente natural, pero é só un pequeno subterfuxio para aqueles que poidan permitirse esa presenza testemuñal do paraíso perdido.
As posibilidades laborais na aldea son mínimas e os servizos concéntranse nas cidades, obedecendo a orde do máximo rendemento. E eu pregúntome: é posible recuperar o rural sen recuperar o seu estilo de vida propio? Pode sobrevivir unicamente como lugar destinado ó  turismo e ó lecer? A natureza como decorado terapéutico ó que acudir para aliviar o estrés urbanita, é unha boa opción?
Outros din que na nova sociedade dixital ultraconectada haberá traballos que se poderán realizar a distancia, o cal favorecerá que moitos se animen a retornar. Dubido que esta sexa a solución.
A época que vivimos vese reflectida claramente na relación que mantemos coa natureza. Explotación, contaminación, turismo e retiro non parece unha boa combinación para manter o equilibrio que necesariamente debemos conservar; non esquezamos que a palabra “cultura” procede de cultivar, coidar o agro, así como temos que coidar o espírito… Os versos de Loynaz recórdanme o moito que boto de menos convivir coas roseiras e as andoriñas. Non sei que ten pensado facer ó respecto Silicon Valley.

Publicado no Progreso o 27-4-2019

martes, 9 de abril de 2019

A revolución silenciada


Mar Carballo Cela

Nesta Cuarta Onda do feminismo as mulleres volvemos a mirada cara atrás buscando a nosa historia, como fixeron as nosas predecesoras noutras épocas. Queremos rescatar do esquecemento figuras importantes e reivindicamos o dereito a coñecer o noso pasado. Calquera ser humano que queira comprender a súa identidade debe facelo, porque “conservando o pasado colectivo e reinterpretándoo desde o presente –como di a historiadora Gerda Lerner- os seres humanos definimos o noso potencial e exploramos os límites das nosas posibilidades”.
A mesma autora afirma que o feito de que as mulleres non formemos parte do relato histórico influíu e segue influíndo profundamente na psicoloxía de ambos sexos, formando así os homes unha concepción errónea de cal é o seu lugar na sociedade e tamén no Universo; porque “a subxectividade machista aínda é percibida como o punto de vista obxectivo sobre todas as cousas e particularmente sobre as mulleres”(Adrienne Rich, “Sobre mentiras, secretos e silencios”, 1979).
Todos comprendemos o que somos grazas á memoria da traxectoria vital que nos trouxo ata aquí, pero ás mulleres roubáronnos a historia e a memoria, como lles sucede a todos os grupos oprimidos.
Gerda Lerner, na súa obra “A creación do patriarcado” (1986), analiza as causas do éxito e conservación deste sistema: só puido funcionar durante tantos séculos grazas á cooperación das propias mulleres (algo que xa sinalara Simone de Beauvoir); e conclúe que, ademais da privación do coñecemento da propia historia, concorreron outras causas que avalaron a nosa complicidade: o feito de inculcar os xéneros, a exclusión do ensino, a división entre nós ó definir “respectabilidade” e “desviación” a partir das nosas actividades sexuais, a represión e a coerción total, a discriminación no acceso ó poder económico e político, a recompensa con privilexios de clase ás mulleres que se conforman (cámbiase submisión por protección, como nas tiranías).
Xa August Bebel en “A muller e o socialismo” (1885), intentando explicar a subordinación feminina, afirmaba que a muller foi escrava antes de que aparecera o primeiro escravo, ou sexa, que o sometemento da muller foi a orixe de calquera outra opresión. É por isto que o patriarcado debería ser estudado como o xerme da explotación humana, para así eliminar calquera  outra manifestación de dominio. Nas sociedades patriarcais nenas e  nenos aprenden, primeiro na familia e logo na sociedade, as relacións de poder que deberán establecer entre eles. Despois non hai máis que proxectalas noutros ámbitos sociais para crear un mundo baixo a dicotomía dominantes/dominados. Por este motivo é tan importante ir ás orixes, á historia, para darnos conta dos erros e, como dicía ó principio, tomar conciencia do potencial que temos os humanos para crear sociedades máis xustas, inspirándonos nas loitas de emancipación do pasado.
A historia das mulleres non pode ser ignorada, é unha evidencia aínda non recoñecida que o movemento feminista debe ser de estudo obrigado como calquera outra revolución. Necesitamos coñecer precedentes para imaxinar alternativas, e a loita das mulleres polos dereitos civís e políticos aporta un exemplo de transcendental importancia para asentar o modelo democrático.
Queremos e necesitamos saber sobre a historia do feminismo. Temos dereito a estudala nos mesmos libros que estudamos outras revolucións. Non é xusto reducirnos a materias optativas, apartados específicos e foros especializados. Temos historia, e non podemos seguir interiorizando a través dos currículos existentes que somos insignificantes ante un mundo de excelencia masculina que xa nos fixo suficientes “concesións”.

Publicado no Progreso o 6-4-2019