Mar Carballo Cela
“En la casa vacía han florecido rojos los rosales
y hecho/ su nido las golondrinas de alas agudas…/ ¿Por qué dicen que está
vacía?” Dulce María Loynaz describe nestes versos unha casa abandonada polos
seus habitantes, pero chea de vida. É o poder da poesía, conseguir idealizar a
realidade ante a visión descarnada do que nos resulta desagradable contemplar.
Sempre me produciu tristeza -supoño que a todos
nos pasa- ver unha casa deshabitada invadida pola maleza. Inevitablemente,
imaxínoa noutros tempos con xente trasfegando, entrando e saíndo, abrindo
ventás e botando fume pola cheminea… Na nosa paisaxe, de vez en cando,
atopábaste cunha casa así que te levaba a esa melancolía pasaxeira; pero o caso
é que agora xa son parte habitual e constante do noso territorio a pouco que te
achegues ó rural. Son pobos enteiros. E aquela melancolía pasaxeira transformouse
en preocupación por ver desaparecer unha época, unha forma de vida.
O capitalismo máis voraz acabou impoñendo a vida
urbana como única alternativa. O campo debe adaptarse á explotación a gran
escala, non se permite convivir con el se non é mediante o modelo industrial; e
de non ser así, só queda convertelo nun parque temático de visita turística ou
de retirado descanso para quen poida pagalo. A nosa relación coa natureza
cambiou; e con ela, as relacións humanas. Pouco queda xa daquel tecido social
colaborativo entre os veciños das aldeas, que vivían coa tranquilidade de quen
se sente protexido polos seus. A sociedade de mercado acabou illando a eses
poucos habitantes que apenas esperan outra axuda que aquela que poden comprar.
E ensináronlles outros nomes para ocultar o mundo que lles roubaron: chámanlle
autosuficiencia e intimidade, pero en realidade trátase de soidade e
incomunicación.
Co xardín e o horto urbano intentamos non perder
ese contacto que tanto necesitamos co noso ambiente natural, pero é só un
pequeno subterfuxio para aqueles que poidan permitirse esa presenza testemuñal
do paraíso perdido.
As posibilidades laborais na aldea son mínimas e
os servizos concéntranse nas cidades, obedecendo a orde do máximo rendemento. E
eu pregúntome: é posible recuperar o rural sen recuperar o seu estilo de vida
propio? Pode sobrevivir unicamente como lugar destinado ó turismo e ó lecer? A natureza como decorado
terapéutico ó que acudir para aliviar o estrés urbanita, é unha boa opción?
Outros din que na nova sociedade dixital
ultraconectada haberá traballos que se poderán realizar a distancia, o cal
favorecerá que moitos se animen a retornar. Dubido que esta sexa a solución.
A época que vivimos vese reflectida claramente na
relación que mantemos coa natureza. Explotación, contaminación, turismo e
retiro non parece unha boa combinación para manter o equilibrio que
necesariamente debemos conservar; non esquezamos que a palabra “cultura”
procede de cultivar, coidar o agro, así como temos que coidar o espírito… Os
versos de Loynaz recórdanme o moito que boto de menos convivir coas roseiras e
as andoriñas. Non sei que ten pensado facer ó respecto Silicon Valley.
Publicado no Progreso o 27-4-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario