Mar Carballo Cela
Nesta Cuarta Onda do feminismo as mulleres volvemos a mirada cara atrás
buscando a nosa historia, como fixeron as nosas predecesoras noutras épocas.
Queremos rescatar do esquecemento figuras importantes e reivindicamos o dereito
a coñecer o noso pasado. Calquera ser humano que queira comprender a súa
identidade debe facelo, porque “conservando o pasado colectivo e
reinterpretándoo desde o presente –como di a historiadora Gerda Lerner- os
seres humanos definimos o noso potencial e exploramos os límites das nosas
posibilidades”.
A mesma autora afirma que o feito de que as mulleres non formemos parte do
relato histórico influíu e segue influíndo profundamente na psicoloxía de ambos
sexos, formando así os homes unha concepción errónea de cal é o seu lugar na
sociedade e tamén no Universo; porque “a subxectividade machista aínda é
percibida como o punto de vista obxectivo sobre todas as cousas e
particularmente sobre as mulleres”(Adrienne Rich, “Sobre mentiras, secretos e
silencios”, 1979).
Todos comprendemos o que somos grazas á memoria da traxectoria vital que
nos trouxo ata aquí, pero ás mulleres roubáronnos a historia e a memoria, como
lles sucede a todos os grupos oprimidos.
Gerda Lerner, na súa obra “A creación do patriarcado” (1986), analiza as
causas do éxito e conservación deste sistema: só puido funcionar durante tantos
séculos grazas á cooperación das propias mulleres (algo que xa sinalara Simone
de Beauvoir); e conclúe que, ademais da privación do coñecemento da propia
historia, concorreron outras causas que avalaron a nosa complicidade: o feito
de inculcar os xéneros, a exclusión do ensino, a división entre nós ó definir
“respectabilidade” e “desviación” a partir das nosas actividades sexuais, a
represión e a coerción total, a discriminación no acceso ó poder económico e
político, a recompensa con privilexios de clase ás mulleres que se conforman
(cámbiase submisión por protección, como nas tiranías).
Xa August Bebel en “A muller e o socialismo” (1885), intentando explicar a
subordinación feminina, afirmaba que a muller foi escrava antes de que
aparecera o primeiro escravo, ou sexa, que o sometemento da muller foi a orixe
de calquera outra opresión. É por isto que o patriarcado debería ser estudado
como o xerme da explotación humana, para así eliminar calquera outra manifestación de dominio. Nas
sociedades patriarcais nenas e nenos
aprenden, primeiro na familia e logo na sociedade, as relacións de poder que
deberán establecer entre eles. Despois non hai máis que proxectalas noutros
ámbitos sociais para crear un mundo baixo a dicotomía dominantes/dominados. Por
este motivo é tan importante ir ás orixes, á historia, para darnos conta dos
erros e, como dicía ó principio, tomar conciencia do potencial que temos os
humanos para crear sociedades máis xustas, inspirándonos nas loitas de
emancipación do pasado.
A historia das mulleres non pode ser ignorada, é unha evidencia aínda non
recoñecida que o movemento feminista debe ser de estudo obrigado como calquera
outra revolución. Necesitamos coñecer precedentes para imaxinar alternativas, e
a loita das mulleres polos dereitos civís e políticos aporta un exemplo de
transcendental importancia para asentar o modelo democrático.
Queremos e necesitamos saber sobre a historia do feminismo. Temos dereito a
estudala nos mesmos libros que estudamos outras revolucións. Non é xusto
reducirnos a materias optativas, apartados específicos e foros especializados.
Temos historia, e non podemos seguir interiorizando a través dos currículos
existentes que somos insignificantes ante un mundo de excelencia masculina que
xa nos fixo suficientes “concesións”.
Publicado no Progreso o 6-4-2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario