III Foro "Lugh Augusti"

lunes, 29 de julio de 2019

Bioética / Ética económica


Xosé Ramón Cando Vázquez


A semana anterior coñecemos dúas novas que, sen ter que ver coa formación de goberno nin coa serpe futbolística estival, merecen ser tidas en consideración. Por unha banda, parece ser que os mozos e as mozas que gozan de emprego reciben retribucións inferiores ás de fai dez anos e pola outra, que os  prezos das vivendas de aluguer se incrementaron, notablemente, no último ano. Polos mesmos días manifestou a ministra de Economía que a situación económica é óptima na liña dunha evolución positiva á que temos a fortuna de asistir. Despois disto, mesmo poderiamos poñernos metafísicos e reflexionar sobre da “esencia do real” pero, probablemente, non sería do interese de lectores e lectoras así que non o faremos.
Os documentos atopados e a ficción ao respecto fixéronnos partícipes, fai unhas cantas décadas, do coñecemento das investigacións médicas que tiveron lugar nos campos de concentración habilitados polo goberno de Alemaña no período no que o NSDAP, despois de gañar as eleccións, monopolizou o poder ata o fin da II Guerra Mundial. En ditas investigacións utilizáronse  presos e  presas dos campos como animais de laboratorio sen ter en consideración o dano físico e psicolóxico causado. Neste contexto, hai que salientar os obxectivos racistas do doutor Mengele  dirixidos  á creación dunha fantástica raza aria e aos que, parece ser, non era allea a idea de acadar o manexo da tecnoloxía xenética da clonación. Ben sabido é que ditos proxectos non tiveron éxito e que os avances foron escasos, particularmente se se comparan cos recursos empregados e a total ausencia de límites morais na que se desenvolveron.
Independientemente do seu fracaso no eido xenético, as mencionadas investigacións tiveron unha importante repercusión positiva en canto que estimularon a reflexión moral sobre o uso de tecnoloxías biolóxico/médicas e a súa relación coa dignidade humana. A aparición da Bioética supuxo un esforzo considerable para establecer sinais que permitan orientar a práctica médica nun contexto selvático no que a única guía era a catadura moral das persoas exercentes. A creación de instancias de reflexión e foros de diálogo, no marco bioético, deu lugar a importantes consensos como o xerado arredor do Informe Belmont (1978) nas últimas décadas do XX e que estaría na orixe, por exemplo, do “consentimento informado” da persoa que se somete a un tratamento médico. Igualmente, ditos consensos  permitiron a implantación de comités de ética en institucións sanitarias ou a lexislación que prohibe a clonación humana, por mencionar só algúns acordos relevantes.
Parece que a reflexión bioética que goza de respaldo académico pero tamén institucional (en certa medida) veu ocupar un espazo que o desenvolvemento da humanidade precisaba en canto que permite regular un dos aspectos percibidos como mais sensibles dos que compoñen a nosa existencia e que se considera non debe quedar, exclusivamente, en mans dos seus actores. Por que non  sucede algo semellante no ámbito económico? Por que a reflexión sobre os compoñentes éticos da libre economía de mercado non debe ser obxecto de análise compartida e expresada nos foros correspondentes? Por que non se poden acadar consensos sobre aspectos da economía dos que depende a saúde e a dignidade humanas? Por que a escasa lexislación que existe neste sentido debe ser modificada en detrimento dos mencionados valores de saúde e dignidade (artigo 135 da Constitución)? Sería posible a creación de comités de ética nas institucións económicas a semellanza dos existentes nos hospitais?
Estes interrogantes non deixarán de ser considerados “naïf” por algunhas das persoas que teñan a ben lelos, sen embargo a súa consistencia, obxectivamente, transcende a súa aparente inxenuidade para inserirse de cheo no cerne da nosa vida (toda vida humana é sempre economía). A maior parte de nos aceptamos o mito da “man invisible que dirixe a chamada libre economía de mercado con resultados satisfactorios para todos os actores que non sexan vagos ou estúpidos”, ou sexa, así como nos preocupamos de establecer límites para as persoas que se ocupan da nosa saúde, non se nos ocorre facer o mesmo coas persoas e institucións que teñen nas súas mans o noso destino individual (atopar un espazo cuberto e habitable que poida pagar) ou colectivo (a superación da “capacidade de carga” do planeta) na medida na que ambos poidan diferenciarse.
Os nosos devanceiros pregaban a Deus para que os librase da fame, de doenzas e de catástrofes naturais pero tamén lle pregaban para que os librase das guerras, no entendemento de que estas teñen a mesma orixe, allea aos mortais, que aquelas. Nos podemos continuar a tradición, idolatrar o sistema económico que temos e aceptar as súas eivas como produto da fatalidade ou ver que podemos facer para domesticalo, rescatándoo do territorio imponderable do mito.

Publicado no Progreso o 27-7-2019

lunes, 22 de julio de 2019

Ética e bolboretas


José Domingo de Prada

O matemático e meteorólogo Edward Norton Lorenz deu unha conferencia no MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts) en 1972 co seguinte título: “Predicibilidade, pode o bater de ás dunha bolboreta en Brasil xerar un tornado en Texas?”. Gardouse moito de dar unha resposta, e menos afirmativa, pero deixou para a historia da ciencia unha das formulacións máis poéticas da mesma que posteriormente sería recollida pola teoría do caos e que estrutura a súa principal tese na seguinte afirmación: cando nun sistema se introducen pequenos cambios, por imperceptibles que sexan na súa orixe, a evolución dese sistema a medio ou longo prazo, se se dan certas condicións físicas concretas, poden chegar a xerar situacións completamente diferentes das esperadas nun primeiro momento, e ademais, dificilmente explicables por aquela mínima alteración das condicións iniciais.
É certo que tanto nas ecuacións de Lorenz como na teoría física do caos se traballa en ámbitos deterministas nos que a realidade está regulada por leis causais -fixas e inalterables-, de tal forma que ningún fenómeno pode escapar a elas. Así, a teoría define que certos cambios absolutamente insignificantes nun primeiro momento darán lugar, co paso do tempo, a situacións completamente diferentes entre si polo incremento constante, e en moitos casos exponencial, desas mínimas desigualdades  iniciais.
Na teoría do caos defínense tamén o que se denominan atraentes, que poden ser de distinto tipo e que actúan como valores aos que tende a evolución dun sistema complexo e dinámico desde condicións iniciais diferentes. Pequenas perturbacións desas condicións permitirán que se manteña a forza deses atraentes; só cando aparecen elementos moi dispares ráchase coa tendencia iniciada polos mesmos.
Pódense atopar certos paralelismos entre a teoría física do caos e a teoría ética (tamén do caos?) e quizais, algunha evidente diferencia. Para empezar, eses pequenos cambios imperceptibles que se dan en nós son os actos que imos realizando ao longo da vida, eses pequenos actos cotiás sen importancia que despois imos reiterando porque actúan sobre eles diversos atraentes: desde o agrado á aprobación social, desde a alegría á satisfacción persoal, ou calquera outro motivo que nos leve a realizar ou evitar algo acabarán configurando, como o bater de ás da bolboreta, o noso primeiro carácter moral.
Non nos iniciamos na actuación moral con teóricas reflexións éticas, senón respondendo a imperceptibles situacións nas que imos decidindo que solución ínfima damos a ínfimos problemas. A reiteración desas solucións, o autoconvencemento de que son as mellores posibles (atraente de atraentes ou como Lorenz os denomina atraentes estraños ou caóticos) farán que as repitamos, e que así, a través deses actos, desas respostas ante un mundo complexo e dinámico por parte de sistemas tamén complexos e dinámicos (e nós somos ambas cousas) acabe configurándose un determinado carácter moral, que daría paso despois á conciencia moral (non veñen sendo estas as condicións físicas concretas que pide a teoría?).
Xa Aristóteles definiu a virtude coma un hábito que se adquire a través da práctica, pero ao fin, un hábito non é máis ca unha repetición de actos. Así, condicións mínimas, insignificantes nunha orixe vanse convertendo, pouco a pouco, en actuacións repetidas que van precipitando unha conciencia moral. O bater de ás vaise transformando en pequena brisa e, se se manteñen as forzas dos atraentes que inflúen sobre eses primeiros actos, acabarán convertendo a brisa en tornado. A ese tornado denomínaselle autonomía ética -actuación reflexiva e consciente dun ser humano- e, se se consegue, faise unicamente cando tras o paso do tempo se repiten certas actuacións que propician ese salto, polo demais dificilmente explicable, pois non responde só as condicións iniciais, senón que require a superposición doutros elementos que a modo de atraentes o vaian agrandando pouco a pouco. Retomando a terminoloxía aristotélica requiriría da ‘phrónesis’ (prudencia), coa que o individuo que a vai adquirindo vai resolvendo aquelas cuestións as que se ten que enfrontar, desde as máis nimias ás máis transcendentes.
Quédanos por advertir unha diferencia entre a teoría física e a ética. Se na física as leis que rexen o paso do bater de ás ao tornado son ríxidas e inflexibles, descritas matematicamente, no ámbito ético non o son; se alí os atraentes actúan de forma causal e necesaria, no ámbito ético son fortuítos e desiguais e non teñen unha forza constante que exercer sobre os suxeitos humanos. Isto é o que separa ambas consideracións e oco polo que moitos autores introducen a liberdade humana. Pero ao igual que se advirte da diferencia débese advertir tamén de como algúns autores deterministas como os matemáticos Laplace ou Poincaré non estarían de acordo con ela e reducen o que denominamos liberdade ao azar ou a mero descoñecemento.
O dilema segue presente, as nosas decisións son resultado de accións e experiencias previas minimamente significativas ou pola contra temos unha ampla capacidade de control sobre elas que definimos como liberdade? De ser isto último, ata onde chega esta liberdade ou que condicionamentos ten? porque igual que rexeitamos que carecemos de liberdade, tamén rexeitamos que a teñamos en modo absoluto. E a ética viaxa encadeada á liberdade: tan fráxil e tan potente como as ás das bolboretas.

Publicado no Progreso o 20-7-2019