Juan Carlos F. Naveiro
(Aos meus alumnos de antropoloxía)
Xa se ten falado e é de dominio público, e repetidamente exposto nestas
mesmas páxinas, que a filosofía vai saír debilitada nos novos plans de estudos,
a famosa LOMCE que entra en vigor o curso que ven no ensino secundario. O que
non se comenta tanto é o relativo os parentes menores da filosofía na
secundaria: a antropoloxía que desaparece o curso que ven, e a ética e
filosofía do dereito que lle tocará no outro máis (como xa antes desaparecera a
filosofía da ciencia).
Fora das inconsistencias que acusaban estas asignaturas “novas” (a
antropoloxía desde a LOE de 2004, as outras desde a LOGSE de 1990), o certo é
que supuxeron un soplo de aire fresco nos estudos de filosofía en secundaria,
abrindo a porta a temáticas que unha filosofía xeral non podía abarcar. Ademáis
eran o contrapunto “contemporáneo” para un enfoque da filosofía ríxidamente
ancorado a uns programas que a duras penas traspasan os límites cronolóxicos da
Ilustración, como si despois de Kant (ou como moito de Marx e Nietzsche) non
houbese filosofía digna de tal nome, contribuíndose así a unha imaxe da
filosofía como disciplina obxectivamente “anticuada” (e para mostra
preguntémoslles os alumnos, se estamos dispostos a escoitalos sen prexuizos
culpabilizadores).
En particular a antropoloxía é unha disciplina xoven e extremadamente viva,
a única que vincula de maneira explícita os campos das ciencias e as
humanidades, é máis, que consiste nesa vinculación, porque o seu obxecto, o ser
humano, precisa ser tratado desde ese dobre achegamento. De que outra maneira
podería explicarse a nosa condición, senón facendo confluir os compoñentes
psicobiolóxicos da nosa complexidade natural coas configuracións socioculturais
que son parte da nosa identidade?
Ese é o campo que explora a antropoloxía: a raíz da identidade humana, que
articula todas e cada unha das manifestacións básicas da nosa existencia, desde
comer a crer, desde dar e intercambiar ata obedecer e mandar, desde instancias
tanto biolóxicas como culturais. Como se produce, por exemplo, a enorme
variedade gastronómica, que nos dí das diferenzas culturais e tamén dos
parecidos e dos influxos? Natureza humana e diversidade cultural son parámetros
irreductibles da nosa complexidade, inseparables das condicións particulares
dos diversos ecosistemas e culturas.
Son outras moitas as cuestións que precisan ser abordadas desde esa
perspectiva bio-cultural que é propia só da antropoloxía: como circulan os
productos da actividade humana? Como os intercambiamos? Como circulan tamén os
individuos entre distintos grupos e territorios? Como circulan as riquezas, os
símbolos, as crenzas e os conceptos? Por que uns mandan e outros obedecen? A
que nos obriga e que nos permite a nosa condición sexual? Que somos como especie
máis aló das diferenzas raciais?
Claro que estas son preguntas incómodas: desminten moitas das mitoloxías da
civilización, cuestionan a superioridade das culturas dominantes, critican os
discursos do poder. Son preguntas incómodas para as ideoloxías, que pretenden
pasar por alto que a relación dos seres humanos coas ideas está cargada de
emocións, intereses e formas diversas de crenza (aínda que no fondo sábenno ben
e sobre todo saben aproveitalo para manipular ás masas). Son tamén preguntas
incómodas para os procesos de uniformización global das culturas, porque a
práctica da antropoloxía implicou de sempre unha defensa da diversidade,
incluso os pais fundadores, tan prexuizosos nos tempos álxidos do colonialismo;
e despois, na época dos dereitos humanos (intervindo nos debates previos á
Declaración Universal, ou na longa colaboración de Lévi-Strauss coa UNESCO) a
antropoloxía defendeu o dereito a ter unha existencia cultural diferenciada,
tan importante para as culturas minoritarias (e minorizadas). Por exemplo a
antropoloxía é clave para averiguar que nos singulariza como galegos e así
poder situarnos mellor no mundo, e en xeral para implementar a protección do
legado humano no que conflúen riqueza cultural e biodiversidade.
Así que si algo podía paliar a excesiva fragmentación curricular entre
ciencias e letras, vicio maior do sistema educativo e da propia cultura actual,
si algo podía xerar ideas integradoras sobre o humano, como especie e como
sociedade, ese algo é a antropoloxía, a un tempo científica e humanística. E a
pregunta que fai a antropoloxía, a
pregunta polo home, é como dicía Kant a mediadora necesaria de calesquera
outras preguntas, que sen unha correcta antropoloxía non poderán ser siquera
ben plantexadas.
Porque sen unha correcta articulación entre natureza humana e diversidade
cultural non pode haber nin filosofía
solvente nin unha comprensión adecuada do contexto da acción política. Pero
quizáis se trate deso: non comprender demasiado a situación propia, non facerse
demasiadas preguntas, conformarse e acatar. O que se espera do imperativo dunha
sociedade utilitaria. Así que mellor demos a clase por rematada, e agora
acendan as pantallas, e busquen. Ademáis de entretemento e ilusión de
participar seguro que atoparemos algunas respostas xa feitas, sen dúbida máis
dóciles, aínda que con elas vaia unha vida máis (falsamente) acomodada.
Publicado no Progreso o 16-5-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario