M. A. Martínez
Os días 17, 18 e 19 de febreiro celébrase o IV Foro de Filosofía da cidade
de Lugo organizado polo Grupo Doxa de Filosofía. O tema deste ano é “Filosofía e progreso”. O
título non é casual. A día de hoxe hai un bloqueo (político) da potencialidade
revolucionaria (crítica) da idea de progreso. Tamén un ataque (gobernamental) á
filosofía. Son fenómenos correlativos. A idea de progreso redúcese a
perfeccionamento tecnolóxico. A filosofía sufre restricións moi graves no seu
exercicio público. Quen rexeita a filosofía soe negar a posibilidade do
progreso moral (nas persoas) e político (nas sociedades). Pensemos no actual
declinar das ideas de ben común e xustiza. E no sorriso escéptico que esperta a
idea dunha sociedade mellor. Individualismo e cinismo son os seus efectos. Que
relación existe entre progreso social e filosofía? Como contribúe a filosofía
ao benestar colectivo?
Progresar é crear novas posibilidades de vida boa para as persoas. Tamén é
dispoñer de capacidade de resistencia contra o mal moral, o horror político, a
asneira asociada á corrupción transversal. O progreso é filosófico. Por que?
1. Nas sociedades existe engano, trampa, mentira. Mais quen se compromete a
buscar, examinar e argumentar a verdade asume un compromiso filosófico.
Chomsky, Vattimo, Adela Cortina, Lledó, Sádaba, entre outros, instan a dicir a
verdade. Desmontar argumentos falsos é unha disposición que se aprende grazas á
filosofía. Resulta de proveito para a sociedade. De tal xeito, a filosofía
impregna o auténtico ethos profesional de calquera profesión (médico,
científico, xornalista, etc).
2. As pseudociencias (astroloxía, economía neoclásica, cosmoloxía
creacionista, revisionismo histórico, parapsicoloxía, entre outras) e
pseudosaberes (coaching, mercadotecnia, “bloguerismo”, por dicir algúns) teñen
éxito. Son discursos que non se someten a proba, cometen fraudes, son dogmáticos,
rexeitan a crítica, os seus principios son incompatibles cos máis seguros da
ciencia, só buscan a rendibilidade económica, obstaculizan a investigación da
verdade. A filosofía deita luz sobre estas manipulacións. Nesta tarefa o
filósofo Mario Bunge xa foi galardoado con vinte doutoramentos honoris causa.
3. Todos os saberes están sacudidos por controversias que teñen unha forte
compoñente filosófica. Problemas lóxicos, como os da estrutura das
argumentacións en neuroloxía e computación; éticos, como a eutanasia e a
experimentación animal; políticos, como o uso da enxeñería social para a
organización e gobernanza da sociedades. Neles filosofía e ciencia solápanse. A
filosofía amplía horizontes, establece pontes entre dominios científicos
diferentes creando novos obxectos, disciplinas e argumentos. Lembremos o
impacto mundial da reflexión lóxica de Saul Kripke, ética de Peter Singer e
política de Martha Nussbaum.
A filosofía é creación de pensamento. Tamén innovación que establece novos
niveis de consciencia crítica e autoconsciencia. De aí as súas repercusións nas
sociedades da información e a comunicación: atravesa as artes, a ciencia, a
técnica; penetra na moral persoal e impulsa á práctica da democracia; axuda a
loitar contra a corrupción política e social. É un refuxio para a verdade e a
liberdade. Inspira, xa que logo, un novo xeito de progreso social. Todos
estamos convidados a pensar nel.
Publicado no Progreso o 13-2-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario