jueves, 23 de noviembre de 2017

Cataluña: inventar un inimigo



Gonzalo Pérez López

Nestes momentos de confusión intelectual e de actitudes onde prima o visceral sobre o racional, alentadas sen recato polo poder establecido co fin de extraer delas suculentos réditos, Cataluña convértese no campo de operacións para despregar o seu poderoso arsenal de recursos para logralo. Independentemente do tufo a retorceduras da realidade, truculencias, exclusións e intereses espurios que destila o papel das elites respectivas no conflito, a reflexión básica, que me provoca serias dúbidas, pasaría por dilucidar se o movemento cidadán catalán pode coadxuvar ou non ao obxectivo dunha humanidade universalmente libre, democrática, solidaria e socialmente xusta, pero a complexidade do tema desborda o marco deste artigo.
Hai, sen embargo, temas tanxenciais ao problema que poderían axudarnos a entender as reaccións que suscita. Un deles, sobre o que esbozarei algunhas ideas a considerar, é a construción do ‘inimigo externo’ ou da súa variante complementaria o ‘inimigo común’. Esta manifestación dexenerada da práctica política, que puidera parecer obsoleta polo seu manido uso desde tempo inmemorial, continúa dando hoxe excelentes resultados aos que, mediante o control masivo da cidadanía, aspiran a ampliar, se cabe, o seu poder.
A conversión de Cataluña en inimigo a bater foi despregado progresivamente para potenciar os prexuízos nos que se asentan as actitudes que pretenden provocar. Como contribución fundamental á consecución do obxectivo do Goberno español, as macroempresas de comunicación afíns ao mesmo, a inmensa maioría, practican o efecto burundanga política pervertendo a linguaxe (secesionismo, racismo, sedición, xenofobia…) para caracterizar aos potenciais inimigos e, por extensión, para estigmatizar aos que se resistan a sumarse á tenebrosa visión da indisolubilidad de la patria e sosteñan, desde presupostos de racionalidade democrática, o dereito a decidir do pobo catalán como a única opción válida para resolver o conflito. A reiteración abafante desas mensaxes unidireccionais acaba dobregando a vontade dos receptores.
Comezan, entón, a recrutar levas para unha cruzada orientada a converter en nacionalista español a calquera descarreirado. Asentados sobre esa ficción monolítica que denominan España, éncheselles a boca falando de democracia, pero non a practican; apelan ao patriotismo, pero evaden impostos e colocan os cartos en paraísos fiscais; falan de legalidade, pero se financian ilegalmente e esquilman as arcas públicas desde as institucións; entronizan Europa, pero só a do capital financeiro; apelan ao estado de dereito, pero acomodan o poder xudicial aos seus intereses particulares; abrazan e consideran intocable a constitución do 78, negociada cos prebostes da ditadura baixo a ameaza dun golpe de estado, pero incumpren a parte máis social e a cambian (artigo 135), en comandita coa outra parte do bipartidismo amigo, para dar prioridade ás esixencias do capital sobre os intereses dos máis vulnerables.

Con tan falaz bagaxe, non resulta doado explicar as masivas adhesións aos seus presupostos. Pero os cruzados, tan imbuídos están desa visión simplista e maniquea de que o mundo está escindido entre bos e malos (constitucionalistas e anticonstitucionalistas, unionistas e separatistas, demócratas e antidemócratas …) que ata empregan equidistante a modo de insulto. Séntense partícipes dunha misión salvífica para preservar aos primeiros dos segundos e, aguilloados no seu ardor guerreiro (!a por ellos!) emprenden, convencidos, a marcha cara ó triunfo sobre o mal.
Rendible invento este de Cataluña como inimigo común porque os estrategos da manipulación foron quen de unir na cruzada, entre outros, aos traballadores que sofren precariedade cos que se aproveitan dela para incrementar plusvalía, aos que sofren as políticas neoliberais cos que as fomentan, aos desafiuzados cos que os desafiuzan, ás persoas honradas cos que fixeron da corrupción o seu modo de vida e de acción política, ao que sofren recortes de dereitos e liberdades cos que aproban a ‘lei mordaza’.
Como explicar este despropósito que parece materialmente imposible? Penso que pola sinerxía entre o papel do inimigo común creado como elemento cohesionador contra natura deses intereses antitéticos, o devastador efecto para a democracia do "atado y bien atado" dun franquismo, non tan residual como dicían, disposto a aflorar en canto atopa terreo aboado e a existencia dunha masa acrítica, vítima do individualismo excluínte, con ansia de encontrar ese inimigo compartido que lle dea seguridade psicolóxica e lle permita canalizar a agresividade que provoca a frustración acumulada pola invisibilidade á que está sometida.
Ademais, a voracidade patrimonializadora da dereita plutocrática non ten límite. Non só se apropia da riqueza, senón tamén da Constitución, do simbólico, dos sentimentos, de todo. Con ese caldo de cultivo, o exército mediático, apelando ás paixóns máis baixas da persoa mediante falacias e pseudoargumentos, ten fácil recrutar xente e cumprir co obxectivo de desviar a atención da problemática que realmente lle afecta.
Admito, entón, que ir a contracorrente dunha acción colectiva convertida en cruzada supón o risco obxectivo de ser arrasado polos obnubilados militantes. Asúmoo con afouteza e intento transitar pola russelliana "rexión da dúbida liberadora".

Publicado no Progreso o 4-11-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario