domingo, 29 de octubre de 2017

Poder e política




Elías Pérez Sánchez

Durante a II guerra mundial e baixo o mandato de Roosevelt, o vicepresidente de EEUU Henry Wallace converteuse nunha auténtica revelación dentro de Partido Demócrata polo seu talante progresista. Un dos seus discursos pronunciado en 1942 provocou un gran balbordo. Coñéceselle como o discurso do home común porque nunha pasaxe central, Wallace sinalou que o século que se iniciaría ao finalizar a guerra non sería coñecido como o “século americano” (slogan lanzado polo magnate Henry Loce, quen vía na guerra mundial unha oportunidade para impoñer un novo sistema mundial baseado no liderado internacional americano) senón como “o século do home común” e corrente, expresión na que subxacía unha visión cívica e republicana en frontal contraposición aos ideais imperialistas americanos. A alocución tivo gran impacto na opinión popular e gañoulle toda a inimizade dos xefes do Partido Demócrata. O progresismo de Wallace e a súa popularidade convertéronse nunha ameaza para o establishment do partido polo que comezaron a realizarse movementos dentro do seu sector máis conservador co fin de neutralizar as súas posibilidades de acceso como nomeado ás primarias presidenciais, obxectivo que conseguiron apoiando a un senador escuro e dócil (Harry Truman) quen si alcanzou a presidencia e levou a cabo, sen ningunha dúbida, o desexo do “século americano”. O resto da historia xa a coñecemos.
Algo similar ocorreu, tamén no Partido Demócrata, nas últimas primarias americanas nas que competiron H. Clinton e B. Sanders. A comunicación entre o equipo de campaña de Hillary e o Comité Nacional do Partido (o DNC) era constante. Tanto a presidenta do Comité, D. W. Schultz, e o xefe da campaña de Clinton, J. Podesta, xunto con sectores do partido tentaron por todos os medios bloquear a alternativa Sanders (un “rara avis” da actividade política e un senador cunha traxectoria coherente e independente). O rumbo anti-Sanders ía en aumento a medida que medraba a súa popularidade. E mentres as sondaxes mostraban que Sanders tiña maiores probabilidades de derrotar a Trump que a señora Clinton, a intranquilidade na xerarquía demócrata aumentaba. O que estaba en xogo, en realidade, non era a elección presidencial, senón o control do partido.
É claro que os xefes do DNC traizoaron o seu mandato de neutralidade e inclinaron a balanza en favor de Clinton. A súa maquinaria manifestou, novamente, unha tendencia clara a preferir os intereses dos poderes establecidos cando sospeita que os seus candidatos móvense demasiado á esquerda.
Estes son dous exemplos, nada illados, nos que por intereses espurios o progresismo foi quen de priorizar o poder interno do partido e renunciar ao poder político en detrimento dos intereses comúns. E esa práctica segue sendo habitual en tanto que os partidos políticos  transcenderon á súa idea primixenia e esencial na democracia: servir de instrumento para a defensa das necesidades da cidadanía. O desexo de control interno das organizacións políticas (inclúo o asamblearismo ficticio, tamén), o ego imperante nos círculos de poder, o sectarismo, a obediencia cega e disciplinada por riba da capacidade e o mérito e o rexeitamento do debate político interno, son síntomas evidentes de que as organizacións políticas de corte progresista están a deixar de ser un instrumento esencial para a participación política. E están a abandonar á súa sorte, dun xeito groseiro, a todos aqueles cidadáns que sofren as consecuencias dunha crise desigual. Alguén chamou a esta situación “unha democracia sen demócratas”.

Publicado no Progreso o 28-10-2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario