M. A. Martínez
O filósofo Clément Rosset en Lejos de mi. Estudio sobre la identidad
(Marbot Ediciones, Barcelona, 2017) defende unha tese atrevida: a identidade
social é real, a persoal imposible. Esta tese vai contra a evidencia que cada
un ten do seu eu privado.
Segundo Rosset, a identidade social do eu ten curso oficial: está ligada a
documentos, testemuños, probas e recoñecementos. Porén, a identidade persoal do
eu é imaxinaria: pertence ao reino inescrutable e incerto das fantasías e soños
do suxeito, dos pensamentos privados que ninguén chega a coñecer e o propio
suxeito non consegue recoñecer. A primacía do eu social sobre o eu privado
mostra a realidade do primeiro e natureza fantástica do segundo.
As persoas atenden aos nosos feitos, xestos e palabras, non ao que nos pasa
pola cabeza. Apéganse á nosa presenza en público e entre o público, aos nosos
actos e actuacións. Descoñecen o relato de nós que facemos e refacemos no
diálogo interior. Non participan dos recordos e anamneses practicadas en
soidade. Cando o eu cre mergullarse na súa memoria biográfica, entrégase á súa memoria
de ser social. O verdadeiro eu resulta inalcanzable porque, en realidade, non
existe. O único que encontra o suxeito é o sentimento do eu, nunca o seu eu.
Daquela, a identidade persoal é un hóspede invisible que, ás veces, se torna
visible nun ángulo de visión que non acerta a miralo directamente e
identificalo de forma certeira. Está de costas, como o protagonista de O
camiñante sobre o mar de nubes de Caspar David Friedrich e A reprodución
prohibida de René Magritte. Quen busca o seu eu decepciónase, non encontra nada
de valor distinto ao que xa sabe. Quen cre encontrar o seu eu, só captura o
carácter repetitivo do seu comportamento social. Quen medita sobre si tópase,
tan só, cun vago sentimento de si.
O disimulo máis común para esta falta de ser da identidade persoal é
adquirir unha identidade prestada. Imitar a outro é a fórmula para construír
unha personalidade íntima, a estrutura dun eu. Esta imitación dura até a idade
adulta porque o outro que me formou debe seguir actuando. De non facelo, o meu
mundo deixa de existir. De interromperse a súa acción, non existo. A razón
reside en que o eu non desexa o outro, desexa o desexo do outro. Ao eu só lle
cabe desexar o que desexa o outro, investido de poder e autoridade.
Rosset sospeita que o eu vive copiando exemplos que admira, modelos que o
fascinan, persoas que o marabillan. Mais nisto non é orixinal: aseméllase aos
outros que tamén copian e reproducen outras vidas. Até o infinito. O outro
imitado é tamén, na orixe e no seu termo, un eu prestado. Unha identidade de
ocasión.
Sentida como real, en realidade imposible, a identidade persoal pode ser un
préstamo do amor que os outros teñen por nós. Existir como seres amados incide
na idea de que a identidade persoal é arrendada durante o tempo que perdura. De
aí que a quebra dese amar reverbere na (baleira) identidade persoal. Identidade
irreal, con todo sentida como real. Identidade prestada. Ora ben, falsa e
verdadeira: falsa porque non expresa un fondo auténtico, real; verdadeira
porque procede dunha persoa ou persoas reais cuxos trazos se toman prestados.
A tese de Rosset é arriscada. De ser certa, deita luz sobre fenómenos
sociais actuais. Mais ensombrece a responsabilidade persoal (moral, xurídica) e
desbota o libre albedrío. Ademais, poida que o sentimento de identidade persoal
si teña utilidade: dotar de consciencia á ignorancia do baleiro de si; servir
de interrupción do curso, unhas veces abafante, outras simplemente pánfilo, da
alienación social de non saberse outro, e o outro ignorarse eu.
Publicado no Progreso o 14-10-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario