José Domingo de Prada
Nestes momentos de parón no curso escolar pódese facer unha reflexión sobre
a educación dende a distancia que nos permite separarnos da loita diaria.
Sae dos institutos a primeira xeración LOMCE, o que significou para eles
unha redución do número de horas e materias de formación obrigatoria e o
aumento de ambas en formación complementaria, sempre comparando coas promocións
anteriores (neste sentido cabe destacar a perda como materia obrigatoria en 2º
de Bacharelato da Historia da Filosofía). O que se incrementa non son as horas
ou materias dedicadas á especialidade que lexitimamente cada quen decide
seguir, o que sempre coñecemos como materias de ciencias ou de letras, senón un
grupo de materias complementarias, denominadas ‘específicas’, válidas para todos.
Concibidas como un complemento, carecen de valor formativo forte e só teñen un
valor secundario. Escollidas libremente polo alumnado en función de criterios
imprecisos, non son especialmente relevantes para a súa formación futura,
unicamente lles aportan suplementos. Pois ben, estas materias específicas
supoñen un quinto do horario semanal de primeiro de Bacharelato e un cuarto do
horario en segundo. Habitualmente, a compensación á elección destas materias é,
unha menor esixencia nas mesmas e unha maior nota. A consecuencia é a mellora inmediata e artificial dos
expedientes provocada pola redución das materias de formación básica, troncais
e o aumento das materias de opción, complementarias (en tempos chamadas “marías”).
Reducir as materias troncais pon ao alumnado na posición de ter que decidir
que vai estudar, antes de saber de que trata ou que lle pode aportar o que vai
estudar. Teñamos presente que non estamos a falar do ensino universitario,
senón do ensino medio, un ensino básico no cal non hai que formar
especialistas, senón darlle aos individuos ferramentas e coñecementos mínimos
para que poidan ir decidindo que lles atrae máis no proceso de estudo. Dende
logo, o que non se coñece non atrae, e, por suposto, o alumnado non ten que
rematar nos institutos cunha licenciatura (agora chamados Graos), senón
preparados para estudala.
Esta situación é posible porque a sociedade o acepta e aplaude. O sistema
educativo non é outra cousa que unha manifestación da propia forma de pensar da
sociedade na que está inmerso. Nestes momentos, a nosa vive a dicotomía, máis
ben, a escisión entre a facilidade, o dereito ao éxito, o hedonismo en calquera
aspecto da vida, a relaxación no ocio e no traballo e a crueldade coa que
posteriormente nos trata cando non respondemos a unhas expectativas de
esixencia que se incrementan día a día (nunca se pediu tal cantidade de
coñecementos incluso para traballos non especializados). Aquí é onde se
producen brechas sociais insalvables. Aquel estudante que non teña quen o
oriente no proceso educativo, pode perderse na primeira elección mal feita, e
despois tentar volver atrás e recuperar unha mala elección é case imposible. É
esta unha cuestión coa que non tivemos que enfrontarnos as xeracións máis
vellas.
O resultado desta deriva social é esta amabilidade educativa na que estamos
inmersos. Todo son facilidades. Suavícese á consecución do aprobado, con
independencia do esforzo, interese ou capacidade. Así, van desaparecendo os
exames, que se substitúen por ‘traballos’ ou por simulacros de exames (máximo
un tema, ou repetición indefinida do mesmo), van desaparecendo as clases
maxistrais, o profesor xa non ten nada que ensinar, o alumnado se autoprocura a
información que para iso está Google e, o alumnado é máis áxil movéndose polas
súas tripas -xa saben o que se pode
atopar nas tripas-. Vaise substituíndo a palabra non xa pola imaxe, senón polo
vídeo: didácticos, documentais ou
películas. Faise a simulación -falsa ilusión- de centros trilingües,
cuadrilingües ou pentalingües, só aptos para a selectísima minoría que coñece o
idioma antes de matricularse nunha materia impartida en lingua estranxeira.
En fin, hai moito brillo no sistema, pero esperen a que as primeiras
rabuñaduras comecen a desgastalo e a que na sociedade pidan esforzo, aburridas
repeticións do traballo, solucións a problemas complexos, entregas con prazos
taxados, vamos... o de todos os días. A ver daquela que se pode escoller!
Publicado no Progreso o 29-7-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario