María Isabel Sánchez Corral
O sistema económico e social no que vivimos está a tentar domesticar algo
que lle estorba, unha vez máis. Primeiro fixo fogueiras e queimou ideas, formas
de vida que prexudicaran ao patriarcado e a reprodución da man de obra barata
para un incipiente capitalismo, alá polos s. XVI e XVII. Despois relegou os
seus dereitos, aínda loitando a pé de barricada por eles en distintas
revolucións ao longo do século XVIII e XIX. E a principios do século XX as
atropelou para que non conseguisen introducir unha papeleta nunha urna.
Neste século pasado é onde o patriarcado, aínda mantendo o pulso, perde
forza en prol dos dereitos vindicativos das mulleres. O movemento feminista e
as mulleres que o compoñen gañaron moitas batallas coa súa loita. Desde o
dereito a voto, o dereito a decidir sobre o seu propio corpo, dereitos laborais,
económicos, sociais e culturais vetados ata ese momento á costela de Adán.
Estas batallas déronnos dereitos a xeracións de mulleres que vimos como se
estancaba a súa progresión nos últimos tempos. Quedándose todo nunha igualdade
formal para máis tarde, sen darnos conta de que estes non eran acumulativos,
comezar a pedelos.
O sistema nos últimos anos lanzou unha ofensiva brutal contra o feminismo.
Por unha banda, axudado pola crise, foi situando ás mulleres nunhas condicións
de precariedade económica e social que nos sitúan na pobreza máis extrema e no
centro da violencia máis arraigada. Por outro, vendo que non é capaz de reducir
un movemento ideolóxico que pervive ao longo de tanto tempo, pono de moda.
Sendo esta a súa mellor arma.
O feminismo está de moda. Abonda con que salga unha actriz ou unha
influencer dicindo que é feminista ( ...e está moi ben facer ese tipo de
declaración pública, que poida servir como modelo para outras mulleres ), para
que a maquinaria se poña a funcionar. Créase a controversia nos medios de
comunicación tradicionais e sobre todo nas redes sociais, cando outra persoa ou
varias din o contrario. E a partir de aí xérase o merchandaising, que
"reivindica" os "nosos" dereitos. Cuncas que titulan
"feminism rules" ; camisetas coa palabra "feminist" na
colección de calquera deseñador de moda a un módico prezo de 500 euros, con
versión low cost por 12,95 euros. Carteis con frases como "we can do
it", emblema do empoderamiento das mulleres, utilizados fóra de contexto.
Todos os xornais de gran tirada colocan na súa sección de moda o apartado
"feminismo" á beira doutros como: shopping, praceres, moda,
actualidade, horóscopo,...
Unha vez máis se trata de engulir unha idea, un movemento e regurxitalo
domesticado, ben domesticado. O sistema non pode permitir un movemento
feminista organizado, que se mobiliza, que desenmascara ao patriarcado e ao
capitalismo, que denuncia a situación de desigualdade de millóns de mulleres no
mundo, a escravitude sexual á que se somete a nenas e mulleres, a violencia que
asasina, a mercantilización dos nosos corpos.
Ao mesmo tempo aparece en escena algo que vén a denominarse feminismo
posmoderno. Xa non estamos a falar das diferenzas entre o feminismo da
igualdade e o feminismo da diferenza, ou entre o feminismo burgués e o de
clase.
Feminismo posmoderno ou "todos os feminismos son válidos":
admitamos todos os puntos de vista. Por conseguinte, debemos admitir tamén a
regularización da prostitución, os úteros de aluguer, etc. Reivindicacións que
poden compartir ao mesmo tempo os ultra liberais centralistas como os
nacionalistas de extrema esquerda. Todos eles ao servizo do patriarcado, baixo
a idea da liberdade individual e que todas as persoas teñen dereitos
individuais, reforzan a ideoloxía do dominio do home. O poder é para os homes e
as mulleres estamos ao seu servizo, xa sexa para reproducir a especie e seguir
lanzando ao mercado man de obra barata ou para a súa satisfacción sexual.
Pero todo isto é polo noso ben. Porque non son puta, pobre e/ou migrante,
senón que o son pero fago unha obra social e ademais non son unha puritana. Non
son muller pobre e alugo o meu útero, senón que son boa e fago realidade os
desexos doutras persoas alienándome.
O patriarcado ponnos un colar cos seus "valores" para que o
capital nos saque ao libre mercado. Quen dá máis?
Publicado no Progreso o 16-9-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario