Xosé Ramón Cando Vázquez
Estamos asistindo en Europa a cambios políticos importantes aos que moitos
de nós non estamos dando, se cadra, a importancia que teñen; mais aínda,
semella que non nos decatamos da súa transcendencia de cara ao futuro, futuro
que parecen anunciar, cando menos, difícil.
O nacionalismo xenófobo inglés conseguiu sacar ao Reino Unido do proxecto
común europeo, o nacionalismo xenófobo francés pretende o mesmo e conta, dende
fai tempo, cun importante apoio da poboación, o nacionalismo xenófobo austríaco
estivo a piques de gañar as últimas eleccións presidenciais nese país, o
nacionalismo xenófobo holandés meteunos, recentemente o medo no corpo a moitos,
o nacionalismo xenófobo imponse, igualmente, en Polonia, Hungría e outros
países da súa contorna, pero o que máis nos preocupa a algúns, son os noventa e
cinco deputados que o nacionalismo xenófobo alemán acadou nas últimas eleccións
nese país, situándose, ademais, como primeira forza política no estado de
Saxonia con preto do trinta por cento dos votos.
Os partidos tradicionais de Alemaña (CDU—CSU e SPD) sufriron unha
verdadeira debacle que os sitúa en parámetros descoñecidos na historia recente
dese país, acontecemento que resulta contraditorio co presunto e moi louvado
benestar económico que os medios de comunicación nos presentan como
paradigmático. Pola contra, segundo as análises oficiais, semella que a causa
destes resultados reside na animadversión xerada pola abondosa chegada de
refuxiados procedentes de países musulmáns habendo quen cualifica esa reacción
xenófoba como 'islamofobia'.
Fagamos un pouco de historia, fai cen anos millóns de rapaces matábanse,
asañadamente, nos teatros —maioritariamente trincheiras— de guerra por Europa
adiante no primeiro acto dun enfrontamento que, vinte anos mais tarde, se
reproduciría e conduciría ao mundo a mais sangue, dor e destrución do que se
pensaba que os seres humanos fosen que de producirse a sí mesmos. Como
consecuencia da primeira guerra mundial Europa quedou empobrecida e Alemaña,
ademais, tivo que pagar enormes compensacións económicas aos países vencedores
que estes impuxeron no Tratado de Versalles. En Alemaña tivo, tamén, moita
repercusión o crash de 1929 facendo que o malestar económico fose moi forte e
dando lugar a intentos revolucionarios fronte aos que os poderes económicos
acabaron financiando ao pequeno grupo de Hitler o NSDAP que se caracterizaba
polas súas accións violentas contra os partidarios dunha revolución socialista
e que finalmente, co mencionado apoio, acadou a ser o partido máis votado en
dúas eleccións consecutivas.
A deriva cara posicións que ameazan a convivencia está sendo interpretada
con diversos enfoques pero parece evidente que antes e agora o factor económico
resulta determinante. Poñamos un exemplo, en Londres hai rapaces españois que
traballan de balde —literalmente— porque entenden que así poden perfeccionar os
seus coñecementos do idioma inglés, circunstancia que lles vai supoñer unha
importante mellora no seu currículo, como cremos nós que van interpretar esta
competencia desleal os parados ou infraasalariados traballadores británicos? Se
no Reino Unido existise benestar económico tería lugar a mesma reacción? Se non
existisen masas famentas na Alemaña de 1930, gañaría as eleccións o NSDAP? Se
os cidadáns de Saxonia tivesen unha boa posición económica serían islamófobos
coa mesma intensidade que o son agora? A extensión da globalización en forma de
liberalismo económico está dando un golpe importante as chamadas —para
entendernos— clases medias, ocasionando polo tanto un incremento da diverxencia
social onde unha minoría se enriquece extraordinariamente, mentres que a
maioría se empobrece. Neste contexto, impóñense as perspectivas maniqueas e
resulta difícil a resolución dialogada e pacífica dos conflitos —véxase
Cataluña—.
Podemos reproducir os enfrontamentos de fai cen anos xa que non hai nada
que nolo impida —enganámonos se pensamos que somos mais intelixentes ou
mellores que os nosos avós—, ou podemos aprender dos erros que temos cometido
para non repetilos. Dispoñemos dunha ferramenta mais poderosa que todas as
bombas atómicas, o voto, para cambiar a realidade económica e social en
beneficio do conxunto da cidadanía, ou podemos pechar os ollos ante os feitos que
parecen impoñerse. Se cadra, cando os abramos, xa só nos quedarán as fouces.
Publicado no Progreso o 7-10-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario