Mar Carballo Cela
No ano 1979 Lyotard publica “A condición posmoderna”, anunciando un cambio
de época. As pretensións da modernidade, herdeiras da racionalidade ilustrada e
a súa idea de progreso, danse por fracasadas ó considerar que non aportan
solucións axeitadas ás novas circunstancias sociais. A heteroxeneidade das
novas sociedades require afrontar os problemas dende unha óptica máis
relativista, deixando a un lado o que o autor define como “macrorrelatos” ou
“metarrelatos”: discursos ideolóxicos
alternativos para a realización de ideais políticos, sociais ou económicos de
emancipación universal que, ó seu parecer, acabaron caendo en actitudes
totalitarias. Non faltaron voces contrarias, como a de Habermas, que saíron na
defensa daquel proxecto moderno ó que non consideraban errado, senón inacabado,
e que trouxera grandes avances sociais de recoñecemento de dereitos a todos os
niveis.
En consonancia con esta nova interpretación posmoderna, foron xurdindo
actitudes críticas ante certos logros da modernidade. É o caso do
cuestionamento do feminismo clásico, que xa se vén identificando co nome de
“posmachismo” por coincidir, precisamente, co contexto social, político e
cultural da posmodernidade.
Miguel Lorente Acosta, no capítulo “La posmodernidad y la condición
posmachista” do seu libro “Los nuevos hombres nuevos” (Destino, 2009), describe
esta actitude como reaccionaria ante os avances conseguidos en materia de
igualdade: é unha nova forma que adopta o machismo para perpetuarse e que nada
cambie, pero sen unha oposición frontal e aberta, senón sutil e camuflada.
Entre os seus postulados podemos atopar os seguintes:
1. Terxiversar
o significado da palabra “feminismo” opoñéndoa a “machismo”, e declararse
partidarios dunha suposta neutralidade (nin machistas, nin feministas),
afirmando sentirse atacados en tanto que homes, sen entender que o feminismo
combate un estilo de vida, unha cultura, un modelo de home e de muller. Ser
neutral, neste caso, significa ser indiferente ante a inxustiza: alguén se
declararía neutral ante a escravitude?
2. Minimizar
a violencia de xénero: “Hai denuncias falsas”, “os homes tamén somos vítimas,
pero non se denuncia ou ocúltanse datos”, cando hai evidencias estatísticas da
falsidade destas afirmacións. Neste sentido cabe destacar que ningunha lei,
máis que a de Violencia de Xénero, é cuestionada polo risco de denuncia falsa.
Tamén é frecuente atribuír este tipo de violencia a circunstancias persoais,
como o alcoholismo, os celos ou a pobreza, e non a motivacións de carácter
cultural. Estamos vendo que, en ocasións, tamén se busca culpabilizar de
maneira indirecta ás vítimas de violación: se estaban baixo os efectos das
drogas, como ían vestidas, se se resistiron o suficiente, etc.
3. Asociar
a palabra feminismo a sucesos históricos tan deplorables como foi o nazismo:
“feminazis”.
4. Burlarse
da linguaxe inclusiva. Poderase discrepar de como resolver os abusos da linguaxe,
pero non é adecuado restarlle importancia á discriminación da que tamén fomos
vítimas naquilo que tan profundamente nos fere a alma: as palabras.
Do que se trata, en definitiva, é de sementar dúbidas, de confundir para
desacreditar, de querer que todo siga igual. Son actitudes que, ó carecer dun
sustento ideolóxico solvente, dun argumentario sólido e coherente en contra do
feminismo, redúcense a criticar as accións levadas a cabo en prol da igualdade.
Poderase non estar de acordo con algunha destas accións, pero isto non
invalida, en ningún caso, os principios que defenden.
Certamente, foron moitos séculos de patriarcado no que homes e mulleres nos
educamos, e que conserva raíces profundas que custará desarraigar. A
desorientación acompaña a todo proceso de cambio, pero a única opción para saír
dela é a formación. Non podemos pretender espertar á comprensión profunda deste
complexo e transcendente fenómeno social no que estamos inmersos, sen un
esforzo persoal de análise e estudo que toda manifestación cultural require.
Grande parte do problema reside, precisamente, nesta falta de interese, que
relega este tema a unha posición marxinal por parte dun sector da poboación
masculina, pensando que a mera intuición é suficiente para desentrañar o
problema. A miúdo esta carencia é a culpable de que se sentan, segundo eles,
excesivamente cuestionados, e declaren que sobre esta cuestión non se pode dicir
nada sen ser increpados por unha “feminista radical” que analiza en exceso as
súas palabras.
Non se pretende culpabilizar a ninguén dunha situación herdada, pero si se
espera que se asuma a responsabilidade de non perpetuala.
Publicado no Progreso o 16-12-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario