Elías Pérez Sánchez
Dicía xa Kant no século XVIII que os nenos debían ser educados non para o
presente, senón para unha condición futura, posiblemente mellorada, de modo que
se adapte á idea da humanidade e ao destino do home. O aserto kantiano gardaba
unha sólida vinculación coa idea ilustrada do home como ser progresivo capaz de
alcanzar a súa máxima condición humana a través da educación. Realmente o
século XVIII (século da Ilustración) foi cualificado por algúns como o século
pedagóxico por excelencia no que xurdiron dúas das figuras máis relevantes da
pedagoxía e da educación como Rousseau e Pestalozzi, e nel desenvolverase a
educación pública estatal e iniciarase a educación nacional.
Con todo, a educación foi unha cuestión central na reflexión filosófica ao
longo da historia da humanidade. Sócrates, Platón e Aristóteles entendíana como
unha necesidade, como unha ferramenta fundamental para acadar bos cidadáns
felices, críticos, sociables, virtuosos e xustos de modo que o futuro da polis
dependía do nivel de formación tanto dos seus gobernantes como dos cidadáns que
a conformaban. Durante a Idade Media e a comezos da Idade Moderna a educación,
dominada pola chamada Escola Tradicional ou antiga caracterizouse polo
maxistrocentrismo, a rixidez (con escasos matices introducidos por Comenio) e o
control dun proceso de aprendizaxe despersonalizado, marcado polo
autoritarismo, cuxo obxectivo estaba centrado case exclusivamente na formación
da intelixencia. Será, como dixen, a partir do século da Ilustración cando
xurda unha Escola Nova que se estenderá nos séculos posteriores a través de
Dewey, Montessori, Decroly, Freinet, Piaget ou Giner de los Ríos. Tratábase
dunha escola paidocéntrica, participativa e dinámica que tiña como obxectivos
esenciais que os futuros cidadáns alcanzasen unha formación integral educándoos
para a vida e a liberdade potenciando sensatamente a creatividade, a reflexión,
a capacidade crítica e a autonomía.
Hoxe, diversas causas de tipo económico, social e político están a
determinar o afianzamento da hexemonía neoliberal nun mundo globalizado e, polo
tanto, unha nova racionalidade instrumental (do paradigma neoliberal,
enténdese) que concibe o mercado como un elemento regulador de decisións
políticas e sociais baixo unha lóxica cuxos obxectivos primordiais son o
individualismo, a atomización social, a procura da eficiencia, a eficacia e a
rendibilidade, ideas acuñadas do eficientismo económico e aplicadas ao campo pedagóxico
e educativo. Neste contexto vincúlase a educación co aparello produtivo
entendéndoa como produción de capital humano que debe ser rendible
economicamente. De aí a insistencia na necesidade de comprender a educación e o
seu propio sistema como un camiño cara á empleabilidade. Os grandes ideais
clásicos e modernos da educación son demolidos dun xeito insolente en beneficio
dunha educación rendible, e son demolidos co consentimento de moitos. Que
ninguén se queixe do futuro.
Publicado no Progreso o 23-12-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario