Gonzalo Pérez López
Afirmar que vivimos na "era da información" ou "todo está en
internet", ademais de obvio, é unha cantilena que, reiterada
indiscriminadamente, acaba por esvaecer o seu sentido e as consecuencias que
dela se derivan. Emprégase como recurso explicativo e como xustificación e
aceptación dunha realidade cuxo control se nos escapa. Opera como un esconxuro
que repetido invoca ese poder difuso e invisible, esa divindade actualizada e
tecnolóxica, para que evite a nosa exclusión e nos permita recoller as
faragullas sobrantes do seu poder universal.
Pero o exorcismo esíxenos facer tabula rasa da historia da humanidade, como
se a sociedade da información fose o esperado milagre do presente a cambio de
renunciar ao pasado por inútil e cavernícola. Se non queremos quedar varados
nese estado estamos obrigados a participar do que, esta vez si, permitirá
asentarnos na «nova e definitiva modernidade» sen ter que interrogarnos sobre a
realidade nin sobre nos mesmos, pasivos, robotizados e sen saír de casa.
Esta distorsión supersticiosa da realidade non deixa de ser unha
manifestación máis da ignorancia inducida desde o poder, unha constante que se
repite con distintos matices desde tempo inmemorial.
Aínda que o incremento e acumulación expoñencial do coñecemento nas últimas
décadas teñen unha repercusión extraordinaria en todos os ámbitos, deixarnos
aparvar polo triunfalismo sen reparar no seu asimétrico reparto social, ten
hoxe nefastas consecuencias, tendendo a agravarse no futuro.
En relación co problema, o historiador Peter Burke alerta dalgúns perigos
que nos invaden: confusión frecuente entre información e coñecemento, tendencia imparable á
especialización e control do coñecemento polo poder.
Se hai un perigo transversal aos demais e do que todos derivan é
precisamente o do control do coñecemento polas elites. Con esta perspectiva
adquire sentido reflexionar sobre esas confusións que se van asentando
firmemente hoxe en día, tales como as da familiaridade, opinión e propaganda respectivamente
coa información e a de esta co coñecemento.
Neuroloxicamente parece impoñerse a miseria cognitiva, é dicir, o noso
cerebro, por economía de medios, actúa aínda que teñamos unha información
incompleta, nesgada ou falsa da situación á que temos que responder. Isto
explicaría que creamos que o que nos resulta familiar é o real.
Para acadar o coñecemento é imprescindible que o pensamento procese a
información recibida, o que resulta materialmente imposible xa que só
dispoñemos dunha pseudoinformación que devén facilmente en propaganda, opinión
sen fundamento e desinformación sen máis.
Aínda que a información fora tal, se non somos capaces de comprendela
(seleccionar, organizar, relacionar e valorar criticamente a mesma), non
podemos desembocar no coñecemento. Chegar a el, aínda que sexan moitos os que
poden acceder a algún xeito de información, tórnase tarefa irrealizable para a
maioría .
O problema fundamental estriba en que todos os límites son moi imprecisos e
resulta fácil deslizarnos cara á ignorancia. Robert Proctor, lúcido historiador
da ciencia, patentou o termo agnotoloxía para describir o estudo argumentado
polo miúdo da existencia dunha industria para a creación deliberada da
ignorancia, unha tecnoloxía da desinformación, engadiría eu.
Abonda con observar como os que aspiran a monopolizar o coñecemento como a
expresión máis eficazmente expansiva de poder, coa colaboración dos medios de
(in)comunicación masiva (os instrumentos que máis inciden cognitivamente na
sociedade), poñen en marcha o seu férreo control planificado da información.
Así, emiten unha cantidade tal de mensaxes que desencadean unha sobrecarga
de información (errónea, fragmentaria, irrelevante e inútil as máis das veces),
que non só provoca que confundamos o que resulta familiar co real senón que nos
intoxica de tal maneira que nos aboca a abandonar a idea de depurala e
procesala criticamente para transformala en coñecemento. Incapaces de facernos
as máis elementais preguntas sobre a información en si, sobre quen a produce e
con que intención o fai, a propaganda circula sen obstáculos arrastrándonos
inevitablemente ata acabar atrapados na rede da ignorancia.
Entón, vagamos perdidos nesa nebulosa de ignorancia coa viciosa ousadía dos
que cren estar en posesión da verdade. Esta inhabilitación nosa para o
coñecemento confirma o éxito da operación emprendida e converte a anhelada
sabedoría nunha quimera.
Publicado no Progreso o 6-1-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario