José Domingo de Prada
Cando 1938 Orson Welles
emite o programa de radio A guerra dos mundos, non está tratando de fundar as
fake news, pero si consegue alterar a aprehensión da realidade; é de sobra
coñecido o efecto devastador e o pánico que induciu nos seus oíntes que,
incrédulos nun primeiro momento, e aterrados despois, pensaron que estaban
sendo invadidos polos marcianos. Isto a pesares de que Welles advertiu antes da
emisión de que se trataba da adaptación dunha obra de ficción e dun posterior
aviso da teatralidade do que se estaba emitindo. O programa era recibido como
unha noticia crible e facía que se asumiran as posibles consecuencias do que
realmente non pasaba, pero os oíntes imaxinaban que efectivamente si ocorría,
aínda que, de feito, non percibiran
nada. Copias ou adaptacións do programa tiveron posteriormente as mesmas
consecuencias (máis tráxicas nalgún caso, ao perdérense vidas).
Esta anécdota histórica
ilustra unha situación que estamos a vivir nesta actualidade que quere
re-comezar todo de novo, que non re-coñece (por ignorancia) o pasado e na que o
que ocorre se presupón froito da xenialidade absoluta do momento presente. A
Welles cábelle a honra de ser o inventor, sen intención, dun xénero novo nos
medios de comunicación: elevar á categoría de realidade algo inexistente, é
dicir, o que hoxe se denomina crear noticias falsas, ou na súa expresión
inglesa «fake news».
Hai, con todo, matices entre
o precedente e a situación actual. A maioría dos elementos que configuran unha
noticia falsa xa están presentes en Welles: a difusión inmediata e explosiva
(no seu caso a través da radio, na actualidade a través da Internet e as redes
sociais), a absoluta desconexión da realidade (que permite ás falsas noticias
carecer de referentes cos que comparalas), a persistencia, non excesiva, no
tempo (o que posibilita recuperalas recorrentemente) ou a naturalidade do
narrador (quen debe contar as falsidades como se foran verdades evidentes).
O elemento que diferencia a
situación de Welles e a actualidade é a conciencia respecto da propia noticia.
El non pretendeu enganar, no sentido de facer vital o engano, senón so de xerar
unha ilusión representativa, teatralizar e dramatizar o engano. Que os oíntes
confundiran a representación dramática coa realidade mostra a inxenuidade e o
manipulable que é o ser humano. Realmente non somos moito máis ca un mero
acubillo de prexuízos , temores, inseguridades e quiméricas expectativas que os
produtores de falsas noticias aproveitan e explotan. Contra a inxenuidade de
Welles está o interese dos organizadores das falsas noticias; contra a
inocencia, a manipulación e contra o dominio do medio e o coñecemento da arte
que permite forxar a ilusión da realidade oponse hoxe a facilidade e a
inmediatez das redes que reiteran bulos de forma masiva.
Ao fin, inventar noticias
falsas tampouco é realizar nada novo, non estamos continuamente modificando a
realidade? esta modificación non nos permite acaso interpretala e alterala?
canto tempo levamos sufrindo unha publicidade espuria e enganadora á que a
duras penas podemos resistirnos? non temos aceptado explicitamente as
deformadas lecturas da realidade que nos impuxeron a sangue e lume as
diferentes elites?
Cando enfrontamos o mundo,
este adquire sentido na medida en que o deformamos, e só podemos modificalo
cando somos capaces de manipulalo (este vén sendo o principio da intelixencia).
A mera representación das cousas non serve para nada, non nos deixa introducir
cambios nelas e a fidelidade á realidade -á que moitas veces se da o nome de
verdade- é incompatible coa comprensión da estrutura e do cambio do real.
Mentireiros compulsivos
dedicámonos a reler, interpretar, cambiar, reestruturar, fragmentar, inventar e
falsificar a realidade. Isto é o que nos permite adaptala aos nosos intereses.
A que chamamos pois falsas noticias? pois tan só a aquelas que escapando da
racionalidade común expúlsannos da zona de confort na que nos sitúan as nosas
verdades.
Publicado no Progreso o 27-1-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario