miércoles, 25 de abril de 2018

Ideoloxía do acontecemento


M. A. Martínez

Hai conceptos que empregados acotío exercen un notable poder de fascinación. Un deles é “acontecemento”. Nos medios de comunicación fálase de acontecementos “decisivos”, “históricos”, “que marcan un antes e un despois”. Acontecementos “fundacionais”, “influentes”, “epocais”. Mais, que é un acontecemento? En que se diferencia do curso ordinario dos sucesos (históricos, políticos, sociais, económicos)? A que ideoloxía responde?
En primeiro lugar, hai que aclarar a relación do acontecemento coa orde na que se insire e sucede. Un acontecemento pode ser unha posta a proba, confirmación ou reprodución, dunha orde determinada. Ou, pola contra, un produto da orde que pretende quebrantala, socavala, substituíla por outra. Cada acontecemento é, na súa orixe, duplo, ambivalente, equívoco: permite mirar adiante ou atrás. En calquera caso, a percepción do acontecemento implica unha posición previa que adoita pasar desapercibida: algo sucede. Suponse que hai acción, ocorrer, devir, que un fenómeno pasa, progresa, por secuencias ou en saltos. Porén, os dramas de Samuel Beckett tiran a súa forza da constatación do contrario: nada sucede. Hai espera sen expectativa. Garda do nada. Desta estraña condición do acontecemento pode extraerse a primeira hipótese provisional: un suceso calquera convértese en acontecemento cando está sobredeterminado, e un axente desenvolve a súa polimorfa complexidade.
O antedito condúcenos á segunda consideración: o acontecemento sucédelle a alguén. É habitual distinguir entre acaecementos obxectivos, impersoais, que poden ser descritos desde a perspectiva do espectador, e actos subxectivos atribuídos a alguén, isto é, accións persoais das que alguén ten que ser responsable. Porén, o acontecemento semella que sobrevoa o acaecer da experiencia e a acción do suxeito. Semella pertencer á esfera evanescente do afectivo, non do cognitivo. Isto é, á pasividade, non á espontaneidade. Refírese só a si mesmo, como o fenómeno da choiva ou un movemento sísmico. Desde este ángulo, o acontecemento non é abordable, manexable desde o eu. É unha ocorrencia que se anticipa ao ser “eu”. O “eu”, de feito, pode ser contemplado como unha resposta ao que se insinúa entre os pregos do acontecemento. Segunda hipótese: o acontecemento tende a borrar ao axente implicado.
En terceiro lugar, o acontecemento é o que sucede entre os membros dun “nós”. Non pode ser reducido a unha suma de producións individuais propias, nin a unha instancia unificadora que garante a comuñón dun nosoutros. Os acontecementos tenden a multiplicarse, traspásanse entre si, causan consecuencias que se entrecruzan. Hai un sen número de inter-acontecementos e intra-acontecementos que proceden doutro sitio e conducen a outro sitio, que descartan a presunción dun acontecemento primeiro (fundacional) ou último (escatolóxico). Cando se responde a esta rede de acontecementos irrompe un aprazamento que interrompe o curso da acción; establécese un abismo que separa os afectos dos efectos. Un abismo que produce desexos e representacións do que aínda non é e, tamén, do que xa foi. Terceira hipótese: o acontecemento pertence á orde da comunidade e o seu imaxinario espazo-temporal.
Por último, o acontecemento é un tipo de fenómeno afectado pola “diastase”: unha separación dentro de si mesmo. Pode orientarse cara aquilo que xa non é, e que une o acontecemento coa súa orixe real ou imaxinaria. Mais, pode dirixirse a aquilo que aínda non é, coa promesa de levar o acontecemento ao seu destino. O acontecemento, pola súa natureza, apártase de si mesmo, desprázase, prégase, ondea. É outro diferente ao que é: está nun lugar distinto ao que debería estar, sucédelle a alguén que é distinto de quen é. O acontecemento é asincrónico. Un retardo que atinxe á relación entre épocas e xeracións, individuos singulares e estratos de poboación. Así, o presente é o tránsito entre “xa non” e “aínda non”. O resto do suceso precedente e a resposta ulterior. Cuarta hipótese: o presente é un resto velado polo esquecemento, non finca en ningunha orde.
En suma, a apoloxía do acontecemento “decisivo”, “fundacional”, “histórico”, posúe varios dos trazos que caracterizan a ideoloxía posmoderna: sobredeterminación (interesada) dalgúns sucesos; borrado do suxeito (axente, paciente); creación dunha comunidade (imaxinaria); represión (do presente no que viven e sofren as persoas). Eis un tema para a meditación actual e sobre o realmente actual.

Publicado no Progreso o 21-4-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario