Mar Carballo Cela
Na nosa tradición cultural, xa desde Grecia, a cidadanía foi sempre
masculina, unha cidadanía caracterizada polos valores que o patriarcado lles
asigna ós homes, marcando unha importante diferenza cos valores femininos.
Eles, representantes da racionalidade, apropiáronse do público; e elas,
puramente emocionais, quedaron relegadas ó ámbito privado, habitando estes
espazos con maneiras de ser ben diferenciadas: as mulleres como coidadoras,
submisas, doces, pacientes e comprensivas, tal e como corresponde a un
reconfortante contorno familiar; os homes, valentes, dominantes, competitivos,
arriscados e, a miúdo, solucionando violentamente os conflitos, tanto sociais
como persoais. Estes últimos serán, polo tanto, os valores hexemónicos no
espazo político, un espazo no que non teñen cabida as emocións -síntoma de
debilidade-, coa triste consecuencia de que aínda hoxe nos pareza normal a
guerra ou as atrocidades que seguen acontecendo, xustificadas pola necesidade
dunha autoridade puramente racional, fría, e sen concesións, como é de esperar
dun home. É o resultado de continuar educando
nun tipo de masculinidade afastada da sensibilidade, e que seguimos admitindo
como natural. E se as mulleres se achegan ó espazo público, normalmente asumen
este patrón de comportamento, confundindo a igualdade coa asimilación ó modelo
dominante.
Cando se fala de xénero adóitase pensar nas mulleres, e poucas veces se
centra o debate na maneira tradicional de ser home e na súa negativa
influencia, tanto no eido persoal como no social e político. A necesidade de
socializar en novas masculinidades é unha urxencia á que se lle presta pouca
atención. A boa nova é que cada vez hai máis homes preocupados por este tema,
que tomaron conciencia e queren poder ser homes sen a camisa de aceiro que os
mantén atrapados impedíndolles ser eles mesmos, esa “mística da masculinidade”,
como di Octavio Salazar, que os fixo escravos (“Maculinidades y ciudadanía” ,
Dykinson, Madrid, 2013); porque o rol masculino hexemónico ten aspectos
prexudiciais non só para as mulleres, senón tamén para os propios homes e a
sociedade no seu conxunto.
É necesario promover mediante a educación virtudes cívicas liberadas dos
estereotipos patriarcais asignados ós varóns para exercer a actividade pública.
Hai que desmontar a masculinidade dominante que impregna o poder e educar ós
homes na cultura da sensibilidade, dos coidados, da paz; inculcarlles que se
pode ser home sen ter que demostrar temeridade, agresividade ou
competitividade. Hai que educar por igual a homes e mulleres en novas
identidades que potencien o mellor da nosa humanidade, para convivir no público
e no privado. Novos modelos, cos que poder identificarnos, para unha nova
época.
Isto é o que propón o feminismo. O feminismo non é un asunto de mulleres, é
a teoría explicativa dun sistema social que dominou a historia humana, e que
nos axuda a comprender o que hoxe somos como individuos e como sociedade: o
patriarcado. Un sistema incapaz de prescindir da violencia como instrumento
inherente ó poder, e que continúa socializando ós nenos en xogos para competir,
pelexar e destruír dun xeito tan natural, como se iso fose a esencia
propiamente masculina: o que chaman virilidade. Non hai máis que botar unha
ollada ó cine, ós videoxogos ou a moitos programas televisivos para decatarse
de que os modelos patriarcais seguen de plena actualidade. E non esquezamos que
o que se interioriza na infancia e na adolescencia marcará o futuro da nosa
sociedade.
A democracia esixe inculcar valores que nos axuden a tomar decisións
xustas, sensibles ante situacións precarias e discriminatorias de todo tipo.
Sen cidadáns virtuosos a liberdade perde o seu sentido de ser. Debemos entender
a liberdade que nos ofrece a democracia, como dicía Camus, como unha
oportunidade para ser mellores. Non podemos avanzar cara a paz e a xustiza
social co lastre de anacrónicos modelos de masculinidade asociados ó poder.
No hay comentarios:
Publicar un comentario