Gonzalo Pérez López
Observo con
inquietude crecente o incremento de tendencias autoritarias, apenas
cuestionadas pola cidadanía, a costa de enfraquecer o sistema democrático. Tras
un verniz de formalidade democrática agóchase a reactivación dun fascismo non necesariamente mimético co movemento e a
estrutura política que se concretou nun país e nun goberno na primeira metade
do século XX. Liberado da parafernalia deste, o que pulula libremente na nosa
democracia e noutras das consideradas como consolidadas trátase dun fascismo
antropolóxico e social, estruturado a base de múltiples microfascismos
inseridos na vida cotiá e, polo tanto, difíciles de detectar e de asociar ó
posible resultado final ó que poden conducir, ó fascismo sen máis.
Tomo prestado o termo de Deleuze,
pero sen o seu nesgo psicoanalítico, xa que só pretendo que me facilite unha
aproximación ó que significan social e politicamente determinadas actitudes moi
asentadas actualmente.
Trataríase de esbozar as características deses microfascismos que se
manifestan no día a día en todos os ámbitos e que concordan co poder
establecido na casa, na educación, no traballo, nas relacións interpersoais, no
estado, etc. Non son casuais, nin necesitan dun estado totalitario para poñelos
en marcha, senón que responden a unha estratexia promovida polo capitalismo
actual para reforzarse como tal. Hai quen defende que non os necesita ó non
existir ningún contrapoder capaz de frealo, pero o certo é que a potenciación
dos microfascismos na vida cotiá coadxuva ó sometemento pleno que, doutro
xeito, podería provocar resistencias gravosas para os seus intereses.
Unha coidadosa secuencia trazada polo poder establecido activa eses
microfascismos que aniñan no suxeito sen decatarse que o son. Inoculan elevadas
doses de individualismo, co seu corolario de competitividade, necesidade de
triunfar e de ser único, renuncia ó comunitario, sobrevaloración do privado
fronte o público, xenofobia e sociofobia, todo orientado a evitar o afianzamento
das relacións solidarias. O fracaso obxectivo (paro, precariedade laboral,
provisionalidade, diminución do benestar etc.) ou a percepción como fracaso pola
distancia das expectativas creadas, provocan ansiedade, frustración,
inseguridade e medos, caldo de cultivo idóneo para propiciar posicións
dogmáticas de diversa índole, desarraigamentos varios, identificación co poder e culto ó
autoritarismo, conformismo e aceptación acrítica da desigualdade (entre fortes
e débiles, homes e mulleres, países, culturas, …) como algo natural.
Por fin, para sobrevivir á derrota, fannos ceibar a nosa parte escura, renunciando aos
valores morais, elevando a nosa autoestima a base de recorrer á dureza, ocultando
a nosa vulnerabilidade, abandonando a empatía, anulando a discrepancia,
abrazando prexuízos, deshumanizándonos e canalizando impotencias e frustracións
a través da violencia, física ou psicolóxica, exercida sobre alguén máis débil.
Permanentemente sometidos a este modelo secuencial que destrúe a subxectividade
e coarta a autonomía de pensamento, os microfascismos fan metástase por un
tecido social sen defensas.
Microfascismos e fascismo sen prefixo retroalimentanse. Exemplifiquemos. Colocar
concertinas no norte de África ou disparar contra inmigrantes indefensos para impedir que
accedan a Europa sería fascismo; non reaccionar a isto ou mostrar aquiescencia
sería un microfascismo. Poñer en dúbida que unha relación non consentida é unha
violación porque a vítima andaba a horas
impropias para unha muller ou por non
opoñer suficiente resistencia sería un microfascismo; que un xuíz ditara
sentencia absolutoria do violador baseándose nos motivos anteriores sería
fascismo.
Polo tanto, os límites entre ambos son difíciles de trazar. Así, facerse
eco e difundir chistes, chanzas, rumores e falacias que alimentan actitudes
represivas, xenófobas, racistas, sexistas e machistas son microfascismos. Tamén
o son as actitudes excluíntes, deshumanizadas, humillantes e as micro agresións
físicas ou verbais. Pero poderían ser fascismo, dada a súa potencialidade para dar ese salto
cualitativo, dependendo tanto da súa acumulación nun protagonista como do nivel
de consciencia e responsabilidade deste.
Ante a denuncia da perigosa situación que se está xestando, os gurús do
rabaño, encargados de xestionar os desencantos, arremeten contra os
denunciantes sen rebater os seus argumentos, confirmando así a quebradiza saúde
da nosa sociedade.
Publicado no Progreso o 19-5-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario