viernes, 28 de julio de 2017

Repensar a democracia



Elías Pérez Sánchez
 
Nas últimas décadas, a palabra democracia, tornouse nun concepto inerte e nun tótem incuestionable e intocable, como diría o profesor de Harvard Dani Rodrik. Despois de anos de políticas neoliberais nos que a democracia se ha reducido á liberdade de elección e ao libre mercado, as institucións e os réximes democráticos cambaléanse, perdendo o seu sentido. Esta foi utilizada durante anos ao servizo de fins economicistas convertendo o que debería ser un fin en si mesmo en tan só un medio. Porén, co xurdimento de novos movementos sociais e políticos reivindicativos dunha nova democracia participativa, a palabra parece tomar forma de novo, moldeándose e construíndose á vez que a cidadanía (Marcos Roitman).
Sobre a democracia, precisamente, reflexiona o libro publicado polo selo editorial ObenComún -selo editorial de Espazo, colectivo de intervención política e cultural-, titulado (Re)Pensar a democracia, libro que se presentará o 29 de xuño na librería Trama de Lugo. Como se di no limiar, o libro está pensado para achegar reflexións sobre a democracia, a radicalidade e os seus límites. Neste volume abórdase, ademais da razón filosófica (Juan C. González Naveiro) as seguintes razóns políticas: o proceso constituínte e a construción dunha nova democracia máis radical (Xoán Hermida), o rescate efectivo da democracia desde abaixo, desde os concellos (Laia Ortiz e Sergio de Maya); a pobreza global e as alternativas de contido feminista e postcolonial (Teresa Cunha); e para finalizar, a modo de epílogo, dos dereitos -e tamén das obrigacións- da cidadanía, nomeadamente do dereito á cidade como extensión do dereito á felicidade (Luís Villares).
Non podemos deixar de entender a democracia como un proxecto que se constrúe desde a cotidianeidade. O seu avance dependerá da súa práctica real e da xeración dunha verdadeira cultura democrática. Repensar a democracia pasa pola imperiosa necesidade de realizar unha análise profunda da sociedade na que vivimos e que queremos priorizar, por revisar os nosos valores e os nosos ideais entendendo que o camiño é difícil e está infestado de fortes resistencias e obstáculos que dificultan a súa mellora. Nas nosas mans queda se queremos unha democracia transformadora ou unha democracia que xere e reproduza fortes desigualdades.

Publicado no Progreso o 24-6-2017

O mapa non é territorio



Mar Carballo Cela

Asomámonos á realidade desde os conceptos que un día inventamos, e logo acabámonos aferrando a eles coma se fosen a realidade mesma. Como dicía Nietzsche, olvidamos que non son máis que metáforas. Pero o que ten poder para impoñer a súa visión metafórica do mundo tamén o ten para impoñer o seu mundo, aproveitando precisamente esta confusión. Vémolo claramente na linguaxe xenófoba ou machista, que manexa o inconsciente colectivo perpetuando percepcións e sentimentos propios desas ideoloxías. As palabras teñen un gran poder.
Emmánuel Lizcano, no seu libro Metáforas que nos piensan (Ediciones Bajo Cero, 2006), aborda moi ilustrativamente este tema aportando numerosos exemplos de como esas metáforas dominan o noso pensamento, deixando ao descuberto a facilidade coa que asumimos na nosa vida cotiá a inocencia dos conceptos que manexamos, a pesar de ser profundamente manipuladores. Nun deles describe un conflito entre un grupo de mariscadoras e a Administración, a cal impuxo a súa metáfora para resolvelo: había que constituír unha "mesa de negociación", dando así por sentado que o lugar natural para negociar é un despacho. Pero esta é unha metáfora que sitúa o parlamento para os acordos no entorno habitual dos burócratas, non das traballadoras. Para estas -que aceptan sen cuestionamentos que así debe ser- o seu contorno habitual é a praia, o espazo onde traballan e toman decisións políticas, onde se moven con soltura, falan abertamente e se senten poderosas. A mesa, o despacho, é territorio inimigo, nel é imposible poder defender os seus dereitos coa mesma convicción que o farían na praia. Asumindo a metáfora do poder están asumindo tamén a súa inferioridade. Por que non se pode negociar nunha praia, nunha fábrica ou en calquera espazo onde acontecen os feitos e mellor se poden comprender? Nos despachos asépticos as necesidades diarias transfórmanse en números; e a suor e o esgotamento, en "condicións laborais" que xa non teñen a viveza dos seus referentes. As mariscadoras perderon, posiblemente, por pensarse a si mesmas na linguaxe do poder, na linguaxe dos números e as leis, pero non da suor e o sufrimento.
Pero as metáforas non só están nas palabras. Un exemplo moito máis gráfico de como nos movemos nunha realidade imposta por elas é o da cartografía. Cando viaxamos, ímonos movendo mentalmente por un mapa no que "subimos" ou "baixamos", nun plano cun arriba e un abaixo e unhas liñas divisorias que en nada se parece á realidade física, pero que consegue condicionar a nosa visión do mundo. Ese mundo planisférico que ten como centro a Europa, e no que o tamaño dos continentes e dos países foron deliberadamente alterados -por non falar da cualificación tendenciosa de Europa como continente sen que obedeza xeograficamente a dita designación-. Tal e como dicía o lingüista Alfred Korzybski, "o mapa non é o territorio".
O mundo nunca nos é dado directamente, senón a través de ficcións compartidas: velaí o poder dos que deciden sobre elas. Di Emnánuel Lizcano que se cambiamos as metáforas podemos cambiar o mundo. O que está claro é que a mentalidade que creou os problemas non ten capacidade para resolvelos.

Publicado no Progreso o 17-6-2017

Amizade e verdade



M. A. Martínez

A linguaxe que son as persoas ten o risco de atrofiarse. Converterse nun círculo rutineiro de consignas autoreferentes. De imperativos impermeables á realidade. A linguaxe dilúese no vago e inconcreto, en falsas abstraccións. Signos sen contido, malia as aparencias que no público proxecta o trato inmediato coas novas tecnoloxías. As persoas están usando a linguaxe como un modo de impedir o acceso ás cousas que están aí, que existen e sobresaen sobre as arestas da fantasía e o delirio. Un uso que imprime na mente unha amálgama de reflexos condicionados e paquetes de signos sen sentido. Que rexeita a verdade e, sobre todo, a compañía física dos outros.
A linguaxe é capaz de comunicar dúas intimidades porque apela á experiencia compartida, pivota sobre a consciencia da sensibilidade propia e allea. Fixa a fórmula que exclúe a exclusión da realidade e a verdade. Unha fórmula sinxela: probar, contrastar, verificar. A través da apelación á experiencia, experimentación, argumentación, érguese a sociedade civilizada. A linguaxe compartida é antídoto contra a idiocia, o pseudosaber, a impostura. Cando a linguaxe racha desde dentro (por falta de coñecemento) e fóra (por terxiversación), as consecuencias son graves. Esvaécese a consciencia de si, a posibilidade de recoñecemento do outro, a substancia de sermos persoas. A verdade. En consecuencia, a posibilidade de sermos amigos. Xa que logo a vida. Na Ética nicomáquea Aristóteles sentenza: "Sen amigos, ninguén elixiría a vida". Na amizade aprendemos a estar en garda contra os efectos devastadores da falta de intelixencia e deliberación, a ruidosa mudez do real. A amizade, que é unha das maneiras humanas de achegarse ás cousas que nos rodean, depende da correcta utilización da linguaxe. Da súa humanización e complexidade, chea de matices. Da falta de présas.
Existe un universo de significados chamado verdade. Os suxeitos amigos apóianse nel para dar sentido e referencia ás súas expresións e ideas. Para configurar os problemas que outros aínda non perciben. Dar nome a sentimentos e aspiracións que son utopías, mundos preferibles e desexables. Para erguer conceptos novos que vinculan progreso, civilidade, coidado de si e dos outros. No exterior dos códigos técnicos e a retórica da dominación, aniña a linguaxe da verdade, amizade. A linguaxe moral que traza a comunidade entre o subxectivo e o obxectivo. E constrúe un ben común no que a inimizade resta reducida a discrepancia ou simple malentendido.
Coidar as contornas e contextos nos que se emprega a linguaxe, e nos que pode favorecerse ou impedirse o xurdimento da amizade, é unha elección consciente. Non cabe dúbida nin desculpa. O horizonte da guerra, como forma extrema de inimizade e imposibilidade de uso moral da linguaxe, por fatiga, odio extremo, ou descoñecemento, planea acotío formas minúsculas de discordia e rehabilita vellas figuras do sufrimento. O porvir da amizade non se acubilla nas formas icónicas de interacción entre persoas, nas novas tecnoloxías. Mais ben é un porvir ligado á verdade. A aceptación do principio de realidade, inequívoco e tremendo, desde o que levantar a memoria do pasado e as emancipacións por vir, é o primeiro paso. O resto é, simplemente, fantasía. Máis alá do principio de realidade, arruínase o sentido, declina a paz.
Máis alá do principio de realidade, o tecido social da amizade e a verdade tremen sen saber por que. As figuras da hostilidade arróganse a palabra. Quen podía ser amigo enmudece e cala.

Publicado no Progreso o 10-6-2017