Mar Carballo Cela
Asomámonos á realidade desde os conceptos que un día inventamos, e logo
acabámonos aferrando a eles coma se fosen a realidade mesma. Como dicía
Nietzsche, olvidamos que non son máis que metáforas. Pero o que ten poder para
impoñer a súa visión metafórica do mundo tamén o ten para impoñer o seu mundo,
aproveitando precisamente esta confusión. Vémolo claramente na linguaxe
xenófoba ou machista, que manexa o inconsciente colectivo perpetuando
percepcións e sentimentos propios desas ideoloxías. As palabras teñen un gran
poder.
Emmánuel Lizcano, no seu libro Metáforas que nos piensan (Ediciones Bajo
Cero, 2006), aborda moi ilustrativamente este tema aportando numerosos exemplos
de como esas metáforas dominan o noso pensamento, deixando ao descuberto a
facilidade coa que asumimos na nosa vida cotiá a inocencia dos conceptos que
manexamos, a pesar de ser profundamente manipuladores. Nun deles describe un
conflito entre un grupo de mariscadoras e a Administración, a cal impuxo a súa
metáfora para resolvelo: había que constituír unha "mesa de
negociación", dando así por sentado que o lugar natural para negociar é un
despacho. Pero esta é unha metáfora que sitúa o parlamento para os acordos no
entorno habitual dos burócratas, non das traballadoras. Para estas -que aceptan
sen cuestionamentos que así debe ser- o seu contorno habitual é a praia, o
espazo onde traballan e toman decisións políticas, onde se moven con soltura,
falan abertamente e se senten poderosas. A mesa, o despacho, é territorio
inimigo, nel é imposible poder defender os seus dereitos coa mesma convicción
que o farían na praia. Asumindo a metáfora do poder están asumindo tamén a súa
inferioridade. Por que non se pode negociar nunha praia, nunha fábrica ou en
calquera espazo onde acontecen os feitos e mellor se poden comprender? Nos
despachos asépticos as necesidades diarias transfórmanse en números; e a suor e
o esgotamento, en "condicións laborais" que xa non teñen a viveza dos
seus referentes. As mariscadoras perderon, posiblemente, por pensarse a si mesmas
na linguaxe do poder, na linguaxe dos números e as leis, pero non da suor e o
sufrimento.
Pero as metáforas non só están nas palabras. Un exemplo moito máis gráfico
de como nos movemos nunha realidade imposta por elas é o da cartografía. Cando
viaxamos, ímonos movendo mentalmente por un mapa no que "subimos" ou
"baixamos", nun plano cun arriba e un abaixo e unhas liñas divisorias
que en nada se parece á realidade física, pero que consegue condicionar a nosa
visión do mundo. Ese mundo planisférico que ten como centro a Europa, e no que
o tamaño dos continentes e dos países foron deliberadamente alterados -por non
falar da cualificación tendenciosa de Europa como continente sen que obedeza
xeograficamente a dita designación-. Tal e como dicía o lingüista Alfred
Korzybski, "o mapa non é o territorio".
O mundo nunca nos é dado directamente, senón a través de ficcións
compartidas: velaí o poder dos que deciden sobre elas. Di Emnánuel Lizcano que
se cambiamos as metáforas podemos cambiar o mundo. O que está claro é que a
mentalidade que creou os problemas non ten capacidade para resolvelos.
Publicado no Progreso o 17-6-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario