Xosé Ramón Cando Vázquez
Falaban os filósofos lucenses Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la
Vega do que consideraban o ser galego, situando o espírito de dito ser en tres
ámbitos: a saudade, o sentimento da paisaxe e o humorismo. É ben sabido que
Celestino desenvolve con amplitude e suficiencia este último aspecto en O
segredo do humor pero a pregunta pola existencia dun humor, singular,
atribuíble ao ser galego foi tamén formulada a estudosos alleos ao noso país.
Neste senso, pódese facer mención a John Rutherfod, hispanista británico da
Universidade de Oxford quen, como se recolle en El País do 22 de maio de 2009,
ante a pregunta sobre a posible semellanza entre o humor galego e o humor
inglés, nega dita semellanza afirmando, en cambio, que si se pode atopar co
humor doutros "pobos historicamente sometidos como o irlandés e o
xudeu", podéndose tirar a conclusión de que a retranca, como expresión do
humor galego, sería a ferramenta defensiva propia dun "pobo historicamente
sometido" como nos define Rutherford.
Cando Ramón e Celestino matinaban no ser galego, Galicia era un país
eminentemente rural e vilego do que, por certo, procedían ambos. O mundo do que
están a falar era a Galicia da posguerra na que as aldeas, non as vilas,
carecían de luz eléctrica, e en xeral de toda comunicación co exterior, agás os
días de feira e de mercado que facilitaban os contactos e mesmo permitían que
algún veciño curioso mercase o xornal da provincia que, despois de ser obxecto
de lectura longo tempo, servía para facer tapetes con bordos recortados que
decorarían as lacenas. Esa sociedade conservaba boa parte da bagaxe cultural
que viñera sendo transmitida no seo das propias aldeas e as vilas e nela non
debía resultar difícil atopar as características das que falan os nosos
filósofos, acentuadas se cabe, no caso da retranca, por aquela ditadura
opresora e cruel.
Seguen a ser válidas as ferramentas de Ramón e Celestino para poder falar
do "ser galego" na actualidade?
Vexamos:
a) Sentimento da paisaxe: Os mozos e mozas naquel contexto pasaban moitas
horas labrando as terras ou gardando as vacas. Hoxe os mozos e as mozas de
dezaseis e dezaoito anos , maioritariamente urbanos/as, van pola rúa mirando os
seus móbiles e conversando con outras persoas distantes. Mesmo se practican
actividades ao aire libre como o ciclismo levan cascos con teléfono incorporado
que os manteñen, espiritualmente, lonxe, e navegadores GPS que fan innecesaria
a observación da paisaxe para a orientación.
b) Humorismo: Os mozos e as mozas daquel tempo mantiñan, naquel contexto,
viva e completamente actual a retranca porque lles resultaba imprescindible.
Hoxe os mozos e as mozas de dezaseis e dezaoito anos, os do meu instituto por
exemplo, ignoran a existencia da retranca, cal é o seu obxecto e o manexo da
mesma porque, se cadra, esta mocidade da que falo non sofre ningún tipo de
opresión?
c) Saudade: A miña formación e información ao respecto non me permiten ir
moi lonxe pero tendo en conta a definición de Piñeiro: "A saudade é un
sentimento sen obxecto, un puro sentir, sería, logo, o puro sentir da esencial
intimidade da vida humana, da soidade fundamental en que reside a radicalidade
do ser de cada individuo" atrévome a preguntar se pode seguir falándose co
mesmo carácter asertivo dun sentir galego da "esencial intimidade da vida
humana" cando resulta discutible que co desparrame tecnolóxico actual,
exista algo semellante ao que Piñeiro define como "soidade
fundamental".
Pode apuntarse a posibilidade de que as características que tradicionalmente
definían o ser de cada pobo (existe aínda a idiosincrasia?) van quedando
superadas, nun tránsito que ven de lonxe, polos procesos de aculturación que
aquí, por exemplo, se aceleran ao longo da década dos setenta do século XX coa
universalización dos receptores de TV pero que adquiren dimensións devastadoras
coa extensión das redes sociais e do coñecemento da lingua inglesa, expresión
dunha cultura universalizada con referentes moi atractivos e, en moitos casos,
pouco compatibles coas nosas tradicións.
Publicado no Progreso o 27-5-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario