M. A. Martínez
A linguaxe que son as persoas ten o risco de atrofiarse. Converterse nun
círculo rutineiro de consignas autoreferentes. De imperativos impermeables á
realidade. A linguaxe dilúese no vago e inconcreto, en falsas abstraccións.
Signos sen contido, malia as aparencias que no público proxecta o trato
inmediato coas novas tecnoloxías. As persoas están usando a linguaxe como un
modo de impedir o acceso ás cousas que están aí, que existen e sobresaen sobre
as arestas da fantasía e o delirio. Un uso que imprime na mente unha amálgama
de reflexos condicionados e paquetes de signos sen sentido. Que rexeita a
verdade e, sobre todo, a compañía física dos outros.
A linguaxe é capaz de comunicar dúas intimidades porque apela á experiencia
compartida, pivota sobre a consciencia da sensibilidade propia e allea. Fixa a
fórmula que exclúe a exclusión da realidade e a verdade. Unha fórmula sinxela:
probar, contrastar, verificar. A través da apelación á experiencia,
experimentación, argumentación, érguese a sociedade civilizada. A linguaxe
compartida é antídoto contra a idiocia, o pseudosaber, a impostura. Cando a
linguaxe racha desde dentro (por falta de coñecemento) e fóra (por
terxiversación), as consecuencias son graves. Esvaécese a consciencia de si, a
posibilidade de recoñecemento do outro, a substancia de sermos persoas. A
verdade. En consecuencia, a posibilidade de sermos amigos. Xa que logo a vida.
Na Ética nicomáquea Aristóteles sentenza: "Sen amigos, ninguén elixiría a
vida". Na amizade aprendemos a estar en garda contra os efectos
devastadores da falta de intelixencia e deliberación, a ruidosa mudez do real.
A amizade, que é unha das maneiras humanas de achegarse ás cousas que nos
rodean, depende da correcta utilización da linguaxe. Da súa humanización e
complexidade, chea de matices. Da falta de présas.
Existe un universo de significados chamado verdade. Os suxeitos amigos
apóianse nel para dar sentido e referencia ás súas expresións e ideas. Para
configurar os problemas que outros aínda non perciben. Dar nome a sentimentos e
aspiracións que son utopías, mundos preferibles e desexables. Para erguer
conceptos novos que vinculan progreso, civilidade, coidado de si e dos outros.
No exterior dos códigos técnicos e a retórica da dominación, aniña a linguaxe
da verdade, amizade. A linguaxe moral que traza a comunidade entre o subxectivo
e o obxectivo. E constrúe un ben común no que a inimizade resta reducida a
discrepancia ou simple malentendido.
Coidar as contornas e contextos nos que se emprega a linguaxe, e nos que
pode favorecerse ou impedirse o xurdimento da amizade, é unha elección
consciente. Non cabe dúbida nin desculpa. O horizonte da guerra, como forma
extrema de inimizade e imposibilidade de uso moral da linguaxe, por fatiga,
odio extremo, ou descoñecemento, planea acotío formas minúsculas de discordia e
rehabilita vellas figuras do sufrimento. O porvir da amizade non se acubilla
nas formas icónicas de interacción entre persoas, nas novas tecnoloxías. Mais
ben é un porvir ligado á verdade. A aceptación do principio de realidade,
inequívoco e tremendo, desde o que levantar a memoria do pasado e as
emancipacións por vir, é o primeiro paso. O resto é, simplemente, fantasía.
Máis alá do principio de realidade, arruínase o sentido, declina a paz.
Máis alá do principio de realidade, o tecido social da amizade e a verdade
tremen sen saber por que. As figuras da hostilidade arróganse a palabra. Quen
podía ser amigo enmudece e cala.
Publicado no Progreso o 10-6-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario