viernes, 28 de julio de 2017

Tormentas, silencio e música



Juan Carlos Fernández Naveiro

 Para ensinar o verdadeiro, dicía Lichtenberg, hai que usar a linguaxe do falso, se cadra porque non hai outro. Lichtenberg, profesor de física que daba clases de costas á pizarra para ocultar unha chepa que seguramente lle procurou un temperamento sarcástico, foi autor da colección de aforismos máis luminosa dos tempos modernos e, según conta Enrique Vila Matas (Dietario voluble), era experto en tormentas e pararraios, de feito contribuiu ao primeiro pararraios de Alemaña, e tamén introduciu alí o costume de ir aos balnearios.
Eran tempos de Ilustración, pero dentro dela hai todo un mundo de pliegues e sombras. Aí está tamén o abate Dinouart, autor dunha "arte de calar" que deberían ler publicistas, políticos e blogueros, na que se defende a práctica do silencio dun xeito que non se opón á precisión da linguaxe, ao contrario, é a súa condición. O oposto ao silencio é o ruido, un medio no que proliferan o dominio e a violencia, mentres que palabra e silencio están do lado da escoita e da acollida, da mediación que é propia do diálogo.
Dicía Deleuze que o problema non era tanto expresarse, cousa que hoxe se fai a todas horas, como ter algo que dicir, e para iso é preciso dispoñer dun certo silencio que se antolla difícil nas condicións dun medio social sobreexposto. Evítase o silencio porque procura reflexión, para rehuir a decepción das expectativas constantes, por medo a atoparse a solas cun mesmo. Dinouart destacaba tamén a intensidade que procura: "A alegría, o amor, a cólera e a esperanza causan máis impresión grazas ao silencio que os acompaña que mediante palabras inútiles que só sirven para debilitalos". O importante aquí é se as palabras son útiles, se sirven para balizar, destacar e comprender a experiencia, ou se pola contra son ruido que confunde, illa e nos deixa inermes á imposición do que máis berra ou ten máis poder para impoñer as súas palabras.
O silencio tamén pode ser útil cando sirve para ver mellor e afinar os sentidos, ata facer "como si os ollos fosen o oído e o oído os ollos" (Josep María Esquirol, La resistencia íntima). O profesor Esquirol elabora unha metafísica da proximidade pero esta non está dada sen máis, non é o inmediato anterior á reflexión senón un produto dela, porque o humano non pode deixar de saír do próximo, de abandonar a súa casa, e só despois ten sentido o retorno. A reflexión é unha modalidade do retorno, e a filosofía, dicía o poeta Novalis, é a nostalxia de estar na casa.
É o retorno a Ítaca, o buzo que regresa á superficie cos ollos inxectados en sangue, como as baleas que entusiasmaban a Melville, ollos que escoitaron o silencio abisal e teñen outra mirada. A filosofía é esa outra mirada. Tamén un refuxio ao que volver, onde atopamos amparo e soa a música que, mentres dura, protexe do caos, como o retrouso que tranquiliza a un neno na turbulencia da noite.

Publicado no Progreso o 15-7-2017

O síndrome do adolescente



Isabel Sánchez Corral
 
Cando falamos da evolución humana e nos preguntamos polo proceso de hominización a comunidade científica nos resposta que este é, a transformación do animal en ser humano. Relátannos a hominización corporal centrada no eixo pes-mans-cerebro. A posicición ergueita permanente, a liberación das mans das funcións locomotoras para converterse en órganos para manipular e asir obxectos. Todo isto unido ao desenvolvemento e perfeccionamento do cerebro.
Aínda así, poderíamos explicar a sobrevivencia de individuos como, por exemplo, o homo habilis con pouco máis de 1,30 centímetros de altura e 40 quilos de peso fronte a un tigre dentes de sabre cun peso de 400 quilos?
Para poder entendelo debemos falar dun dobre proceso. Ao carón desta evolución biolóxica deuse a humanización ou xurdimento e desenvovemento da cultura. Prodúcese xunto a hominización corporal a humanización psíquico social. O pensamento, a linguaxe ían desenvolvéndose e perfeccionándose ao mesmo tempo que os cambios corporais, coma se tratara dun proceso en bucle. É a xuvenilización da nosa especie, o defecto que nos fixo ter o encéfalo máis grande e polo tanto linguaxe, sociabilidade e variedade de comportamentos. A axuda colectiva, a extratexia, a ausencia de celo nas femias e o nacemento inmaturo forman parte tamén dese proceso.
O nacemento inmaturo na nosa especie xenera diferenzas radicais fronte a outras especies. Os coidados por parte dos proxenitores e a comunidade teñen que ser minuciosos para que esa criatura sobreviva nun mundo hostil. Hoxe segue sendo así, a criatura ao nacer é introducida pola familia, o clan ou a comunidade á sociedade na que lle tocou vivir. Ese novo membro aprende por imitación, premio —castigo as normas, costumes, valores, crenzas, etc— da súa comunidade. E a cultura, no seu sentido antropolóxico, non morre nese clan, nesa comunidade ou nese territorio senón que se reproduce, cambia, difúndese ou se transforma no mellor dos casos. Porque fomos capaces de xerar cultura e transmitila, xeración tras xeración, é polo que sobrevivimos como especie.
Estes 'defectos' que nos caracterizan como especie nos xeneraron unhas utilidades no seu momento na loita pola sobrevivencia, pero se falamos de inmadurez xa non biolóxica senón social, o problema tórnase outro e o que puido axudarnos, agora nunha sociedade complexa pode ser un problema. Vivimos nunha sociedade cada vez máis tecnificada, tecnolóxica, que cultiva o culto á novidade. Unha sociedade que non necesita coñecementos, todo está na internet a través dunha pantalla de móbil, de computador, de algo. Obteño información en tres segundos e a esquezo en dous. Unha sociedade onde parte dos seus membros están altamente especializados. Podemos construir e utilizar moi ben desde automatismos para cadeas de montaxe, ata teorizar sobre as mellores obras literarias e realizar os mellores diagnósticos médicos. Pero aí queda todo. O problema está nesas persoas altamente cualificadas, pero incapaces de ter unha visión global da realidade que lles rodea e menos de facer unha lectura crítica da mesma.
O cidadán/á que mira e non entende, que ri dos gazapos do político de quenda sen fixarse nin no que di, nin no que fai, nin no que pasa ao seu redor embobado por un sistema que o utiliza para autolexitimarse. Embobados/as ante dispositivos que nos axudan e nos entreteñen pasando a formar parte das nosas vidas, as cales se configuran en redes sociais. Cuantifico a miña felicidade en "me gustas" e retweets, e a miña sociabilidade nas solicitudes de amizade recibidas no meu Facebook ou nas reaccións dos meus comentarios nos distintos grupos de Whatsapp aos que pertenzo. Deprímome senón teño seguidores en Instagram ou na miña canle de Youtube. Xa non leo as noticias, cólgoas nas redes sociais e así todo o mundo entérase de que estou enterada, aínda que non me entere de nada. Somos como adolescentes que se beben a súa primeira cervexa ou se fuman o seu primeiro porro pensando que son os primeiros e únicos en facelo. Cal adolescente nos marabillamos e vanagloriamos das nosas ocorrencias, cando a rebeldía só supón unha pose. Rexeitamos todo o anterior non porque nos oprima e non nos deixe avanzar senón por non ser 'novo'. Deixamos de profundar, de aprender, de interrogarnos, de rebelarnos...
O 'síndrome do adolescente' impregna a nosa sociedade. Cando só tiña que ser unha etapa de ruptura con ese mundo de adultos en busca da propia identidade, en busca dun lugar no mundo, tórnase nunha estadía continua. Sobre todo nesa parte da sociedade que pretende ser o faroliño que nos guíe cara un lugar máis xusto. Intentan desbotar o anterior como caduco; pero non todo o anterior é desbotable, non o que nos axuda a entendernos e ler o presente para actuar nun futuro.

Publicado no Progreso o 8-7-2017

Banalización programada



Gonzalo Pérez

Que parte das nosas vivencias, actitudes e comportamentos non teñen especial transcendencia para o devir da humanidade parece incuestionable. Pero unha cousa son os aspectos triviais que, xunto cos relevantes, forman parte dese conglomerado complexo que constitúe o ser humano e outra é que o intranscendente, o banal, solape, falsee e acabe por anular os aspectos básicos para a nosa realización persoal. Esta imposición actual do insubstancial non é casual, senón que responde ao emprego da banalización como arma política pola elite dominante.
Ao triunfo do banal hai que engadirlle a conversión do relevante en efémero, a fugacidade das mensaxes e propostas sobre todo o que realmente nos afecta como potenciais cidadáns a nivel económico, social, cultural e moral, que esixirían unha fonda reflexión, pero que, antes de descodificalas para realizala, se volatilizan. Colaboradores necesarios para conseguilo son os medios afíns ao poder, que son a maioría daqueles aos que a poboación ten acceso masivo.
Se observamos os elevados niveis de audiencia de programas das televisións públicas e privadas con vocación exclusivamente alienante, as portadas dos periódicos, o exército de tertulianos, ideoloxicamente monolíticos, que, ademais de terxiversar a realidade, son capaces de elevar á categoría de debate intelectual unha bobada e converter en banal o máis transcendente, se analizamos parte do que se converte en viral nas redes sociais, podemos inferir que o mundo globalizado non é tan aberto como nolo debuxan e o universo actitudinal e discursivo de moitas persoas queda circunscrito a actuar segundo unha serie de decisións alleas a súa vontade.
Un periódico que presume de serio, solapando o deterioro social, político e institucional que nos circunda, titula con gran alarde tipográfico: "La sombra de fraude planea sobre MasterChef por una nueva expulsión más que injusta". Un reputado diario dixital, aludindo á "inxustiza" anterior, remata: "Los espectadores están desolados por la marcha de otro favorito". Desisto, non hai pudor.
Trátase de apartar os cidadáns do interese polo público, polo de todos, que é a maneira de desinteresarnos por nós mesmos, renunciando á capacidade para decidir sobre o que nos incumbe, dando carta branca para que o fagan por nós os que din representarnos nesta esvaecida democracia. Sen isogoría nin isonomía na práctica, cunha desigualdade social crecente, só cabe falar de plutocracia. Calquera intento orientado a activar a democracia participativa é demonizado mediante cualificativos confusos aos que dotan dunha connotación pexorativa a base de mensaxes que, como gota china, os adláteres da oligarquía, únicos con plataformas capaces de difundilos, repiten insistentemente. Atrapada a potencial cidadanía nesta conxuntura que lle impide facer efectiva a súa condición, o resultado final é o abrazo á frivolidade e a idolatría da estupidez como o escape fácil ao fracaso no intento de interpretar racionalmente a realidade e o medo inconsciente a non ser capaces de arbitrar algunha estratexia para dominala, lexitimando así ao poder e confirmando o éxito da operación narcotizante emprendida por este.
Así, abrazar a estupidez reinante non é algo natural senón resultado dunha aprendizaxe social que obedece a unha estratexia política exterminadora do pensamento libre e autónomo.
Poñamos un par de exemplos paradigmáticos do estado da cuestión que nos ocupa.
Un sería a evolución no tratamento dado aos 'ninis', neoloxismo para describir as persoas mozas que nin estudan ni traballan. Produce perplexidade a deriva que foi tomando o uso da palabra, que pasou de describir un grave problema de exclusión social, responsabilidade exclusiva dos que defenden o modelo neoliberal, a empregarse para estigmatizar os que a padecen, como se fose un estado voluntario, sendo obxecto de chistes, insinuacións despectivas e unha frivolización incompatible con la gravidade e a magnitude deste problema social menosprezado por quen ten a responsabilidade de resolvelo.
Outro, a pretendida análise da recente moción de censura. Parece evidente que, aínda que foran tan reviradas as intencións de quen a presentou como proclamaron os coristas do poder, nunca anularían a esixencia moral da súa presentación. Tras a máis concluinte exposición de motivos para presentala escoitada no Parlamento, o censurado eludiu responder aos multiformes casos de corrupción que lle afectan, refuxiándose en grazas frívolas e nunha vergonzosa concatenación de falacias ad hominem. Despois disto, os turiferarios mediáticos desprazaron o interese cara ao fracaso numérico da moción e ao anecdotario parlamentario, transmitindo implícita ou explicitamente a idea de que moción superada, corrupción normalizada.
Abocáronnos a un estado de baleiro e indixencia intelectual desde onde é moi fácil deslizarse cara á indiferenza e á irresponsabilidade observable por onde queira, ata acabar asumindo o moral e civicamente inasumible.
Con este panorama, a quen lle pode estrañar que a banalización e a estupidez medren exponencialmente?

Publicado no Progreso o 1-7-2017