martes, 11 de septiembre de 2018

Unha vida esperando


Gonzalo Pérez López

Cando navegamos pola idade na que a percepción errónea do paso do tempo deforma a cuantificación do tempo real, a reflexión sobre o que supuxo o que deixamos atrás parece atopar fácil acomodo. Apremados polo tópico tempus fugit virxiliano, a pouco que nos abandonemos en brazos da tentadora melancolía, acaba por converterse nun tema recorrente, máis tendente á lamentación ca análise.
Con independencia do estado de ánimo ó que nos leve esta cavilación, parece indiscutible que a nosa vida, expresada en termos de tempo vivido, é unha secuencia reiterada, sen límites precisos, entre esperar e desesperar. Que isto provoca angustia  parece  incuestionable. Non se trata dunha pose existencialista, tan deostada hoxe por asociala coa debilidade na sociedade dos fortes, senón da toma de conciencia dunha  persoa que, ante a imposibilidade de modificar esa realidade, pretenda escapar do compracente autoengano.
O caso é que a nosa vida acontece nunha ilimitada sala de espera. Esperamos, por exemplo, unha chamada, un tren, un resultado, o cese da dor, un desenlace burocrático ou un traballo digno,  pero tamén esperamos o éxito social, un amor idealizado, un mundo xusto, a morte ou unha resposta imposible para algunha das preguntas que nos corroen como humanos. Cada forma de espera ten matices físicos e psicosociais diferentes.
Con bastante frecuencia a espera resulta estéril e provoca en nós unha desesperación que o único que aporta é  material abondo para  escribir acotío a historia persoal de soños e desexos incumpridos, amplificados cando se escribe a historia da humanidade. O malestar que nos causa acaba por roubarnos presente e futuro.
Reincidimos no paso fugaz do desexable ao frustrante (por imposible) e convertemos as lembranzas  nun refuxio para deformar o que nin chegou á categoría de vivencia, pero, ó non ser capaces  de lograr a obxectividade analítica necesaria para extraer unha lección práctica para o presente, insistimos  nesa secuencia que parece irremediable.
Reducir esta problemática ó ámbito do individual ou do introspectivo sería un erro considerable de apreciación dada a evidente correlación que ten co modelo de sociedade imposto polo capitalismo triunfante. Este, como en outras circunstancias, é capaz de extraer beneficio ata das propias contradicións que provoca, aínda que conceptualmente parezan insalvables. Vexamos.
O poder establecido pode reducir ó mínimo os tempos de espera a través do desenvolvemento técnico ou enchelos artificialmente como negocio porque, en calquera caso, o tempo ten un elevado valor de mercado do que apropiarse. Por iso impón unha dinámica frenética, obrigándonos a romper os ciclos da natureza e o noso propio ritmo, transmitindo a idea de que vivir con estrés é o xeito de situarse na modernidade. Crea necesidades de toda índole, consumismo compulsivo incluído, cuxa insatisfacción provoca urxencias que presiden todos os actos da nosa vida.
Vivimos, entón, nun estado de emerxencia xeneralizada, difícil de compatibilizar coas continuas esperas e dilacións do éxito ás que estamos sometidos sen que provoquen un estoupido persoal e social. Pero o sistema dominante dispón dun variado repertorio para esvaecer os efectos da desfeita que el mesmo provoca.
Así, unha manifestación do poder é tamén a capacidade para controlar os nosos tempos, esperas incluídas, impoñernos os ritmos que lle conveñen e conseguir que aceptemos con resignación a espera ou a posposición indefinida dese éxito que previamente convertera no noso leitmotiv. Ademais, sen renunciar á maridaxe de comenencia urdida ó longo da historia co poder relixioso, o poder económico é capaz hoxe de transformar por si mesmo a espera en esperanza, fundamental para potenciar o conformismo e a aceptación do statu quo. Así, mentres a espera ten unha expresión material e medible no tempo, a esperanza, tinguida ou non de matiz relixioso,  é a quintaesencia da espera aprazada indefinidamente a cambio dalgunha satisfacción compensatoria, sempre ilusoria e difusa.
A consecuencia inexorable é que, a pesar do noso potencial para someter a realidade a unha análise crítica rigorosa, hoxe, como na metáfora de Beckett, aínda seguimos aferrándonos ó absurdo de esperar  a Godot inutilmente.

Publicado no Progreso o 8-9-2018

jueves, 6 de septiembre de 2018

Ciencia e verdade


Mar Carballo Cela


Os ilustrados confiaban en que o coñecemento científico os liberaría da superstición que mantiña á sociedade da época presa das tebras da ignorancia, e que neste novo rumbo camiñarían cara ó progreso en todos os ámbitos. Así foi  nalgúns aspectos; pero, como en case todo, sempre hai un lado escuro. Un lado escuro que os filósofos da Escola de Frankfurt xa denunciaron a mediados do século XX, ó decatárense de que a razón científica e tecnolóxica se estaba poñendo ó servizo de intereses económicos. A ciencia constata feitos, pero non entende de valores, por iso unha sociedade deshumanizada non pode facer un bo uso dela.
É un grave erro formar mentes científicas sen preocuparse de proporcionarlles unha formación humanística previa, se queremos que contribúan a unha sociedade mellor. Pero esta non parece ser unha preocupación prioritaria xa que seguimos separando ciencias e humanidades, ignorando que a realidade non está fragmentada, que só o está o coñecemento que temos dela, e que crear especialistas útiles para alimentar o mercado –descoidando a formación integral- é o camiño máis directo cara ó fracaso como sociedade (non debemos esquecer que todo está interrelacionado). Ignorar o artificio de tal fragmentación estanos privando da busca auténtica da verdade, da comprensión máis profunda da nosa relación co mundo, porque todo coñecemento debe ter en conta dita relación.
Caer no cientifismo é non decatarse de que a ciencia non é máis que unha mirada parcial que debemos incorporar a outra máis ampla sobre a realidade. Certamente, é o mellor instrumento do que dispoñemos para manipular o noso mundo desde a perspectiva humana, desde a percepción que temos del; pero pódese aprender a manipular sen necesidade de comprender nada en profundidade. Á súa vez, as metas últimas que debe perseguir dita manipulación transcenden ó propio coñecemento científico.
Como debemos vivir?, que intereses económicos ou políticos dirixen as investigacións?, que debilidades lóxicas internas presenta a propia ciencia?, son preguntas fundamentais que deben ser incorporadas a toda meditación científica. Circunscribir o ámbito da verdade á ciencia é renunciar ó empeño de mellorar como sociedade. A poesía, a historia ou a filosofía tamén buscan a verdade, unha verdade igualmente difícil de alcanzar que a da ciencia, plasmada en relatos que nos axudan a comprender o que somos,  aínda sabendo que para iso non hai demostración posible; por iso a ciencia está incompleta se se mantén á marxe do autocoñecemento que nos proporcionan tales relatos, porque non deixa de ser humana, “demasiado humana”.
Na era tecnolóxica pola que transitamos non debemos esquecer, como dicía Wittgenstein, que aínda cando a ciencia teña resoltas todas as súas incógnitas, os nosos problemas vitais seguirán intactos. Quizais por iso teña sentido afirmar -aínda que nos resulte paradoxal- que a ciencia, tal e como foi evolucionando, “privounos da verdade”; e iso é así porque “pretende facernos crer que todo canto existe debe ser científico, se non, non é importante. E isto é unha mentira” (Rob Riemen, “Para combatir esta era”, Taurus, Madrid, 2018, p. 101).

Publicado no Progreso o 25-8-2018

lunes, 3 de septiembre de 2018

Vella e nova política


Elías Pérez Sánchez


Nos últimos anos xurdiron novas organizacións políticas de carácter plural compostas por afiliados de diversos partidos políticos e persoas sen adscrición política algunha. Un dos obxectivos políticos consistía en rachar coa dinámica bipartidista instaurada nas últimas décadas nas institucións, intervir nos concellos, transmitir a idea de que, desde un espazo plural e aberto, podíase tentar cambiar o rumbo político institucional ou polo menos exercer certa influencia no devandito cambio e, sobre todo, construír un espazo de encontro aberto a novas formas de facer política.
Entendíase que a responsabilidade cívica esixía vertebrar unha nova cultura política máis participativa, transparente, inclusiva e colaborativa; que a radicalidade democrática debía ser un principio práctico (non meramente formal) que eliminase o parasitarismo e os condicionamentos orgánicos dos aparellos dos partidos clásicos que vivían ancorados na endogamia interna (“vella política”). Por outra banda, estas novas iniciativas políticas pretendían unir forzas para tentar levar adiante un cambio político con novas formas políticas, atendendo a unha nova maneira de facer política. “Nova política”, chamábanlle.
Co tempo, diversas causas específicas foron minguando a participación activa dos inscritos e descolgando paulativamente a aqueles que formaron parte esencial nos seus comezos. Silenciáronse constantemente as voces discrepantes pero construtivas facendo imposible a convivencia interna dentro do proxecto político que se supoñía debía ser plural; incumpríronse acordos que rachaban frontalmente os principios fundacionais das devanditas organizacións; traballouse con afán e esmero a autoexclusión daquelas persoas apartidarias (e imprescindibles nos inicios) que podían comprometer o despotismo interno dos núcleos orgánicos das organizacións (tan habitual, por certo, naqueles partidos que practicaban a “vella política de sempre”). Volveuse aos vicios do pasado, á práctica da máis vella e rancia política converténdose, unha vez máis, en organizacións monocolores, minoritarias, enquistadas e necrosadas. Aquelas organizacións líquidas, conformadas por cidadáns apartidarios convivindo con militantes políticos, foron aos poucos converténdose en organizacións sólidas e densas controladas hermética e despoticamente por un determinado partido ou grupo de poder, eses pequenos “buracos negros” dedicados a fomentar a obediencia, o servilismo e a corrupción interna.
Ridículo exemplo estase a transmitir á cidadanía, cuxo desdén e escepticismo cara a “o político” acrecéntase na actualidade. E o que é peor: convertendo o interior das devanditas organizacións nun territorio no que non hai máis autoridade reconocible que a do que manda, estase desdibuxando esa “nova forma de facer política” e ilustrando dun xeito ostensible que Peter Mair, politólogo francés, puido ter moita razón no seu libro Gobernando o Baleiro (A banalización da democracia occidental) ao defender a idea de que a escasa identificación entre partidos políticos e cidadanía converten aos primeiros en instrumentos meramente accidentais, á cidadanía en orfa, e á democracia nunha categoría baleira. A epojé está servida.

Publicado no Progreso o 1-9-2018