Mª del Mar Carballo Cela.
Dicía Faulkner que “os escritores interesan cando non son
razoables; cando o son todos din o mesmo”. Pero ás veces, dicir o mesmo non
é precisamente indicativo de ter razón. Isto é o que pode suceder cos chamados
discursos dominantes ou “discursos de moda”. Impóñense desde a publicidade que
os medios lles dan ás ideas de tertulianos, políticos e “expertos”, e duran
mentres non cobra forza calquera outra idea de igual maneira. Todos nos
ocupamos de repetir e difundir este tipo de ideas “razoables”, integrándoas nas
nosas tertulias e conversas, é máis, todos as contamos unha e outra vez co
mesmo entusiasmo de quen acaba nese preciso instante de descubrir a pólvora. E
esperamos, ademais , que calquera que estea na actualidade terá que estar de
acordo con tamañas ocorrencias. Ata que, un bo día, empezamos a sospeitar que
algo de malo deben ter cando ninguén nos leva a contra.
Hai un gran “discurso de
moda” ultimamente: a economía, os mercados, impuxéronse sobre a política. O
capital é o gran inimigo do cidadán, o gran inimigo do que eles (os políticos)
intentan, sen éxito, defendernos. (Todos sabemos o útiles que poden ser os inimigos...)
O que non debemos esquecer
é que o liberalismo económico empezou sendo, e segue a ser, unha maneira de
facer política (agora, neoliberalismo). Foron os políticos os que crearon este
modelo de protección ó libre comercio, salvagardando os dereitos dunha clase emerxente
para que negociase libremente e obtivese os beneficios que lle correspondía,
cunha intervención mínima do Estado. Que logo esta liberdade non tivese a
regulación oportuna para impedir o seu descontrol e corrixir os desequilibrios
e inxustizas que, en democracia, dela se deriven, digo eu que será tamén responsabilidade
dos políticos, ¿ou non? ¿Por que todas as liberdades están reguladas e
limitadas, como debe ser, e non o está a liberdade do mercado? Non creo que sexa tan difícil idear unhas
normas para tal efecto: ideas hai...! Mais ben creo que os políticos se
alimentaron dos beneficios desta liberdade de múltiples e variadas formas:
financiación de partidos, lucro persoal ou calquera vía de nutrición desde o
capital privado que servise ós intereses electorais. É máis, os propios
partidos adoptaron tamén a forma de actuar dos mercados: cada partido compite
no mercado electoral con atractivos paquetes de ilusións, e a súa finalidade
última parece ser a de triunfar e perpetuarse, como a de calquera empresa (“democracia de mercado”, chamoulle Félix Ovejero Lucas). Os políticos
fixeron da democracia un mercado partidista, e para iso necesitaban do capital.
O capital gañoulle a
batalla á democracia, non á política, e gañoulle porque os políticos
“demócratas” se venderon ó capital; de feito unha das formas que adoptou a venda
(a corrupción), está quedando continuamente ó descuberto.
Xa Aristóteles afirmaba que
a política era a ciencia máis importante de todas, porque sen ela ningunha
outra podía prosperar. ¿Dubida alguén de que a economía puidese prosperar sen o
consentimento da política? ¿Dubida alguén de que a liberdade de mercado non
servise ó seu amo e creador, a política, ó longo de todos estes anos?
En definitiva, o gran labor
para conservar a democracia consiste na arte prudente de ir establecendo moderada
e convenientemente os límites; porque se non se deciden en función dos
intereses da preservación da democracia, outros os decidirán para impoñer a súa
propia conveniencia. A democracia non nos garantiza unha vida marabillosa onde
instalarnos e descansar, pero si nos ofrece a posibilidade de escapar dunha
vida peor ou, como dicía Saramago con palabras moito máis fermosas e suxerentes,
“a democracia non é un punto de chegada,
senón unha porta de saída”. Esixamos sempre que se faga o necesario para
que esa porta se manteña aberta. E espero que vaiamos tendo a suficiente
lucidez para identificar acertadamente a todos os inimigos da democracia.
Pulicado no Progreso o 1 - 12 - 2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario