III Foro "Lugh Augusti"

viernes, 14 de febrero de 2014

A liberdade e o tempo



Xosé Ramón Cando Vázquez

Hai antropólogos que sosteñen que o estendido mito do paraíso, do edén inicial, garda relación coa transmisión oral (xaora deformadora) do que tiña sido a existencia mentres a caza, a pesca e a recolección abastecían á poboación de alimentos. As referencias a un tempo e a un lugar no que abondaba con estender a man para tomar da natureza o que fose preciso, deron lugar a unha realidade mitificada que contrastaba, intensamente, cos espazos e os tempos posteriores nos que vivían os homes e mulleres que remataron por configurar ese mito.
Engaden eses antropólogos que o tránsito cara as culturas agro-gandeiras foi en certa medida traumático porque entre outros cambios, xurdiu o traballo. Ese traballo que na tradición xudeo-cristiá  aparece como unha das maldicións compañeiras da expulsión do edén, semella  que non foi asimilado sen certa resistencia. Anteriormente, xaora, tiña lugar a actividade necesaria para a supervivencia pero non un traballo sistemático e, o qué mais importante, devorador do tempo.
A economía grega clásica, cuxa base era o escravismo, permitía que determinados cidadáns dispuxesen de abondoso tempo de lecer que, en boa medida, dedicaban ao coñecemento e ao cultivo das diversas artes. Non é obxecto desta reflexión facer mención aos logros  acadados, en todos os eidos, pola cultura grega e que están no cerne do devir europeo posterior (actual), porén compre lembrar as referencias explícitas de dúas figuras senlleiras daquel tempo, Platón e Aristóteles, á dispoñibilidade de tempo libre como unha das principais fontes do filosofar que, como é sabido, se entendía como persecución do coñecemento verdadeiro (da ciencia).
Nos textos do XIX os defensores do sufraxio censitario rexeitaban o sufraxio universal argumentando que o voto require reflexión, requisito que, segundo eles, non se daba no mundo do proletariado, decote sometido a horarios (xornadas de ata dezasete horas na factoría) que non deixaban o necesario tempo libre para que puidese ter lugar a imprescindible reflexión, concluíndo (interesadamente) que so os cidadáns rendistas estaban en condicións de emitir un voto suficientemente ponderado dada a súa dispoñibilidade de tempo libre. Semella que unha democracia de calidade esixe esa liberdade de disposición do tempo no que sexa posible, mais alá do adoutrinamento empaquetado que obtemos nos mass media, o encontro, o diálogo e o debate cidadán que deben favorecer a reflexión de cara a unha participación política meditada e polo tanto madura (propia da “maioría de idade” kantiana).
O desenvolvemento científico e tecnolóxico está a poñer nas nosas mans as ferramentas que nos poden permitir incrementar a disposición de tempo libre que correlaciona co incremento da capacidade de decisión e, polo tanto, co respecto pola dignidade dos seres humanos . A filoxénese humana mostra un proceso permanente de afastamento da programación xenética do comportamento que vai sendo substituída pola conquista gradual de capacidade de decisión; na especie humana a cultura vai ocupando un espazo cada vez mais grande fronte ao meramente instintivo. En síntese, os humanos, ao contrario que o resto das especies (en termos xerais), fomos quen de establecer comportamentos que non está ditados, inmediatamente, pola natureza; fomos quen de chegar á carón da liberdade, a ver a terra prometida da dignidade. Porén, a propia cultura produciu obstáculos nesa xeira, millonaria en anos, que dificultan o avance cara esa dignidade que será froito da liberdade ou non será.
Os seres humanos somos seres axentes, transformadores da realidade, polo tanto somos traballadores no sentido marxiano do termo. Non acougamos sen a realización de algunha actividade, sentímonos a gusto na práctica das nosas afeccións, sentímonos libres cando podemos decidir que facer e como facelo. Vimos de dicir que a tecnoloxía pon nas nosas mans a posibilidade de avanzar cara esa situación pero tamén nos decatamos de que os actuais xestores das nosas sociedades nos propoñen, de xeito absolutamente irracional e contraditorio coa realidade dos tempos, o incremento do traballo forzado que, segundo eles, favorece a competencia e permite aumentar a produción e, de paso, o emprego. Ante isto lembremos unha vez mais que se trata dun engano, que esa é unha vía morta á par que indesexable dende a perspectiva da dignidade humana.

Publicado no Progreso o 14-9-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario