Xosé Ramón Cando Vázquez
Hai antropólogos que sosteñen que o estendido mito do paraíso, do edén
inicial, garda relación coa transmisión oral (xaora deformadora) do que tiña
sido a existencia mentres a caza, a pesca e a recolección abastecían á
poboación de alimentos. As referencias a un tempo e a un lugar no que abondaba
con estender a man para tomar da natureza o que fose preciso, deron lugar a
unha realidade mitificada que contrastaba, intensamente, cos espazos e os tempos
posteriores nos que vivían os homes e mulleres que remataron por configurar ese
mito.
Engaden eses antropólogos que o tránsito cara as culturas agro-gandeiras
foi en certa medida traumático porque entre outros cambios, xurdiu o traballo.
Ese traballo que na tradición xudeo-cristiá
aparece como unha das maldicións compañeiras da expulsión do edén,
semella que non foi asimilado sen certa
resistencia. Anteriormente, xaora, tiña lugar a actividade necesaria para a
supervivencia pero non un traballo sistemático e, o qué mais importante,
devorador do tempo.
A economía grega clásica, cuxa base era o escravismo, permitía que
determinados cidadáns dispuxesen de abondoso tempo de lecer que, en boa medida,
dedicaban ao coñecemento e ao cultivo das diversas artes. Non é obxecto desta
reflexión facer mención aos logros
acadados, en todos os eidos, pola cultura grega e que están no cerne do
devir europeo posterior (actual), porén compre lembrar as referencias
explícitas de dúas figuras senlleiras daquel tempo, Platón e Aristóteles, á
dispoñibilidade de tempo libre como unha das principais fontes do filosofar
que, como é sabido, se entendía como persecución do coñecemento verdadeiro (da
ciencia).
Nos textos do XIX os defensores do sufraxio censitario rexeitaban o sufraxio
universal argumentando que o voto require reflexión, requisito que, segundo
eles, non se daba no mundo do proletariado, decote sometido a horarios
(xornadas de ata dezasete horas na factoría) que non deixaban o necesario tempo
libre para que puidese ter lugar a imprescindible reflexión, concluíndo
(interesadamente) que so os cidadáns rendistas estaban en condicións de emitir
un voto suficientemente ponderado dada a súa dispoñibilidade de tempo libre.
Semella que unha democracia de calidade esixe esa liberdade de disposición do
tempo no que sexa posible, mais alá do adoutrinamento empaquetado que obtemos
nos mass media, o encontro, o diálogo e o debate cidadán que deben favorecer a
reflexión de cara a unha participación política meditada e polo tanto madura
(propia da “maioría de idade” kantiana).
O desenvolvemento científico e tecnolóxico está a poñer nas nosas mans as
ferramentas que nos poden permitir incrementar a disposición de tempo libre que
correlaciona co incremento da capacidade de decisión e, polo tanto, co respecto
pola dignidade dos seres humanos . A filoxénese humana mostra un proceso
permanente de afastamento da programación xenética do comportamento que vai
sendo substituída pola conquista gradual de capacidade de decisión; na especie
humana a cultura vai ocupando un espazo cada vez mais grande fronte ao
meramente instintivo. En síntese, os humanos, ao contrario que o resto das
especies (en termos xerais), fomos quen de establecer comportamentos que non
está ditados, inmediatamente, pola natureza; fomos quen de chegar á carón da
liberdade, a ver a terra prometida da dignidade. Porén, a propia cultura
produciu obstáculos nesa xeira, millonaria en anos, que dificultan o avance
cara esa dignidade que será froito da liberdade ou non será.
Os seres humanos somos seres axentes, transformadores da realidade, polo
tanto somos traballadores no sentido marxiano do termo. Non acougamos sen a
realización de algunha actividade, sentímonos a gusto na práctica das nosas
afeccións, sentímonos libres cando podemos decidir que facer e como facelo.
Vimos de dicir que a tecnoloxía pon nas nosas mans a posibilidade de avanzar
cara esa situación pero tamén nos decatamos de que os actuais xestores das
nosas sociedades nos propoñen, de xeito absolutamente irracional e
contraditorio coa realidade dos tempos, o incremento do traballo forzado que,
segundo eles, favorece a competencia e permite aumentar a produción e, de paso,
o emprego. Ante isto lembremos unha vez mais que se trata dun engano, que esa é
unha vía morta á par que indesexable dende a perspectiva da dignidade humana.
Publicado no Progreso o 14-9-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario