Elías Pérez Sánchez
En marzo do presente ano un estudo levado a cabo por Sarah Thomson e Johan
Mackenbach (entre outros relevantes filósofos, sociólogos, economistas e
bioeticistas, e publicado na prestixiosa revista The Lancet baixo o título
"Financial crise, austerity, and health in Europe") concluíu que as
políticas de austeridade e recortes presupostarios aplicados na sanidade
pública de países como España, Portugal e Grecia estaba a provocar un forte
déficit claramente perceptible na calidade do coidado da saúde e que se
manifestaba nunha deficiente protección sanitaria xerando suicidios, novos
brotes de enfermidades infecciosas e unha neglixente asistencia sanitaria. Así,
por exemplo, en Grecia os recortes sanitarios están a poñer en risco a loita
contra o avance do VIH. Meni Malliori, presidenta de Okana, e o Centro Europeo
para o Control e a Prevención das Enfermidades (ECDC), alertaron estes últimos
tempos sobre os riscos de novos brotes de VIH debidos, sobre todo, aos efectos
da crise e aos acordos pactados polo goberno grego coa troika que prevén unha
redución do 30% do gasto sanitario para os próximos anos, levando consigo a
lóxica redución da cobertura sanitaria e o recorte de programas de prevención
tanto da drogadicción coma do VIH.
En España, a situación é coñecida. A austeridade sanitaria, xunto coa
desaparición a efectos prácticos da Lei de Dependencia, provocou a morte de
persoas dependentes en condicións discutiblemente dignas e frecuentes mortes
anticipadas de persoas en situacións de enorme fraxilidade económica debidas a
unha deficiente atención médica. Algo parecido está a acontecer en Gran Bretaña
(país aparentemente non moi afectado pola actual crise económica) onde xa dende
hai cinco anos mantense un forte debate sobre as consecuencias da progresiva e
minuciosa privatización da Sanidade. Debate, por certo, fundamentado en serios
informes oficiais que non teñen reparo en denunciar os defectos da súa atención
sanitaria e que se publican con absoluta naturalidade en xornais como The
Independent, The Telegraph ou The Guardian.
O debate actual sobre os efectos dos recortes en materia sanitaria é, pois,
constante. E pono de manifesto un recente traballo de investigación publicado o
pasado mes de xuño no British Medical Journal e dirixido pola socióloga e
doutora en Filosofía Helena Leguido-Quigley sobre os recortes sanitarios
levados a cabo no Estado español, o seu impacto, as resistencias que sofre na
actualidade o sistema público de saúde e as posibles alternativas. Da devandita
investigación científica (e subliño o de "científica") pódese extraer
dúas conclusións: as políticas neoliberais aplicadas actualmente na sanidade
non pretenden corrixir as ineficiencias do sistema sanitario público, senón
traspasar o público á esfera da xestión privada; por fin, hai unha evidencia
empírica e científica que mostra (como así o fixo no seu momento outro estudo
levado a cabo na mesma revista no ano 2010) unha clara relación entre mortalidade
e gasto público social de modo que os recortes presupostarios en materia de
saúde pública produce o que adoita denominarse "sobremortalidade",
esto é, o aumento de mortes prematuras moi superior ás esperables en condicións
de mantemento das porcentaxes habituais do investimento sanitario.
Os recortes sanitarios matan. E, polo que se ve, estudos científicos o
aválan, polo que semellante afirmación (categórica) xa deixa de ser froito da
imaxinación perversa de certos políticos ou iluminados. Cabe agora preguntarse
quenes e de que modo son responsables desa "sobremortalidade" á que
aludía anteriormente. A resposta parece obvia: as decisións consistentes en
diminuír o gasto público social e sanitario son responsabilidade política e
moral dos actuais dirixentes. A eles tócalles responder ante a cidadanía sobre
as consecuencias das súas decisións.
Publicado no Progreso o 6-7-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario