Gonzalo Pérez López
En non poucas ocasións, os que comparten criticamente comigo o contido dos
artigos publicados neste diario, achácanme o excesivo pouso pesimista que
deixan todos eles e convídanme a ofrecer algunha alternativa para un futuro
próximo. Aínda que se me ven á memoria, como posible resposta, a frase de
Benedetti de que “un pesimista é un optimista ben informado”, paréceme algo
pretensiosa e non penso eludir o reto de intentar xustificar a miña postura.
Parece obvio que a alternativa está implícita no desenvolvemento dos
propios artigos, dos que se pode colixir facilmente aquela, aplicando o
contrario do que rexeitan. De todas maneiras, calquera posibilidade de
transformación pasa por unha análise
obxectiva da realidade a substituír para, a partir dela, esbozar unha opción
viable de cambio, non exenta desa utopía realizable imprescindible para
propiciala e dinamizala.
Centrémonos, pois, como punto de partida para a reflexión colectiva, na
necesaria revisión da escala de valores vixente á vez que nunhas condicións mínimas
esixibles para que un modelo de convivencia global sexa posible, que pasarían
por:
-Compromiso moral para acabar coa desigualdade e a violencia estrutural
capitalista, o que supón o reparto solidario do traballo e dos recursos e bens
mundialmente existentes, o que permitiría unha vida digna para toda a
humanidade. A solidariedade sincrónica suporía unha aproximación á xustiza
social hoxe e a diacrónica a garantiría plenamente ás xeracións futuras. Isto esixe un control científico e
ético simultáneos do desenvolvemento, orientándoo con criterios de
sostibilidade.
-Prioridade do público sobre o privado e discriminación positiva para as
persoas que a necesiten, como paso previo a que o sistema produtivo e os
servizos respondan exclusivamente aos intereses colectivos.
-Desaparición do FMI e de calquera organización que opere como un
instrumento de poder en beneficio dos intereses dunha minoría da que depende a
vida da maioría dos habitantes do planeta.
-Democracia real e global liberada do secuestro á que a someten os
mercados. Modelo democrático que ten que superar as anquilosadas fórmulas
actuais para orientala á participación consciente e permanente da cidadanía.
Listas abertas, proporcionalidade plena, consultas regulares para decisións
puntuais, posibilidade de revocar ós elixidos cando non cumpran coas súas
propostas de goberno e unha remodelación total da organización dos estados que
garanta unha auténtica división de poderes e a concreción na realidade da
reforma das constitucións cando a maioría dos cidadáns consultados así o
esixan.
-Superación da política entendida só como actividade lucrativa, e
recuperación da participación directa do cidadán e da súa satisfacción por ter
contribuído á realización dos intereses da colectividade.
-Moralización da vida pública e privada, potenciada por un modelo educativo
orientado cara á solidariedade, á empatía, á asertividade, á autonomía
intelectual, á superación da alienación e do pensamento único e a asunción da
cultura da responsabilidade, tendo como fío condutor a realización das persoas
e o benestar colectivo.
-Recuperación do decisivo papel da sociedade civil e do asociacionismo en
xeral como control do poder e mesmo como marco de expresión da sociabilidade do
ser humano anulada polo individualismo inoculado polo modelo económico e social
imperante.
-Superación da uniformización e do etnocentrismo e valoración positiva das
aportacións de todas as culturas á construción da república universal, sen
outro límite que o que marca o desenvolvemento práctico dos dereitos humanos en
pro da convivencia mundial nun plano de liberdade, igualdade e respecto.
-Os medios de comunicación e as tecnoloxías da información e a comunicación
ó servizo da verdade e dos intereses do cidadán universal, dado que, de non ser
así, calquera aproximación a unha democracia de calidade, é hoxe impensable.
-Creación dun organismo internacional que garanta o desarme e o cumprimento
dos puntos anteriormente citados e, polo tanto, a xustiza social e a paz
mundial.
A realización destas condicións mínimas que conduzan a outro modelo de
sociedade pasa polo cumprimento da primeira delas, polo que é imprescindible
analizar a viabilidade desa irrenunciable solidariedade.
Se o capitalismo, nas súas distintas maneiras de manifestarse, domina todos
os ámbitos da realidade e a esencia do capitalismo, a creación imparable de
plusvalía e o enriquecemento privado, é a antítese da solidariedade, cabe a
posibilidade de que o propio sistema emprenda voluntariamente a súa
autodestrución?, poden os cidadáns enfrontarse pacificamente cun poder mundial
que controla, mediante o monopolio da violencia física e psicolóxica, dende a
estrutura económica á vida privada das persoas?
Se á obviedade das respostas a estes interrogantes lle engadimos que a
maioría dos cidadáns do mundo consideran como inxenuas, ilusas e mesmo
extravagantes as miñas propostas, outro modelo de convivencia non é esperable
nun futuro próximo e o pesimismo que se me atribúe convértese en sinónimo de
realismo.
Pero non é o meu un pesimismo da resignación, da pasividade e do punto
final e, polo tanto, non pode ser óbice para que o meu proxecto vital e a
acción diaria que del se deriva, se orienten cara ao cumprimento das condicións
apuntadas xa que, como dicía Saramago, “os únicos interesados en cambiar o
mundo son os pesimistas, porque os optimistas están encantados co que hai”
Publicado no Progreso o 5-10-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario