jueves, 13 de febrero de 2014

O normal



Mª Isabel Sánchez Corral

            Entendemos por "normal" aquilo que non produce estrañeza porque acontece habitualmente, o que pasa ante nós cotiamente e non cuestionamos, por costume, por tradición ou porque si. Pero algo que nós denominamos normal ou natural non quere dicir que sexa o correcto, e moito menos o que está ben.
            Baixo a expresión "é normal" ampáranse actitudes, modos de vida, comportamentos como "deixar facer" que en realidade están fundamentados en estereotipos e prexuízos que non levan consigo reflexión ningunha, supoñen pouco de pensamento crítico e nada de racionalidade.
            "É normal" coarse para pagar no súper porque temos máis présa que ninguén e hai que espertarse: parvo o último. É normal aparcar onde está prohibido ou ir a máis velocidade da permitida: "Eu sei o que fago, prohibicións a min... ". É normal que enchufen a algún dos meus parentes na administración correspondente: "Se eu teño unha boa recomendación... non teño a culpa de coñecer a Fulano ou Mengano". E Fulano non ten a culpa de relacionarse co empresario correspondente que cun bo sobre se adxudica unha suculenta obra (desas que modernizan o país, pero non sabemos como ou para que serve), unha subcontrata ou a xestión dun servizo público (léase privatizar ese servizo e colocar os amigos dos políticos correspondentes).
            "É normal", todo o mundo o fai e se todo o mundo o fai é porque é o normal, por que non o vou facer eu?. De aí deduciriamos que o normal é o correcto e, polo tanto, o que está ben, caendo no que en filosofía denominamos falacia de xeneralización ou tamén na falacia do círculo vicioso. Pero se citamos a ese Fulano como autoridade para amparar a nosa actuación, podemos caer doadamente na falacia ad baculum.
            Estes falsos argumentos estaban instaurados e admitidos socialmente nas relacións socio-políticas ata que comezou a esborrallarse o castelo de naipes. A realidade, é que o noso entendemento non para a flexionarse sobre si mesmo, facendo da reflexión o seu exercicio, senón que queda nunha "pseudoflexión", pasando á acción directamente: se ninguén mo reprocha, pago antes no súper; se a autoridade non o detecta imcumplo as normas de circulación e, se me pillan, algún amiguete ben relacionado fará "o normal", e a vivir que son dous días.
            Está claro que nesa "normalidade" non facemos as cousas segundo o principio ético kantiano "por deber" senón polo prezo que poidamos pagar, polo repudio público nalgún caso, e utilizamos aos demais como un medio e non como un fin en si mesmo. Cando o castigo ou a coacción non se dan, a sociedade segue vivindo nesa normalidade, con cidadáns que facemos o normal ata que a ostentación e o abuso nos escandaliza a nós mesmos, reflectida nos nosos dirixentes, representantes, mandatarios, xefes de Estado, banqueiros ou empresarios, que actúan como espello de feira que deforma e multiplica "a normalidade" nunha imaxe de hipocrisía, incoherencia, prevaricación, corrupción e un longo etcétera de comportamentos opacos. A partir de agora "o normal" é a busca dun culpable que deriva no "todos son iguais". Volvemos aos estereotipos: os que onte foron modelos hoxe convértense en viláns, e rapidamente acendemos a pira baixo as ordes do populismo de dereitas.
            Xa sabemos que non é o mesmo enchufar o xenro que enriquecerse a custa do diñeiro do contribuínte privatizando a destro e sinistro. Está claro que os corruptos actúan para beneficio da súa clase, para seguir mantendo o seu poder e seguir sendo elite. En cambio, nós actuamos por inercia, por costume ou por alienación, e iso é terrible. A moral é o conxunto de principios e valores que se dan nunha sociedade nun tempo concreto. É posible ir a contracorrente da moral vixente e ser un inmoral (como o foi Oscar Wilde no seu momento, por citar un exemplo) na sociedade que che toca vivir, pero actuar con principios e valores autónomos. En cambio, hai individuos que non se cuestionan nada do que fan. En tal caso, estamos a falar de suxeitos amorais, adxectivo reservado para os animais, dado que eles carecen de moral e actúan por instinto.
A moral forma parte do ser humano, forma parte da cultura que se trasmite xeración tras xeración. A pregunta é: que pode pasar se deixamos de trasmitir principios e valores aínda que sexa para rebelarse contra eles?

Publicado no Progreso o 10-8-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario