domingo, 2 de febrero de 2014

Os dereitos no mercado



Mª del Mar Carballo Cela.


O liberalismo económico atopou na democracia unha aliada nos seus primeiros tempos de expansión. A democracia permitía a liberdade necesaria para a libre competencia e ata o mesmo sistema democrático non era máis que un reflexo político de tal modelo económico, xa que as diversas opcións políticas competían libremente por facerse coa opinión cidadá no mercado electoral. Esta forma de libre competencia polo poder favoreceu tamén que as reivindicacións do pobo necesariamente tivesen que ser atendidas en prol dun maior éxito electoral. Pero o que camiña en “equilibrio” en momentos de construcción e expansión, pode chegar a entrar en contradiccións profundas en momentos históricos posteriores por motivos diversos, os equilibrios son difíciles de manter e as crises sobreveñen. Agora mesmo os mecanismos políticos da democracia están sendo anulados polas imposicións económicas dos mercados, os partidos xa non cumpren os programas onde atendían as demandas sociais, obedecen ordes económicas alleas ós intereses da cidadanía. Moitos foron os teóricos que analizaron este tipo de contradiccións cando aínda eran só un presaxio.
Agora que o capitalismo se levou á esaxeración, se fixo “salvaxe”, impoñéndose nun mundo globalizado ávido de beneficios sen límite, podemos seguir aspirando á satisfacción das demandas sociais? Podemos seguir sostendo os fundamentos da democracia? Polo que estamos vendo, non. Democracia e neoliberalismo semellan incompatibles. E se non, vexamos tamén o que sucede na conciencia cidadá: estamos de acordo en que a democracia consiste en elixir a quen nos goberne, pero tamén (e fundamentalmente) en que teñamos a capacidade suficiente de control para impedir os abusos do poder (tal e como moi atinadamente sinalaba Popper). O que eu me pregunto é: pode un individuo alentado ó egoísmo materialista, á avaricia e á aspiración á riqueza, en definitiva, adestrado para ser fundamentalmente consumidor que pensa que no mercado pode atopar solución a tódolos problemas; pode dito individuo, como dicía, desenvolver a conciencia política necesaria para unha boa saúde do funcionamento democrático? A pasividade da cidadanía ante os abusos do poder coa súa destrucción de dereitos, non garda acaso relación co adestramento do que falabamos? Só temos que pensar en cantas veces priorizamos o limbo adormecedor de disfrutar da vida de consumidor acomodado fuxindo dos compromios reivindicativos, aínda estando de acordo con eles, ou, simplemente, cantas veces dicimos que preferimos non enterarnos de nada do que ocorre porque resulta deprimente e nos impide seguir co ritmo de vida que desexamos e non queremos perder.
Unha das consecuencias desta distracción cidadá das súas obrigas para manter viva a democracia e os seus valores témola xa aquí: segundo as enquisas, parece ser que entre as novas xeracións están en alza as actitudes violentas, machistas, posesivas e insolidarias, actitudes propias dunha existencia centrada en ter, en posuír, máis que en ser. Podemos esperar que os cidadáns do futuro, carentes dunha formación para o pensamento crítico, reflexivo e autónomo, teñan sequera conciencia dos dereitos que lles corresponden ou do lugar que ocupan no mundo? De feito unha gran parte da clase traballadora, eufemisticamente chamada clase media, xa perdeu esa conciencia ó ser silenciada polo sistema a cambio de acomodo e “benestar”. Digamos que está desorientada e non sabe xa moi ben o que lle convén, máis xustiza e igualdade social ou máis riqueza, é dicir, máis dereitos ou máis mercado? O que temos que saber é que se o que queremos é máis mercado, os dereitos serán un ben de consumo máis que teremos que  comprar, co cal se cumprirá a máxima   neocapitalista de que, efectivamente, no mercado está a solución para todo.
De feito, o mercado laboral está sendo adaptado tamén a este modelo neoliberal. O que se pretende para os traballadores do futuro é a desaparición das negociacións colectivas, a eliminación de mediadores que protexan os seus dereitos, ou sexa, o traballador terá que competir directa e individualmente ante o mercado e adaptarse ás necesidades que a este lle conveñan. Aí temos o novo concepto de “flexiguridade” que sinala o camiño das reformas laborais europeas: o individuo só, illado, competidor implacable ante un mercado que desarticula calquera tipo de organización colectiva que defenda os seus dereitos, un individuo que deberá plegarse ás esixencias do mercado (flexibilidade) disposto a rotar no mundo laboral sen ningún tipo de estabilidade. E o Estado? Pois, teoricamente, garante a seguridade de formación para volver atopar outro posto de traballo e proporciona subsidio de desemprego (e incluso asistencia psicolóxica) mentres isto non suceda, ou sexa, unha especie se servizo de mantemento para que as máquinas estean a punto cando o sistema o reclame. O Estado, en definitiva, cada vez máis ó servizo do capital, cómplice dun mundo deshumanizado no que aínda logo non teremos dereito nin a catro días para chorar ós nosos mortos.

Publicado no Progreso o 29-6-2013.

No hay comentarios:

Publicar un comentario