Juan Carlos F. Naveiro
“O traballo é a fonte de case toda a miseria existente no mundo. Case todos
os males que se poden nomear proceden do traballo ou de vivir nun mundo
diseñado en función do traballo. Para deixar de sufrir, temos que deixar de
traballar”, así de contundente comenza “A abolición do traballo”, libro do
anarquista americano Bob Black (Pepitas de Calabaza, 2013).
Tanto por extensión (breve) como por ánimo (decididamente panfletario), o
libro ten ese utopismo sesentero de cando semellaba posible que os avances
tecnolóxicos reducisen a necesidade do traballo humano e liberasen tempo para a
relación, a expresión e en definitiva a vida. Pero Bob Black escribe nos anos
80, antes da extensión mundial das redes de comunicación electrónica pero xa
metido de cheo nos inicios da revolución neo-conservadora que non parece ter fin.
Naqueles tempos de estrea da democracia neste país –tan lonxe, tan cerca–
dábase moi frecuentemente un dilema en todo tipo de asambleas e reunións de
colectivos, entre os que seguían un marxismo máis ortodoxo e os máis ácratas ou
anarcoides: dun lado os que iban a pola ocupación das estruturas de poder para
xestionar desde elas a transformación social, e doutro os que non daban por
suposto que un cambio nas relacións de poder levaría por si só a abandonar os
valores da dominación e promovían a capacidade de autoxestión desde a base.
Planificar a revolución, ou vivila.
Era en parte a polémica entre o activista e o hippie, e algo desa dobre
actitude (aínda sen coincidir de todo en cada caso) tense traducido despois de
moitas maneiras: no debate entre pesimismo ilustrado (os que renegan sempre dos
males do mundo desde confortables posicións intelectuais) e vitalismo híbrido
(os que misturan precarias estratexias
de acción); entre “apocalípticos” e “integrados” (en termos de Umberto Eco);
entre tecnófilos e tecnófobos; entre militantes fortemente ideoloxizados e
“dilettantes” que merodean nos espazos de conflicto como bárbaros de novo cuño;
ou entre habermasianos e pensadores de ascendencia post-estruturalista. Son
liñas de fractura que non pasan polo mesmo lugar pero que teñen resonancias
similares.
Dilemas coma estes atravesan as pocicións sobre o futuro do traballo e
sobre o valor que se lle da ao traballo, dilemas que existen e se producen no
medio ambiente cultural dunha tradición filosófica que relegou o traballo a
unha esfera exterior allea ao pensamento (por canto os gregos nos legaron un
modelo no que toda forma de acción estaba subordinada á contemplación). Pero o
traballo persiste como problema pendente, e acuciante, arredor da súa función e
da súa distribución social.
A situación actual está a producir todo tipo de distorsións ideolóxicas. O
traballo escasea e precarízase, pero esa realidade ven a encubrirse coa
neolingua da flexibilidade e a moderación salarial, a competencia polos postos
de traballo enmascárase de busca da competitividade, e os dereitos se nos
presentan como raros privilexios. Parece que a máxima aspiración sería un
salario sen ter que traballar (de aí o debate sobre unha Renda mínima de
cidadanía), pero así encubrimos o debate de fondo sobre o sometemento da
actividade humana ao imperio mundial das finanzas. E agora en Holanda (país de
vangarda que marca tendencia) traducen o desmantelamento do Estado de benestar
coa defensa da “sociedade participativa”. Volven os tempo do “apoio mutuo” de
Kropotkin para sustituir ás feblezas do Estado. E de feito o anarquismo tiña
ese acento individualista que era reacio ás sobredeterminacións colectivas;
solo que, unha vez pasado polos ultraliberais “Chicago boys”, acaba por
confluir no fanatismo “libertarian” do Tea Party.
A pesar da contundencia dos conflictos que se aveciñan, as liñas de
demarcación fanse difusas e as identificacións políticas se debilitan (ao tempo
que se reforzan as identidades culturais de todo tipo). Pero da tradición
libertaria, xunto a unha certa romántica do individuo, hai elementos que convén
reter e rescatar, como a idea de autoxestión, o cooperativismo e a pulsión
anti-burocrática.
Por outra parte, na rede prolifera un anarcocapitalismo que se da a man cos
anti-sistema e o auxe dos “partidos pirata” (e agora en España o “partido x”).
Hai unha épica da transparencia que ten os seus propios heroes (Julian Assange,
Bradley Manning, Edwuard Snowden), que convive amigablemente co noso rexime de
control e coa extensión do que Bob Black chamou “fascismo fabril”.
Non estamos lonxe de ser sociedades hipervixiladas e disciplinadas, e ao
mesmo tempo aferrámonos a modelos laborais obsoletos, agardando que unhas
décimas porcentuais de crecemento reapuntalen os obxectivos dunha sociedade
“diseñada en función do traballo”.
¿Unha revolución lúdica, que transforme o traballo en xogo e supere as
contradiccións do traballo coa vida? En liña coa tradición libertaria esa é a
“abolición do traballo” que propón Bob Black. Como dicía Schiller: “O animal
traballa cando carece de algo, e xoga cando reborda enerxía”.
Publicado no Progreso o 19-10-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario