Elías Pérez Sánchez
Durante os anos 70, os psicólogos Seligman e Overmaier
desenvolveron unha interesante teoría que, se ben nun principio serviu para
explicar comportamento animal, posteriormente se mostrou con gran capacidade
explicativa para un número importante de comportamentos humanos. Seligman e
Overmaier descubriron que, tras someter un animal a constantes castigos e
estados de shock sen posibilidade de escapatoria, o devandito animal non emitía
xa ningunha resposta evasiva aínda que, por exemplo, a gaiola na que se lle
encerraba tivese quedado aberta. Con outras palabras, aprendera a sentirse
indefenso e a non loitar contra iso. Posteriormente o fenómeno foi refinado en
termos dunha percepción de non continxencia entre posibles condutas de evasión
e as súas nulas consecuencias: fixese o que fixera o animal sempre obtería o
mesmo resultado negativo. A consecuencia máis directa do proceso sería a
inacción ou perda de toda resposta de afrontamento. En esencia, este é o
principio da súa Teoría da Indefensión Aprendida, teoría que posteriormente foi
aplicada ao estudo de certos estados psíquicos emocionais e condutas humanas
como a depresión, a autoculpabilidade, a carencia de autoestima, o fracaso
escolar ou o maltrato feminino.
De todos os xeitos, a devandita teoría foi nos últimos
anos trasladada ao ámbito social por parte de sociólogos e psicólogos sociais
co fin de explicar o comportamento pasivo e fatalista da cidadanía ante o
constante ataque político e económico que deteriora os seus dereitos máis
fundamentais.
En efecto. A indefensión aprendida é considerada, en
primeiro lugar, como unha patoloxía social en tanto que comportamento
preguiceiro e conformista ante as consecuencias máis duras da crise económica
actual como poden ser o desemprego, os desafiuzamentos, a pobreza xeneralizada,
os recortes sociais, salariais e de dereitos que recaen nunha cidadanía que
nada tivo que ver coas súas causas e que se sente incapaz de comprender as
razóns polas que os seus dirixentes son capaces de inducir un estado represivo
de tan dubidosa compatibilidade cos dereitos humanos máis fundamentais.
En segundo lugar, a indefensión aprendida é un estado
patolóxico de medo colectivo. A activista Susan George declarou hai tempo que
"España se convertera nunha rata de laboratorio capaz de soportar -e
tolerar- o castigo sen mostrar síntomas de inconformismo ou rebelión
social". Esta actitude é explicable dende a teoría da indefensión
aprendida con certa sinxeleza: as leis, recortes e axustes sociais son
administrados gradualmente á cidadanía como un veleno que a somete a unha
ansiedade constante, contando moitas veces co falso lexitimador de determinados
medios de comunicación e líderes de opinión, e coa finalidade de convencela da
necesidade de aceptar resignada e inevitablemente a perda dos seus dereitos. É
o que se entende como "a doutrina do shock", a saber: a finalidade
última de semellante acción política (e manipulación mediática) estaría
encamiñada a prostrar á cidadanía nun constante estado de shock provocando o
temor, a parálise social, a inacción, a perda total de motivación, a renuncia á
esperanza de alcanzar as metas desexadas e o abandono da posibilidade da
mobilización social co fin de mellorar a situación social e económica na que
vive. En suma, trataríase, pois, de xerar na cidadanía un estado de
desesperanza aprendida, de fracaso interiorizado, de parálise emocional e de
medo patolóxico e colectivo.
A estratexia é clara. O medo, esa emoción básica que
nos paraliza, está sendo utilizada politicamente como instrumento, por parte do
neoliberalismo (que é, indubidablemente, bastante máis que unha teoría
económica) co fin de alcanzar os seus obxectivos. E faino dun xeito eficaz
demostrando tamén que o medo pode chegar a converterse nun constructo social e
cultural intencionado e inducido.
Que facer ante esta situación? Seligman e outros
autores apelan ao optimismo como recurso para elevar a esperanza; apelan á
perseveranza e á convicción de que calquera situación, por difícil que sexa, é
sempre evitable. Abandonar a pasividade e a submisión ante a realidade social
na que vivimos é prioritario e para iso convén lembrar e interiorizar
definitivamente aquelas palabras de John Dewey coas que nos advertía que
"unha sociedade libre é aquela na que os seus membros posúen a capacidade
de elección e discernimento, de comprender o que acontece no momento no que
viven e de ser capaces de cambiar a súa situación se así o deciden". A
resignación non parece, pois, a mellor das opcións.
Publicado no Progreso o28-9-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario