Miguel Ángel Martínez
O debate social arredor da Lei Orgánica de Mellora da
Calidade da Educación (Lomce) pon de relevo o grave contraste de dous modelos
educativos. Os defensores do proxecto de lei conciben a educación como unha
forma de promover a rendibilidade económica nunha nación. Os detractores
contemplan a educación como unha forma de desenvolvemento integral da persoa de
acordo co que promulga a Constitución española, e as constitucións dos países
democráticos.
Segundo o modelo da rendibilidade, a educación debe
contribuír ao crecemento do PIB nacional. Non importan a distribución da
riqueza, a igualdade social, as condicións necesarias para a estabilidade
democrática, a calidade das relacións de xénero e de raza, o vínculo co entorno
medioambiental, o respecto ás outras especies. Os aspectos da calidade de vida
non vinculados ao crecemento económico (dunhas elites, evidentemente!) son
irrelevantes. Este modelo cualifica positivamente a países con alarmantes
niveis de desigualdade, inxustiza e violencia social. Exemplos como China,
algúns países árabes, estados da India, entre outros, que demostran a escasa
correlación entre crecemento do PIB e calidade de vida (saúde, educación,
liberdade política, felicidade), cualifícanse de anécdotas. Malia que producir
crecemento económico non equivale a producir democracia (cidadáns e cidadás con
dereitos e oportunidades, capaces de dar un sentido cívico á súa vida), os
defensores da Lomce dan un xiro mercantilista ao sistema educativo e introducen
un utilitarismo falaz nos coñecementos humanísticos e científicos. Todo vale se
sirve para xerar una elite competente para os negocios (os seus, claro) e unha
masa de xente inhabilitada para gozar dos bens comúns.
Porén, o modelo orientado ao desenvolvemento humano
presenta unha alternativa para a convivencia: o importante non é o lucro
individual, senón as capacidades das persoas que van a desenvolver a súa vida
en democracia, nun marco de liberdade, igualdade, equidade. Neste sentido, a
ética, a educación para a cidadanía, a filosofía, a historia da filosofía, son
saberes insubstituíbles que forman cidadáns lúcidos, amantes das institucións
democráticas e con habilidades prácticas na resolución dos problemas das
sociedades avanzadas.
A filosofía pode prestar unha inestimable axuda para
contrarrestar o narcisismo, a tendencia á dominación e, xa que logo, o impulso
á estigmatización de colectivos sociais. Mercé ao autocoñecemento que promociona
a filosofía, as persoas poden chegar a recoñecer que a fraxilidade, debilidade
e mortalidade non son aspectos negativos e odiosos da existencia humana. Ser
débil non é vergonzoso e necesitar dos demais non é indigno. Son ocasións para
a axuda mutua, cooperación e reciprocidade.
En segundo lugar, a filosofía, cos seus procedementos
analíticos, permite desmontar o ideal social de que a perfección,
invulnerabilidade e control sobre os demais son os únicos aspectos da vida
adulta que nos permiten prosperar. Estas fantasías de dominación afondan na
angustia, inseguridade e infelicidade das persoas. Sentir interese, responder
con empatía, empregar a imaxinación para poñerse no lugar dos outros,
emocionarse moralmente, son sentidos éticos que divulga a filosofía.
En terceiro lugar, a filosofía impulsa o valor da
indagación e a reflexión argumentada. Para qué? Para descubrir prexuízos; xerar
claridade a respecto dos obxectivos e sentido da vida; valorar a calidade dos
argumentos, non dos oradores e autoridades; detectar sofismas e falacias;
resistir a presión dos superiores e, sobre todo, dos pares; atopar puntos de
encontro entre posicións diferentes; humanizar a aqueles cos que estamos
obrigados a convivir.
En cuarto lugar, grazas aos varios modelos de
pensamento, a filosofía estimula a deliberación sosegada sobre as decisións que
rexen a nosa vida cotiá e impulsa a tomar iniciativas razoables para a
resolución de problemas. Nunha sociedade avanzada calquera cidadán debe estar
formado para, por exemplo, avaliar probas históricas, aplicar o pensamento
crítico á análise de principios económicos, sopesar distintas teorías sobre a
xustiza social, recoñecer a complexidade dos fenómenos relixiosos. Sen a
comprensión holística que proporciona a historia da filosofía, sería unha
tarefa difícil.
En suma, fronte ao individuo que cos seus coñecementos
e destrezas persegue lucrarse dos demais, o cidadán educado filosoficamente é
crítico, activo, curioso, argumentativo, capaz de opoñer resistencia á
autoridade e á presión dos seus iguais. Adestrar persoas envorcadas no afán de
lucro, pon en risco a paz cívica das xeracións futuras e, sobre todo, fai
perigar a continuidade da democracia. Xa que logo, deberiamos redobrar a aposta
por aqueles saberes que como a filosofía manteñen viva a democracia? Si. As
outras opcións son unha estéril fantasía de dominación.
Publicado no Progreso 8-6-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario