III Foro "Lugh Augusti"

domingo, 2 de febrero de 2014

Por que a democracia necesita da Filosofía?



Miguel Ángel Martínez 


O debate social arredor da Lei Orgánica de Mellora da Calidade da Educación (Lomce) pon de relevo o grave contraste de dous modelos educativos. Os defensores do proxecto de lei conciben a educación como unha forma de promover a rendibilidade económica nunha nación. Os detractores contemplan a educación como unha forma de desenvolvemento integral da persoa de acordo co que promulga a Constitución española, e as constitucións dos países democráticos.
Segundo o modelo da rendibilidade, a educación debe contribuír ao crecemento do PIB nacional. Non importan a distribución da riqueza, a igualdade social, as condicións necesarias para a estabilidade democrática, a calidade das relacións de xénero e de raza, o vínculo co entorno medioambiental, o respecto ás outras especies. Os aspectos da calidade de vida non vinculados ao crecemento económico (dunhas elites, evidentemente!) son irrelevantes. Este modelo cualifica positivamente a países con alarmantes niveis de desigualdade, inxustiza e violencia social. Exemplos como China, algúns países árabes, estados da India, entre outros, que demostran a escasa correlación entre crecemento do PIB e calidade de vida (saúde, educación, liberdade política, felicidade), cualifícanse de anécdotas. Malia que producir crecemento económico non equivale a producir democracia (cidadáns e cidadás con dereitos e oportunidades, capaces de dar un sentido cívico á súa vida), os defensores da Lomce dan un xiro mercantilista ao sistema educativo e introducen un utilitarismo falaz nos coñecementos humanísticos e científicos. Todo vale se sirve para xerar una elite competente para os negocios (os seus, claro) e unha masa de xente inhabilitada para gozar dos bens comúns.
Porén, o modelo orientado ao desenvolvemento humano presenta unha alternativa para a convivencia: o importante non é o lucro individual, senón as capacidades das persoas que van a desenvolver a súa vida en democracia, nun marco de liberdade, igualdade, equidade. Neste sentido, a ética, a educación para a cidadanía, a filosofía, a historia da filosofía, son saberes insubstituíbles que forman cidadáns lúcidos, amantes das institucións democráticas e con habilidades prácticas na resolución dos problemas das sociedades avanzadas.
A filosofía pode prestar unha inestimable axuda para contrarrestar o narcisismo, a tendencia á dominación e, xa que logo, o impulso á estigmatización de colectivos sociais. Mercé ao autocoñecemento que promociona a filosofía, as persoas poden chegar a recoñecer que a fraxilidade, debilidade e mortalidade non son aspectos negativos e odiosos da existencia humana. Ser débil non é vergonzoso e necesitar dos demais non é indigno. Son ocasións para a axuda mutua, cooperación e reciprocidade.
En segundo lugar, a filosofía, cos seus procedementos analíticos, permite desmontar o ideal social de que a perfección, invulnerabilidade e control sobre os demais son os únicos aspectos da vida adulta que nos permiten prosperar. Estas fantasías de dominación afondan na angustia, inseguridade e infelicidade das persoas. Sentir interese, responder con empatía, empregar a imaxinación para poñerse no lugar dos outros, emocionarse moralmente, son sentidos éticos que divulga a filosofía.
En terceiro lugar, a filosofía impulsa o valor da indagación e a reflexión argumentada. Para qué? Para descubrir prexuízos; xerar claridade a respecto dos obxectivos e sentido da vida; valorar a calidade dos argumentos, non dos oradores e autoridades; detectar sofismas e falacias; resistir a presión dos superiores e, sobre todo, dos pares; atopar puntos de encontro entre posicións diferentes; humanizar a aqueles cos que estamos obrigados a convivir.
En cuarto lugar, grazas aos varios modelos de pensamento, a filosofía estimula a deliberación sosegada sobre as decisións que rexen a nosa vida cotiá e impulsa a tomar iniciativas razoables para a resolución de problemas. Nunha sociedade avanzada calquera cidadán debe estar formado para, por exemplo, avaliar probas históricas, aplicar o pensamento crítico á análise de principios económicos, sopesar distintas teorías sobre a xustiza social, recoñecer a complexidade dos fenómenos relixiosos. Sen a comprensión holística que proporciona a historia da filosofía, sería unha tarefa difícil.
En suma, fronte ao individuo que cos seus coñecementos e destrezas persegue lucrarse dos demais, o cidadán educado filosoficamente é crítico, activo, curioso, argumentativo, capaz de opoñer resistencia á autoridade e á presión dos seus iguais. Adestrar persoas envorcadas no afán de lucro, pon en risco a paz cívica das xeracións futuras e, sobre todo, fai perigar a continuidade da democracia. Xa que logo, deberiamos redobrar a aposta por aqueles saberes que como a filosofía manteñen viva a democracia? Si. As outras opcións son unha estéril fantasía de dominación.


Publicado no Progreso 8-6-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario