III Foro "Lugh Augusti"

jueves, 13 de febrero de 2014

Hai que resetear España?



Juan Carlos F. Naveiro

Antes de que Gibraltar se convertese en serpe de verán, o verdadeiro culebrón da tempada foi Luis Bárcenas e o seu segredo a voces. “O emperador está nú!”, berrou alguén no patio nacional, e de súpeto todos se miraron de esguello, todos cómplices e culpables.
A financiación ilegal do partido político que sostén ao goberno de España é un paso máis na perda de credibilidade das principais institucións do Estado: un Parlamento aillado dos cidadáns, uns partidos enfrascados en problemas internos, uns xuíces convertidos en instrumentos da loita política, unha monarquía desprestixiada e asubiada acotío. A crise se trasladou da economía á sociedade, nun coctel de afundimento económico e corrupción que cuestiona o sistema político de 1978.
É certo que estamos nun contexto xeral de crise das democracias, e que o deseño da Unión Europea e do euro son factores externos altamente condicionantes, pero iso non debe ser excusa para non plantexar os problemas específicos do país, para non ver a peculiaridade dunha especulación inmobiliaria desaforada e dun tecido productivo débil e dependente.
Temos unha democracia pouco participativa e cada vez menos representativa. A sociedade civil é fráxil, con escasos recursos para opoñerse aos privilexios das clases dirixentes, que tenden a confundirse cos intereses da clase política. Falta cultura democrática na exercicio do poder, e hai pouca identificación co Estado, que se percibe como algo alonxado e opresivo. O sistema de partidos políticos está preso da partitocracia e o bipartidismo, e favorece o clientelismo e a corrupción. E o poder xudicial é lento e opaco, está alonxado da cidadanía, e aínda funciona á medida das élites.
As debilidades da democracia española son outros tantos problemas non resoltos da transición. O encaixe territorial, a memoria da guerra civil e a institución da monarquía son asuntos que non conviña remover demasiado e que foron abordados baixo presións que permanecen latentes e rebrotan con facilidade.
Por eso se fala da necesidade dunha segunda transición, pero sería preciso revisar o significado e o simbolismo do termo. Hai unha “mitoloxía da transición”, que repousa en grande parte nos traumas da guerra civil e na idea dunha reconciliación nacional que condicionou unha imaxe compracente do franquismo. Compre desmitificar o valor simbólico da transición, e poñer xunto á imaxe triunfal do relato dominante, outra imaxe que a pensase como unha especie de “secularización” do mito fundacional que para unha boa parte da España sociolóxica representou o franquismo.
Hai un fío conductor que vai da despolitización franquista da sociedade á actual corrupción, e que consiste nun mesmo desprezo do común, na consideración do público como obxecto de apropiación, susceptible de ser despilfarrado e rapiñado sen asumir ningunha responsabilidade, de maneira que se o público é visto como gratuito para o cidadán e como oneroso para o Estado, por todos lados se impón a lóxica de privatizalo, esixida en aras da modernidade e racionalidade  do sistema. Esta é a conclusión secular da mitoloxía apolítica franquista, que o PSOE levou a cabo cando iniciou en España as políticas neoconservadoras que xa se impoñían en Europa, e que aquí se implementaron ao mesmo tempo que se construía o noso feble Estado de benestar, destecéndose na noite das privatizacións o que se tecía polas mañás na xestión pública da educación, a sanidade ou as infraestructuras. 
Así que daqueles polvos (pasando polo neoliberalismo xa sen mala conciencia da época do PP) veñen agora estes lodos. É necesaria unha relectura máis crítica da transición, e considerar o dato empírico da supervivencia das élites políticas e económicas do franquismo. O economista César Molinas tomou de Acemoglu e Robinson o concepto de “élites extractivas” para aplicalo a esa continuidade histórica das clases dirixentes españolas, alicerce do noso “capitalismo castizo”. Según os autores de ¿Por qué fracasan os países?, unha élite é extractiva cando procede a unha sistemática captura de rendas tal que impide a existencia dun “sistema institucional inclusivo”. A clase política acaba así por ser “disfuncional”, xa que o seu interés diverxe necesariamente do interés xeral (razón pola que a clase política se revolve como gato panza arriba resistíndose ás verdadeiras reformas que irían contra o seu propio interés, e se dedica a desvirtualas, tirar polo camiño máis fácil e reducilas a simples recortes combinados con subas de impostos).
Coa reforma constitucional de agosto de 2011 deuse unha “ruptura silenciosa” pois asumíu sen ningún debate unha importante perda de soberanía; os cravos do sistema extractivo foron ben cravados, os seus principios foron escritos en letras de molde. Pero para revertir esa situación non parece suficiente unha simple reforma constitucional; a xeneralización da corrupción indica que o modelo político está esgotado, e hai que ter a imaxinación de reconstruilo.
Se na transición o debate entre reforma e ruptura se saldou co triunfo da idea de reforma, agora fai falla un cambio político sustancial que recupere parcelas de soberanía, nunha especie de “transición rupturista”. É esto unha utopía? É posible baixo a forma dun novo proceso constituínte? Búscase relato para saír da crise. Para facer outra transición, resetear España e reinventarnos como sociedade.

Publicado no Progreso o 17-8-2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario