III Foro "Lugh Augusti"

jueves, 13 de marzo de 2014

Platón e a política actual



José Domingo de Prada

“Toda a Historia da Filosofía Occidental non son máis ca notas a pé de páxina dos Diálogos de Platón”. Esta frase de Whitehead indica non só o xenio e a influencia de Platón, senón que incluso estamos atrapados nas súas redes aínda que o queiramos negar. A Historia da filosofía desenvólvese nunha tensión entre platónicos e antiplatónicos: os primeiros centralizadores, conservadores e realistas, en cambio, os outros individualistas, indagadores e nominalistas, con Aristóteles á cabeza, discípulo do propio Platón e oposto ao mestre.
No bando platónico sitúanse figuras como ‒só cito algúns famosos‒ Agostiño, Descartes ou Hegel, no aristotélico ou antiplatónico Ockham, Hume ou Nietzsche. Non é menor a tensión que se establece entre ambas correntes, e dará lugar a un remuíño de ideas moi frutífero e tamén a moitos erros e falsas interpretacións.
¿É esta disputa actual? Evidentemente, xa que seguimos, aínda que non sexamos conscientes, escribindo notiñas na marxe dos diálogos platónicos, seguimos divididos entre centralizadores e individualistas, conservadores e indagadores, realistas e nominalistas. As consecuencias actuais desta división son moitas, pero por remarcar algunhas podemos salientar:
Os platónicos pensan que poden acceder á verdade, a cal sitúan no Mundo das Ideas, mundo inmaterial, perfecto e orixe de todo. Alí se atopa o Ben, o Coñecemento e a Perfección. Postulan que ese Mundo das Ideas existe realmente, e incluso que ten máis realidade que o mundo no que vivimos, por este motivo son denominados realistas. Son conservadores e centralizadores, pois como, xa teñen a verdade, o único que deben facer é mantela, e incluso propagala ou impoñela a aqueles que se resistan a aceptala. Así pois, a verdade é dogma e única.
Os antiplatónicos centran as súas inquedanzas sobre este mundo no que vivimos, o Mundo sen máis, e tratan de comprender como funciona mediante descubrimentos sucesivos, conscientes de que a verdade é un ideal utópico ao que nos achegamos continuamente, aínda que nunca lograremos acadalo plenamente. Son nominalistas, porque nomean «as cousas». Estes son indagadores e individualistas. Ao entender a verdade como un proceso aberto, haberá que camiñar cara a ela, non para acadala, senón para achegala cada vez un pouco máis. Cada quen debe avanzar polo camiño que considere mais adecuado, pois non hai un único. A verdade considérase aquí plural e aberta, e consiste máis no camiño que na meta.
Xa ven vostedes, así estamos nos nosos días, cunha sociedade fragmentada entre dous bandos: por un lado platónicos ou posuidores de verdades eternas que se nos presentan como innovadores, polo outro nominalistas que nostálxicos dos tempos nos que a verdade era incerteza e busca, carecen de referentes. Ambos grupos están  repetindo as mesmas actitudes de fai 2.500 anos. Os platónicos, convencidos de que teñen a verdade, lexislan coma se de certo a tiveran, e impóñena a todos como absolutas revelacións dun mundo perfecto: Lei Wert (mellora? da educación), Leis Gallardón (taxas xudiciais, aborto e ¡supresión da xustiza universal!), Lei Fernández Díaz (seguridade? cidadá e blindaxe de fronteiras), Lei Mato (optimización? da sanidade e do gasto farmacéutico), Lei Soria (subastas de enerxía), Lei Montoro (vaivéns nos impostos e Axencia Tributaria) Lei Guindos (rescate á Banca), Lei Báñez (reforma laboral), Lei Pastor (recualificación de infraestruturas), Lei García-Margallo (Gibraltar español e Marca España), Lei Rajoy (por inmaterial, aínda non articulada). Ao lado destes platónicos se sitúa o actual desencriptador da verdade, quen desde o seu acceso ao Mundo das Ideas inspira como debe ser este no que vivimos, o lucense Rouco Varela.
Fronte a eles os nominalistas actuais, enfrontados cunha verdade monolítica que os asoballa, e á que se enfrontan coa febleza das forzas de cada quen: o movemento 15 M (buscando verdades en múltiples asembleas, dispares en tema e organización), parados (tratando de subsistir individualmente cun estado que non só non os axuda, senón que pon pedras ‒leis‒ no camiño), traballadores (disgregados do grupo ‒sen negociación colectiva‒ e asumindo cada quen o seu contrato co capital), mulleres obrigadas a dar a luz (non nais, pois o de ser nai gañase no exercicio diario, non só nun parto sen futuro), enfermos (pagando os servizos médicos e as medicinas cos impostos primeiro e logo en efectivo), aldraxados (que non poden recorrer a unha xustiza cada día máis complexa e elitista), inmigrantes (enfrontados con muros de concertinas), aforradores (desaparecendo entre as quitas, os intermediarios financeiros e os desafiuzamentos), alumnos (privados do pensamento e reconvertidos en monicreques da propaganda), cidadáns (perdendo dereitos e dignidade para responder coa voz única da masa teledirixida).
Mellor que non sigamos. Rematemos cunha frase de Aristóteles: cando o acusaron de traizoar ao seu mestre dixo, “Platón é amigo, pero máis amiga é a verdade”.

Publicado no Progreso o 8-3-2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario