José
Domingo de Prada
Neste
mundo occidental -algúns din civilizado, pero haino que cuestionar ás veces-
está a imporse o modelo de pensamento (se utilizamos o eufemismo) ou ideoloxía
(se preferimos a palabra descritiva) neoliberal. Este tende a presentarse como
a consumación dos tempos (Hegel renovado, Fukuyama ausente) e a mesturar as
súas raíces coas doutros pensamentos, para parasitalos e que pareza que leva aí
tempo inmemorial. Estas son as dúas claves coas que se revisten os procesos
ideolóxicos para presentarse ante a opinión pública como modelos racionais de
pensamento con vocación universal -o que non deixa de ser outro eufemismo,
neste caso de único pensamento válido ou o que é o mesmo, de totalitarismo-.
Formalmente fundaméntase o neoliberalismo en dous
principios: a liberdade persoal absoluta e o dereito a apropiarse da riqueza de
forma particular e exclusiva. Poden parecer principios interesantes e
amigables, e, de feito, moita xente acéptaos de bo grado, pero só ata que lles
toca sufrir as súas nefastas consecuencias, pois son dous principios execrables
en si mesmos, demagóxicos, imposibles, inxustos, irracionais e inmorais.
Analicémolos un pouco.
O
concepto de liberdade que se propón é autocontraditorio, presuntuoso e
irrealizable. Ninguén, insisto, absolutamente ninguén é absolutamente libre,
nin no facer, nin no pensamento. Todos estamos condicionados. É evidente a
nivel material e, igualmente ocorre no pensamento. Facemos o que queremos
dentro do que a sociedade permite e pensamos o que queremos dentro do que a
sociedade nos ensina, pois hai que evidenciar, sen ningún tipo de recato nin
complexo, que o noso comportamento e o noso pensamento son sociais, que están
modelados polo que vivimos, polo que facemos e sabemos. Pensamos e actuamos en
función da nosa relación coas cousas e cos demais e esa relación condiciona a
nosa lectura do mundo e a interpretación que del facemos. Por poñer un símil
actual, cando pensamos realizamos sínteses analíticas do que hoxe se denomina «big
data», somos coma xigantescos procesadores de datos, e como tales, obteremos
conclusións, que non algoritmos, en función dos datos que introduzamos no
sistema para procesar e dos programas con que nos dotemos para manexalos. Entre
outras cousas isto explica que ao neoliberalismo non lle interese que se procesen
datos coa filosofía, nin cun pensamento crítico, chégalle con promover un
pensamento técnico, trenco e mal fundamentado. Dálle menos problemas, aínda que
tamén lle aporte peores solucións. Tanto a liberdade como o comportamento son,
pois, sociais, aínda que despois cada quen os execute ao seu xeito.
O segundo principio, o suposto dereito de
apropiación ilimitada da riqueza, é, en esencia, a xustificación e legalización
teórica do roubo. Na teoría liberal clásica, Locke diante, a apropiación de
riquezas faise a través do traballo. O traballo humano engadido sobre a riqueza
natural é o que lexitima a súa apropiación particular, a xustificación é
argumentada pola propia transformación á que a natureza se ve sometida, de tal
xeito que esta natureza traballada é, literalmente, o que constitúe a riqueza e
pode pasar sen maiores cuestionamentos -para o liberalismo clásico- a ser
propiedade exclusiva de quen a traballou. Pero xa a propia teoría liberal
clásica será cuestionada, pois como todos sabemos hai traballos e traballos,
riquezas e riquezas e incluso, repartos e repartos (pódenlle preguntar ás
traballadoras das conserveiras ás que queren pagar con latas de sardiñas; non
parecen dispostos a aceptar esa moeda os executivos das mesmas empresas).
Aos problemas do liberalismo clásico o
neoliberalismo engade que xa non fai falla traballar para apropiarse riqueza,
tan só un mercado des-regulado (eles chámanlle libre) no que os axentes poidan
xogar sen máis regras que aquelas que lles permitan tender a rede na que caer
cando hai problemas, como estamos a ver ultimamente (e como veremos con máis
claridade en breve, cando se aprobe o Tratado de Libre Comercio entre América e
Europa, TTIP nas siglas inglesas). Toda a suposta novidade desta situación non
é en absoluto novidosa, tamén ocorreu noutros momentos históricos, aínda que se
lle chamara con outros nomes. Así foi por exemplo, cando os patricios romanos
se apropiaron do «ager publicus» e deixaron a plebe nas mans da fame, ou cando
os cerramentos de terras comunais pola aristocracia inglesa expulsou aos
comuneros aos suburbios das cidades ao quedar estes últimos sen recursos. Hoxe,
a apropiación neoliberal da riqueza faise en base á especulación e á capacidade
lexislativa, pero igualmente se fai a costa dos máis desfavorecidos e exércese
unha forte violencia sobre amplos sectores da poboación que, efectivamente non
é física, pero si político-legal. Xérase unha legalidade ad hoc que permite
apropiarse da riqueza natural (lonxitudes de onda, carácteres xenómicos),
pública (sanidade, rexistros da propiedade, educación), común (augas, montes,
terreos de explotación comunal) e incluso doutras privacidades non vinculadas a
un lexislador que as defenda (expropiacións forzosas de terreos para a
construción de grandes urbanizacións privadas).A presión chega a tal punto que
se outorgan privilexios e incluso se toleran monopolios, máxima contradición
teórica do capitalismo de libre mercado.
Chegados a este punto só nos queda, como
Antígonas modernas, o camiño de defender á xustiza da legalidade imposta polos
novos Creontes neoliberais e afrontar os castigos que nos preparan (Lei Mordaza
andante) por atrevermos a pasar por encima da súa lei, da súa inxusta
legalidade.
Publicado no Progreso o 23-5-2015