III Foro "Lugh Augusti"

miércoles, 16 de septiembre de 2015

Pan e respecto



Mar Carballo Cela

As opcións que representan os partidos políticos son algo máis que paquetes de medidas prácticas para dar solución ós nosos problemas: na súa base está unha interpretación do que é o ser humano, e no seu horizonte, o modelo social que a esa interpretación lle corresponde. Convén non olvidalo, porque a democracia neoliberal (se é que tal cousa é posible) corre o risco de reducirse ó esquema simple de oferta e demanda, asumindo o funcionamento propio do mercado e ocultándonos calquera outra  valoración. Demandar  bens e servizos sen que nos preocupe en absoluto a consideración debida que desde o poder se nos estea atribuíndo, convértenos en cómplices dunha sociedade deshumanizada.
Críase ultimamente que as ideoloxías morreran, que a conquista de dereitos firmemente asentados nas constitucións dos países democráticos por fin nos permitía descansar da loita pola dignidade, e que o único que debiamos decidir era quen ofrecía máis para aumentar o noso nivel de vida. 
Pero as ideoloxías existen, e para aquelas que defenden privilexios os dereitos non son máis que simples medios, meras concesións para unha man de obra necesaria e compracente, que nada teñen que ver na súa intención coa construcción dunha sociedade máis xusta. De aí que as súas políticas de recortes afecten sempre a tales dereitos de papel, uns dereitos que non se defenden desde a convicción de que un semellante debe ser tratado como un fin en si mesmo, senón que se dispensan como cousa útil ó sevizo do poder, ó servizo dos que se consideran mellores. Esta diferenza é, precisamente, a que, para min, marca as grandes distancias teóricas entre as distintas ideoloxías, e digo “teóricas” porque na práctica a alianza das forzas políticas coas económicas promete acabar por  diluír tales señas de identidade.
Os dereitos só poden ser construídos con solidez desde a convicción profunda de que todos os seres humanos temos as mesmas necesidades e os mesmos sufrimentos, desde a empatía, desde a plena conciencia de ser dependentes dunha estructura á que chamamos proxecto común. E a pedra angular na que se asenta a política democrática fiel a dita convicción é o respecto. Cando Marx dicía que os obreiros tiñan máis necesidade de respecto que de pan estaba apuntando á clave de toda relación humana. Non nos equivoquemos nas nosas peticións: non debemos pedir pan -este seranos concedido aínda que sexa a través dun comedor social-, debemos esixir respecto; porque só desde aquí o pan non será unha esmola. E de respecto desde as institucións políticas é do que seguimos carecendo na actualidade: diariamente seguimos asistindo a casos de corrupción e tratos de favor, diariamente temos que ir ós tribunais a pedir a xustiza que a administración nos nega, diariamente se nos está botando das nosas casas e se nos di que temos que esperar sete meses para unha cita médica ou un ano para un xuízo, e diariamente temos que soportar a burla da mentira dos que se din os nosos representantes. Que clase de consideración humana é esta desde a cal se nos está dispensando o pan?
O respecto aprendémolo nos primeiros anos da nosa vida, cando abrimos os ollos ó mundo e nos indican como debemos miralo. Vai ser esta primeira mirada a que estableza as categorizacións coas que imos interpretar a realidade. A uns ensínanlles a mirar cara abaixo; a outros, desde a mesma interpretación pero situados no ángulo oposto, diríxenlles a mirada cara arriba envexosos dos que cren superiores; e hai outros ós que lles amosan todo o que hai ó seu arredor, vendo semellantes, coa mirada horizontal do que contempla a paisaxe circundante, respectuoso con toda a súa singularidade. Nesta última maneira de mirar, o lugar que ocupa cada un non responde a ningunha xerarquía, simplemente vai parello a unha función esencial e diferente como esencial e diferente é cada anaco do noso propio ser.
Din que a mirada é o espello da alma, supoño que porque nela se adiviña o sentir desde o cal se pensa e se actúa. Educar no respecto é algo moito máis elemental, sinxelo e esencial que ensinar a comprender conceptualmente o seu significado; depende de algo tan simple e natural como é ensinar a mirar. Que importante é esa primeira mirada e que alta responsabilidade social están exercendo os pais cando ensinan a mirar ós fillos! Sen decatarse, están creando ou estragando a primeira noción de respecto, plantando e cultivando a primeira semente da ideoloxía.


Publicado no Progreso o 29-8-2015

Ética e sabedoría



M. A. Martínez

É opinión común afirmar que desexar a sabedoría é algo atípico. A curiosidade aínda goza dalgún prestixio social, mais a busca da sabedoría hai tempo que non. O poder (político, económico) ditamina que diante da fragmentación e especialización dos coñecementos, a sabedoría é imposible, e a súa busca va. Acusa de inxenuo e incauto a quen a quere. De iluso e ridículo quen vai na súa procura. E a xente reproduce esta sentenza con inconsciencia. Libros como ‘Claros do bosque’, de María Zambrano; ‘A alma e o espello’, de Rafael Dieste; ‘A idade do espírito’, de Eugenio Trías, ou   ‘Breviario de filosofía práctica’ e ‘O círculo da sabedoría’, ambos os dous de Ignacio Gómez de Liaño, por citar só algúns, son lugares pouco transitados de busca da sabedoría.
A idea de sabedoría sufre unha metamorfose perigosa na nosa cultura. A busca do coñecemento orientada pola obsesión produtivista distorsiona a función do saber. Fúrtalle a súa medula ética: ser unha maneira saudable de vivir. Pierre Hadot, especialista na antigüidade clásica, constata que a busca da verdade coñecida como filosofía ten efectos beneficios para a mente e o corpo, o individuo e a sociedade —o seu libro ‘A cidadela interior’ sobre o pensamento do emperador romano Marco Aurelio, é admirable—.
Certamente saber consiste en aprender a conducirse na vida, lograr un pouco de tranquilidade, facerse cunha morada agradable —traballo, salario, fogar, un entorno agradable de seguridade e benestar—. A día de hoxe inclusive xa é pedir moito. Pero a sabedoría engloba algo máis e, tamén, distinto. A sabedoría alborexa no saber da nosa condición insapiente: na conciencia de que o humano é o único animal que necesita aprender para estar vivo e aprender a morrer para estar morto. O que para o animal é habitación natural do mundo, para o humano é un sitio destinado a ser habitable e habitado. Algo que ten que adaptar, construír, reconstruír e, tamén, coidar. Que facer entón coa miña vida? Como vivir sabendo que vou morrer? A partir destas preguntas bifúrcase o camiño do amante da sabedoría e o necio.
A primeira senda da sabedoría consiste en ser capaz de resistir o padecemento físico, o sufrimento psíquico. A dor é unha disonancia, un acomodo desafortunado entre as partes dunha totalidade viva. A vida boa é unha sorte de acordo musical da vida humana co mundo, un coaxuste cuxo ritmo e timbre dirixe un director interior: a capacidade de autodominio. A sociedade esgaza e despreza esta capacidade de imperar sobre nós mesmos. Convertémonos en díscolos que se renden cedo á dor e se entregan a consolos imaxinarios. Escravizámonos co placebo da inmortalidade a través de dispositivos demasiado mortais —o consumismo irreflexivo, a elaboración de proxectos sempiternos, por exemplo—.
A segunda senda trázase no saber do tempo. Se o tempo é infinito: por que haberiamos de tomar en serio o que pasa? Atreverse a vivir así, sen doses alleantes de inmortalidade, é tanxer un dos compases da sabedoría. Cal? O vínculo paradoxal entre o autodominio interior e a soberanía do inelutable. Como mandar sobre a fatalidade? O necio esfórzase en transformar o non transformable. Intenta domar a morte con torpeza. O amante da sabedoría toma con humor a natural imbecilidade humana de vivir na arela da inmortalidade que na actualidade o capitalismo formula como terra tecnolóxica de promisión.
Na terceira senda vese o verdadeiro rostro do necio. Ademais de apaixonado e sufrinte, emotivo e cruel, é falsario. O necio renuncia a conducirse como amante da sabedoría porque se rende a encarar a morte desde o precario habitar humano e o infundado de calquera posición. O necio acusa ao amante de sabedoría de abdicar da loita e o compromiso, de practicar arranxos e manexos. Para o necio a súa renuncia a dominarse a si mesmo vai aparellada á vontade de dominar o curso dos acontecementos e, tamén, aos demais, en virtude dun fin coñecido e válido só para el. Ignora que o seu empeño é ruinoso, que sucumbe no tempo abisal, no abisal do inmemorial. Porque, en realidade, saber é desapropiarse dos propios actos unha vez acometidos. E renunciar, cun aceno de lúdica ironía, á vontade de poder.
Na cuarta senda aparece o máis temido: o terror. A que? Á fenda. Ao abismo insalvable. Ao burato no tecido da realidade. Á ausencia. A face do necio descomponse e revela o esencial da súa empresa: salvar o que sexa a calquera prezo. Salvar, por exemplo, a través do recordo —a exaltación do memorial— ou do seu contrario patolóxico, o esquecemento —destruír, acabar con todo—. Dupla vontade salvífica e paradoxal que pode manifestarse no coidado neurótico ou na querenza do instinto de morte. Na veneración timorata ou no fetichismo do novo. Duplo rostro de Xano que quere salvar do tempo algún proxecto de vida ao prezo de sementar unha árbore de raíces aéreas. Un ser asfixiado.
O amante da sabedoría fai o traballo do dó, acepta o inexorable do acontecer, identifica o rostro do necio, ábrese a seguir camiñando cando irrompen os efectos do terror. Catro sendas que poden ser unha meditación persoal e social. Unha saudable maneira de vivir na busca da verdade. Cunha ética acorde coa nosa condición de seres expósitos nun planeta errante. Que acepta con serenidade a falta de resposta ás preguntas que o poeta Heinrich Heine dirixe ás ondas do mar do norte: «Dicídeme, que sentido ten o ser humano? / De onde veu? A onde vai? /... / Sopra o vento, foxen as nubes, / Cintilan as estrelas, indiferentes e frías, / E un tolo agarda resposta». (‘O mar do norte’, Espiral Maior, 2015, p. 127).

Publicado no Progreso o 22-8-2015

'Ars amandi'



Xosé Ramón Cando

Afirma Michel Foucault na súa ‘ Historia da sexualidade’ que a nosa civilización carece de algo semellante a unha ‘ars erotica’ que como queda rexistrado nos textos históricos tiveron a fortuna de posuír os habitantes doutras idades. Neste senso o profesor Xosé Manuel Domínguez Prieto no limiar da súa obra ‘Alén da libido’ sinala que:
"Historicamente, temos sobranceiras  mostras  do  tratamento da sexualidade e da afectividade en xeral nos textos de ars erótica ou os de ‘ars amandi’. Así dende as nosas cantigas de amor trobadorescas ata a literatura árabe medieval (lémbrese O colar da pomba de Ibn Hazim de Córdoba), dende o ‘Cantar dos cantares’ bíblico ou as referencias en multitude de textos orientais deica os textos de Platón (coma ‘O banquete’) e máis as referencias de Tomé de Aquino na ‘Summa theologica’, son millenta as referencias parciais ao acto sexual. Nembargantes, ‘Ars amandi’ nin se elaboraron discursos racionais sobre a sexualidade humana nin constituíu un obxecto en si mesmo: sempre estaba supeditada, dun xeito ou outro á relación amorosa".
Pode apreciarse a concordancia con Foucault quen, ademais, pon de manifesto que somos os primeiros e primeiras en practicar unha ‘scientia sexualis’ consistente en dicir a verdade do sexo (entre outra moitas e mais coñecidas, pódese mencionar aquí a obra ‘Crítica de la razón sexual’ do filósofo galego Ignacio Castro). Ou sexa, pensamos, falamos, sabemos moito sobre que é o sexo pero somos bastante iletrados nas artes amatorias.
Recentemente vén de publicarse en Edicións Positivas a novela do tradutor lucense Xulio Pardo de Neyra ‘Intensa e quente é a túa humidade azul’, cuxa principal característica non reside na súa construción racional sobre o feito sexual senón na mostra da relación en si mesma, dos actos e as emocións que conlevan. Pode considerarse a primeira novela abertamente pornográfica en lingua galega na que a elección dos termos empregados pola parella protagonista  corresponde  coa coloquialidade propia das situacións que se relatan. Neste senso, nunha entrevista concedida á prensa escrita o autor sinala: "O noso idioma é unha das linguas románicas máis imaxinativas; temos 50 ou 60 palabras para falar do rabo". E expresa o propósito da súa obra: "Agardo que con este libro a xente foda máis en galego".
A historia transcorre na cidade francesa de Dijon e ten como protagonistas a Fer (enxeñeiro sesentón) e a Monique (moza estudante universitaria). Para afondar no contido pode ser de axuda lembrar a coñecida ‘Histoire d’O’, reiteradamente mencionada por Fer que lla facilita a Monique co obxecto de que inspire o seu comportamento sexual. Trátase polo tanto de establecer unha relación dominación/submisión que a xuízo de Fer permitirá a total desinhibición de Monique e polo tanto un goce sexual, para ambos os dous, moito máis intenso. Nunha relación amo/escrava non pode estar ausente o sadomasoquismo, aínda que neste caso a expresión do mesmo é bastante morna. A relación da comezo como froito do desexo que se transforma en goce (intenso) para rematar producindo unha historia de amor fanada polo falecemento de Fer. Non se pretende facer aquí unha louvanza desta novela cuxas calidades literarias son, cando menos, discutíbeis. Simplemente se constata a súa existencia e o enriquecemento que a mesma supón para a nosa lingua.
Podemos concordar, ou non, co que escribía Foucault fai preto de cincuenta anos, tamén podemos pensar que nese tempo se teñen producido achegamentos ao que el nomea como ‘ars erotica’, aínda  que,  se  cadra,  dende  unha ollada centrada exclusivamente no goce dos sentidos, excluíndo compoñentes de carácter espiritual, mesmo relixioso (en relación co aspecto relixioso, lémbrese o ‘Kamasutra’  hinduísta  ou  o tantrismo budista), que eran centrais nas obras clásicas sobre este tema. Probablemente, o cultivo sexual do espírito vai parello co (non) cultivo do espírito nas nosas sociedades, nas que ante calquera nova da que temos coñecemento, xurde en nos a interrogación pola súa  utilidade. Non está de máis citar a Kant e a súa esixencia de inutilidade para a creación artística.
Outra cuestión que procede clarexar é o estatuto da pornografía, neste caso da que ten a literatura como soporte. Tende a asociarse a pornografía con algo noxento o, polo menos, con algo de carácter inferior, impropio dun discurso elevado e digno de consideración académica. Esta mentalidade  un  tanto  miope non permite decatarse da utilidade intelectual e social de construír obras literarias, dignas de tal nome, nas que se reflicten fantasías sexuais máis ou menos  estendidas,  máis  ou  menos ignoradas polo seu carácter desacougante, pero inexorablemente presentes en nós; cando menos, nos nosos soños..

Publicado no Progreso o 15-8-2015

Pedras que falan (un centenario)



Juan Carlos Fernández Naveiro

Igual que o ceo estrelado está cheo de signos que non son inmediatamente descifrables, moitas pedras espalladas polos montes de Galicia conteñen unha simboloxía que solo é significativa para os que dominan certas claves, pedras e estrelas que falan unha linguaxe misteriosa, aberta ás interpretacións pero sobre todo necesitada de estudo e investigación.
Un dos investigadores que máis contribuiron ao coñecemento dos petróglifos galegos foi Ramón Sobrino Lorenzo Ruza (1915-1959), do que este ano se cumpre o centenario. A obra de Lorenzo Ruza, espallada en publicacións como os Cadernos do Seminario de Estudos Galegos (en colaboracións con Fermín Bouza Brey) e o Noticiario Arqueológico Hispánico nos anos 40 e 50, ata a súa morte prematura, é unha mestura que combinaba o traballo de campo co rigor intelectual, e cultivaba tanto o gusto polas formas culturais do rural galego conformadas a carón dos petróglifos, castros e mámoas, como as conexións intelectuais con sectores da alta cultura europea do momento, pouco coñecidos aquí neses anos, como a filosofía alemá de Rickert ou Cassirer, o enfoque novidoso da arqueoloxía por Gordon Childe, ou as investigacións sobre o megalitismo escocés, inglés ou irlandés, que terían un uso peculiar —sometido despois a importantes revisións— no que se chamou ‘celtismo’.
Lorenzo Ruza tivo a súa escola ben preto, na súa propia familia, e consérvanse moitas fotografías de finais dos anos 20 e principios dos 30 nas que aparece acompañando ao seu pai, Ramón Sobrino Buhígas, en múltiples excursións arqueolóxicas que facían por comarcas do interior de Pontevedra. Nos inicios da saga estaba tamén o curmán deste, Enrique Campo Sobrino, que morrera en 1911 con só 21 anos deixando unha boa colección de debuxos de petroglifos, igrexas e escudos que foran eloxiados pola Real Academia de Historia en Madrid, despois de mostralos na Exposición Regional Gallega de 1909.
Xunto ás súas contribucións moi singulares ao debuxo arqueolóxico, a aportación máis salientable da saga familiar chegou da man do pai Sobrino Buhígas, que foi un dos protagonistas da intensa actividade da Sociedad Arqueológica de Pontevedra nos convulsos anos 20 e 30, e deixou unha xoia bibliográfica, o Corpus Petrogliphorum Gallaeciae, editada por vez primeira en 1935 en latín (fermosamente reeditada en edición facsimilar e tradución galega por Edicións do Castro no ano 2000, ao coidado do epígono Ángel Núñez Sobrino). Os Sobrino foron (e son) investigadores heterodoxos e difícilmente clasificables que se moven entre o estudo da paisaxe e a vocación humanista, cunha paixón polo coñecemento imbuída de entusiasmo artístico e vital.
Lorenzo Ruza dirixíu imporantes excavacións no Morrazo nos anos 50, e a día de hoxe as localizacións máis estudadas e coidadas están no entorno de Campo Lameiro, preto da súa casa familiar de Cequeril.
Pero a maior concentración de petróglifos por explorar e catalogar dase no Concello de Vilarmaior, onde eu vivín cos amigos de Terra de Trasancos unha experiencia sorprendente, deitarse sobre unha grande pedra por baixo dun plástico negro, facer a noite e ver como aparecen os círculos e outras xeometrías e formas levemente humanas. Coma no círculo lítico de A Roda en Barreiros, hai pedras que coa luz adecuada comezan a falar, lugares nos que se escoita esa linguaxe discutida e misteriosa dos megalitos e petroglifos que nos falan a través do tempo.

Publicado no Progreso o 8-8-2015