III Foro "Lugh Augusti"

sábado, 30 de enero de 2016

Poder e medo inducido



Gonzalo Pérez López


O medo como emoción primaria ou reacción instintiva ante  perigos  ou  situacións de risco pode considerarse como un mecanismo beneficioso para a supervivencia da especie humana. Pero sobrevivir é cualitativamente moi diferente de vivir, polo que a miña reflexión non se ocupará desa manifestación natural senón do medo socialmente patolóxico instrumentalizado polo poder para perpetuarse, provocándonos restrición das liberdades, inhibición comportamental ou  accións de rebote expresadas nunha fuxida irracional cara adiante, segundo os intereses circunstanciais de aquel.
Desde moi variados enfoques, antropólogos e psicólogos analizaron o medo co fin de caracterizalo, explicalo, estudar a resposta que provoca e, se é o caso, enfrontalo. Para os condutistas o medo sempre é aprendido e tende a xeneralizarse. Freud distinguía  o real (proporcional ó perigo)  do neurótico (cando a intensidade non garda relación coa ameaza), é dicir, o racional do irracional. Desde unha perspectiva histórica e cultural, Burke conclúe que, de todas as emocións, a máis fácil de estimular é o medo, do que distingue dúas formas básicas de amosarse, a externa a un, que se pode identificar, combater ó que o provoca ou fuxir, e o interno, no que o suxeito non pode identificar a súa orixe.
A pesar da dispar orientación destas  interpretacións, lonxe  de resultar incompatibles, cabe consideralas, en boa medida, complementarias. Así, no proceso de socialización, ademais de costumes, estilos de vida, códigos e normas derivados da escala de valores socialmente dominante, aprendemos tamén medos irracionais, cuxa procedencia non somos capaces de precisar, pero que condicionan decisivamente a nosa traxectoria vital.
A indución destes medos como coadxuvantes ó control social, ofrecendo á vez diversas vítimas expiatorias por se fose necesario exteriorizalos a súa comenencia, é un obxectivo prioritario das elites  mundialmente reinantes. Estas manexan tanto os medos en si como os tempos dos mesmos.
Ao longo da historia, o recurso por excelencia do poder para a inoculación do medo foi a instrumentalización da relixión. Aínda hoxe ese uso revirado das relixións goza de considerable predicamento entre os estrategos  da domesticación masiva en boa parte do mundo, pero o progresivo proceso de secularización esixiu das elites a substitución da relixión como xeradora  de medos e a busca de novos canles para  expandilos. Entre estes dispoñen hoxe da fidelidade dos medios de comunicación de masas que, polas súas posibilidades manipuladoras, capacidade difusora e tendencia monopolista, ofrecen unha extraordinaria funcionalidade cara ó obxectivo de amedrentar a unha sociedade tendente á globalización. Así, só necesitan concretar a diversificación de medos a potenciar, asentados todos eles sobre a ignorancia, con independencia da vía pola que se  inxecten.
Nesta mal chamada sociedade da información, eses medios masivos, no canto de satisfacer o dereito á información veraz, o que fan é propiciar unha xeneralización globalizada do medo: ó descoñecido, ó enfado dos mercados, á guerra , ó contaxio  vírico diverso, ó terrorismo, aos ERES, a que nos responsabilicen da crise, ó despido libre, á subida da prima de risco, a ir “aínda peor”, a carecer do suficiente espírito “emprendedor” para contribuír a alixeirar as listas do paro, a non ter experiencia abonda, a cuestionar que “sempre haberá pobres e ricos” sexa un axioma con proxección de futuro, a non ser politicamente correcto, a ser tan “inmaturos” que imaxinemos posible un modelo económico e social distinto do imperante, a esquecer  que os ricos o son por méritos propios, a non resignarnos  a renunciar ó exercicio de dereitos básicos, a que non gobernen os de sempre, a perder o que non temos, a non ser suficientemente conserv adores dos intereses duns poucos asumidos como propios, …
Pero tamén nos insuflan outros medos non menos condicionantes: ó que dirán, a ser un, ó fracaso, a non ser miméticos cos valores impostos, a non ser recoñecidos socialmente, o non estar na crista da onda da moda e do oficialmente moderno, á exclusión, a non poder participar da orxía consumista, a desviarnos das medidas corporais estándar, á sinceridade, ó diferente,  a ir a contrapelo do sentido do rabaño, a ser utópicos, …  a todo canto sexa susceptible de convertelo en medo.
Afecte individual ou colectivamente, sexa real ou imaxinario, ou simplemente o difuso e corrosivo medo ao medo,  aprovéitano para lexitimar recortes de dereitos, prexuízos, exclusións de toda índole e renuncias á liberdade e á autonomía persoal.
O medo só pode vencerse enfrontándonos ó que o provoca, pero o vicioso do círculo que nos atrapa é que, sumidos na ignorancia, o propio medo nos incapacita intelectualmente para comprendelo e poder superalo.
A reflexión filosófica, máis alá do ornato intelectual soportable, pasa por demostrar que se o medo axudou á evolución biolóxica, a (r)evolución social pasa precisamente pola eliminación dos medos premeditadamente inducidos que alimentan e reforzan, transversalmente, as distintas manifestacións da alienación que asolan a sociedade actual, orientando a praxe moral, social e política  á substitución da escala de valores dominante por outra que priorice a nosa realización como persoas.

Publicado no Progreso o 2-1-2016
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario