Elías Pérez Sánchez
En maio de 2011 a xente do común, descontenta polas consecuencias da crise
do 2008, polos recortes sociais, polo descrédito das institucións políticas e
públicas, pola corrupción e a insensibilidade dos dirixentes políticos do
réxime, uníuse nas rúas reclamando xustiza, dignidade e máis adiante, pan,
teito e traballo. A xente do común levou á praxe aquel berro teórico que
Stéphane Hessel e José Luis Sampedro plasmaron no libro “¡Indignaos!”: “non
vivades na indiferenza e levade adiante a insurrección pacífica”, dicían.
O movemento 15-M reclamaba honestidade política, democracia real e radical,
soberanismo cívico, economía do ben común e cooperación política frente a un
réxime en estado catatónico convertido nunha mistura de oligarquía e
plutocracia. Paradoxalmente, e contradecindo a opinión compartida pola
ortodoxia do sistema, o movemento e o seu espíritu cristalizou. Fíxose caso una
vez máis (por así dicilo) ao chamamento de Hessel: non chegaba con indignarse;
era necesario comprometerse: “buscade instrumentos eficaces de acción política
para loitar contra as inxustizas, os abusos de poder dos oligarcas e
plutócratas e contra o atropeio dos dereitos humanos. Non vos rindades, sede
ambiciosos”.
E naceu Podemos como organización política que remexeu as augas noxentas do
lodazal político. E surxiron as Mareas nunha nova primaveira, neste caso, no
mes de maio deste ano. Mareas que entenderon a política como praxe política
participativa, cooperativa e cidadá. Podemos e a conformación das mareas foron
a solidificación dos movementos reivindicativos do 15-M e das Marchas da
Dignidade.
Tratábase de levar adiante un proxecto político compartido de autodefensa
cidadá ante as agresións dos poderosos. E este proceso de autodefensa segue
medrando. O 20-D anuncia un cambio, a reconquista dos dereitos sociais, da
soberanía popular, da igualdade e da xustiza social. Todo aquelo que o réxime
putrefacto do 78, cuxos restos cadavéricos xa cheiran máis da conta, conseguíu
practicamente borrar da historia. O 20-D pode ser o principio dun novo
escenario político e social esperanzador que, desde a esixencia ética
individual e colectiva e o rexeitamento explícito da violencia (instrumento de
moitos cambios políticos e sociais producidos ao longo da historia), acade o
que José Luis Sampedro e Stéphane Hessel desexaban: atopar una vacina eficaz
contra a tiranía dos mercados e os seus aliados e desembarazarse das
oligarquías que nos gobernan reconquistando, definitivamente, unha auténtica
democracia. Unha democracia real e non virtual.
Publicado no Progreso o 27-12-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario